Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de outubro de 2019

    A Xunta de Galicia promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    29 de outubro de 2019

    O Goberno de Suecia está estudando a posibilidade de cambiar a lei e introducir o requisito de realizar un exame de competencia en lingua sueca para as persoas que queiran conseguir a cidadanía.

    Fonte: The Local

    29 de outubro de 2019

    A Oficina do Censo dos Estados Unidos de América (EUA) revelou un dato récord: 67,4 millóns de persoas falan unha lingua diferente do inglés na casa. Nun total de 90 cidades espalladas por todo o país a porcentaxe de persoas que falan unha lingua estranxeira sobrepasa o 50 %.

    Fonte: Washington Examiner

    29 de outubro de 2019

    O Concello de Vigo acaba de editar dous novos libros da colección Toponimia do Val do Fragoso. Trátase do volume 6, dedicado á parroquia de Bembrive, e o volume 7, dedicado á de Candeán. Ademais, comezouse xa a redacción de dúas novas entregas correspondentes aos barrios de Cabral e Zamáns.

    Fonte: Concello de Vigo

    29 de outubro de 2019

    Esta plataforma presentou no Concello un recurso potestativo de reposición contra o acordo que revocou o pacto plenario que incluía a Huesca como cidade bilingüe e solicitan que se repoñan os sinais de benvida á cidade en aragonés e castelán.

    Fonte: El Diario

    29 de outubro de 2019

    O Goberno do País Vasco fixo a tradución ao éuscaro de cinco normas de xestión de calidade ISO dirixidas ás empresas co obxectivo de impulsar o uso deste idioma no ámbito socioeconómico.

    Fonte: El Diario

    29 de outubro de 2019

    A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL) convida un ano máis aos concellos galegos a festexar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia a través da galeguización da sinalización dos cemiterios e da colocación de placas conmemorativas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de outubro de 2019

    O BNG solicitoulle por escrito ao Concello da Coruña que a sinalización, a información e os avisos que se realizan por megafonía na estación de autobuses sexan en galego, xa que na actualidade toda a comunicación se fai exclusivamente en castelán.

    Fonte: La Opinión

    28 de outubro de 2019

    O sitio web das mediatecas de Carcasona publicou en liña o único manuscrito que se conserva do Roman de Flamenca, unha novela anónima do século XIII considerada unha das máis importantes da literatura occitana.

    Fonte: Jornalet

    28 de outubro de 2019

    O Departamento de Defensa dos Estados Unidos de América (EUA) abriu en Taiwán o Chinese Overseas Flagship (COP), o segundo centro para a aprendizaxe do chinés que o país americano ten en Asia. Actualmente 22 estadounidenses estudan chinés neste centro que ten a súa sede na Universidade Nacional de Taiwán.

    Fonte: Focus Taiwan

     

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder