Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de febreiro de 2020

    O Concello de Barakaldo puxo en marcha unha partida de axudas á rotulación en éuscaro que poderán solicitar ata o 11 de decembro as empresas e establecementos comerciais e hoteleiros da localidade.       

    Fonte: En Barakaldo

    20 de febreiro de 2020

    A proposta enviada ao Goberno español e ao resto de grupos parlamentarios consiste no recoñecemento legal da unidade da lingua catalá e o emprego da denominación “catalán” en lugar de "valenciano" para referirse á lingua oficial, xunto ao castelán, da Comunidade Valenciana.  

    Fonte: El Periòdic

    20 de febreiro de 2020

    O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 17 de febreiro publicou, logo da aprobación provisional e a fase de información pública, a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Covelo.

    Fonte: CTNL

    19 de febreiro de 2020

    Como cada 21 de febreiro, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) conmemora en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Materna co fin de lembrar a responsabilidade de todas as persoas e Estados na promoción e protección do plurilingüismo e da diversidade lingüística e cultural. Este ano o tema escollido é "Linguas sen fronteiras".

    Fonte: UNESCO

    19 de febreiro de 2020

    A Consellería Cultura, Política Lingüística e Turismo informou de que se van organizar cursos formativos para persoas adultas adaptados ás probas oficiais de competencia no uso da lingua asturiana, con cinco niveis de acordo co Marco Común Europeo de Referencias para as Linguas.

    Fonte: La Vanguardia

    19 de febreiro de 2020

    Ante as denuncias por discriminación lingüística que se produciron nos últimos meses na Comunidade Valenciana, a Dirección Xeral da Policía Nacional enviou unha circulara para que en cada quenda haxa, polo menos, un funcionario que poida atender a cidadanía en valenciano.

    Fonte: La Vanguardia

    19 de febreiro de 2020

    Na actualidade só dous centros de FP en Galicia escolleron o portugués para os seus ciclos formativos plurilingües: o IES San Clemente de Compostela e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo. Por este motivo, a asociación Docentes de Portugués na Galiza iniciou unha campaña para que máis centros soliciten esta opción para o curso 2020-2021.

    Fonte: Praza Pública

    19 de febreiro de 2020

    O Goberno de Hungría destinará 180 millóns de euros á formación en linguas estranxeiras en diferentes países do mundo para estudantes de ensino secundario.

    Fonte: The Pie

    19 de febreiro de 2020

    Unha campaña do servizo de promoción turística das Hébridas Exteriores de Escocia recorre á valorización da lingua e cultura gaélicas como reclamo para atraer visitantes á zona.

    Fonte: Scotsman 

    18 de febreiro de 2020

    Filmin Euskaraz, posto en marcha pola plataforma de cine en liña Filmin, é a primeira canle de películas en streaming en éuscaro e inclúe tanto producións rodadas nesta lingua como dobradas ou subtituladas. As persoas usuarias terán acceso a títulos que se dividen en tres bloques: ficción, documental e infantil.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder