Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de outubro de 2019

    O Consello da Avogacía Catalá celebra unhas xornadas sobre o uso do catalán na Xustiza ante a preocupación polo descenso no número de sentenzas nesta lingua, un 7,7 % en 2018, polo que solicita apoio da xudicatura para asegurar os dereitos lingüísticos da cidadanía.

    Fonte: Abogacía

    28 de outubro de 2019

    O ciclo 'Cine valencià i cine en valencià. Els llenguatges de la cinematografia valenciana' terá por obxectivo analizar o sector audiovisual na actualidade así como o papel da lingua valenciana neste ámbito e contará con mesas de debate e diversas proxeccións, entre outras actividades.

    Fonte: La Vanguardia

    28 de outubro de 2019

    Román Rodríguez expuxo a folla de ruta do Ano Santo con accións e medidas concretas que involucran a diversas consellerías a través dun plan de goberno para “dar forma a un Xacobeo extraordinario que defina a Galicia da próxima década”. A lingua, como ferramenta de integración e convivencia, disporá dun 5,3% máis de fondos para fomentar o galego nos ámbitos familiar, de lecer e socioeconómico.

    28 de outubro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu, no Museo do Pobo Galego, á presentación das exposicións resultantes das propostas gañadoras do XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    28 de outubro de 2019

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial Ovidio Rodeiro asistiron na Casa da Cultura de Camporrapado ao espectáculo de dinamización lingüística "A nena e o grilo máis aló".

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de outubro de 2019

    A proximidade dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 serve de estímulo para a aprendizaxe da lingua de signos internacional. Cada vez máis persoas no Xapón asisten a cursos de lingua de signos co fin de mellorar a comunicación con persoas con problemas de audición doutros lugares do mundo.

    Fonte: Kyodo News

    25 de outubro de 2019

    A Asemblea Xeral do Comité Paraolímpico Internacional votará se inclúe o portugués como lingua de traballo da organización.

    Fonte: TSF

    25 de outubro de 2019

    O Concello de Vigo, no marco da campaña “Meu: coñecéndonos, descubríndonos”, organiza o curso “A cultura do mar”, co obxectivo de que as persoas asistentes amplíen o seu coñecemento sobre a cultura, o léxico e a toponimia marítimos.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    25 de outubro de 2019

    Segundo un informe elaborado polo sindicato CC. OO., desde o curso 2007-2008, o número de matriculacións en lingua asturiana descendeu un 14,5 % en Primaria e un 8 % en Secundaria, mentres que no Bacharelato a súa presenza é testemuñal.

    Fonte: El Comercio

    25 de outubro de 2019

    A conselleira de Cultura do Goberno catalán explicou as principais liñas da política lingüística con respecto ao aranés, unha lingua que se compromete a impulsar e defender.  

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder