Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de febreiro de 2020

    A Academia Romanesa das Ciencias criticou as declaracións do presidente da República Moldova, Igor Dodon, que afirmaban que o seu país tiña a súa propia lingua, o moldovo.

    Fonte: Balkan Insight

    03 de febreiro de 2020

    O Concello de Bilbao organiza o programa 'Ikusi eta Ikasi' que, a través de actividades gratuítas, impulsará ao longo do mes de febreiro o lecer en éuscaro. Teatro, circo, maxia, música, danza ou obradoiros son algunhas das alternativas das que poderán gozar as nenas e os nenos de 4 a 10 anos.

    Fonte: La Vanguardia

    03 de febreiro de 2020

    Ata o 23 de febreiro permanecerá aberto o prazo para que a cidadanía poida presentar “o tuit que lle gustaría ler en 2020”. Os tuits deberán estar en éuscaro, non sobrepasar os 140 caracteres e levar o cancelo #EibarTxioLehiaketa.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    03 de febreiro de 2020

    Despois de anos de reclamacións dos colectivos en defensa da lingua, Ikea incorpora o galego entre os idiomas dispoñibles na súa páxina web. Ata agora era a única lingua cooficial ausente tanto na web como na atención á clientela.

    Fonte: Nós Diario

    03 de febreiro de 2020

    A Universidade de Vigo converteuse na primeira institución pública en contar cunha aplicación de atención á comunidade universitaria, principalmente ao alumnado, baseada en intelixencia artificial e comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego.

    Fonte: Universidade de Vigo

    03 de febreiro de 2020

    O presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, presentou o programa de apoio da lingua portuguesa no ensino público de Santo Tomé e Príncipe que contará cun orzamento de tres millóns de euros.

    Fonte: A Bola

    31 de xaneiro de 2020

    O Consello de ministros e ministras italiano aprobou unha proposta de lei para que o día 25 de marzo sexa constituído como Día Nacional de Dante Alighieri, poeta da Divina Comedia.

    Fonte: La Repubblica

    31 de xaneiro de 2020

    Rusia permitirá que os e as nacionais de Ucraína e Belarús poidan optar á nacionalidade rusa sen a obrigatoriedade de demostrar as súas competencias lingüísticas en ruso.

    Fonte: BELSAT

    31 de xaneiro de 2020

    Unha reunión entre a alcaldesa da cidade brasileira de Pelotas, no estado de Río Grande do Sur, Paula Mascarenhas, e o cónsul xeral de Alemaña no Brasil, Thomas Schimitt, serviu para reforzar os proxectos de ensino da lingua alemá na cidade. Nestes momentos está operativo un proxecto piloto que permitirá introducir o ensino da lingua de Goethe nas escolas públicas da cidade en horario extraescolar.

    Fonte: Jornal de Comércio

    31 de xaneiro de 2020

    Ata o 10 de febreiro está aberto o prazo para votar os semifinalistas dos XII Premios MIN da Música Independente, entre os que se atopan quince propostas de diferentes estilos que optan ao mellor álbum en galego.

    Fonte: Culturagalega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder