Cataluña
Plataforma pola Lingua inicia unha campaña para que os taxistas utilicen o catalán cos seus clientes
Esta campaña iniciada pola organización Plataforma pola Lingua ten como principais destinatarios os taxistas de nacionalidade estranxeira de Cataluña, aos que animan a utilizar o catalán cos seus clientes. Para logralo, entregáronlles un libro con frases útiles en catalán, español e inglés.
Fonte: ABC
A toponimia catalá conta cunha nova páxina web
O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña, a través da Comisión de Toponimia, creou un novo espazo web para promover a toponimia catalá entre os cidadáns e os municipios.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Publican o sétimo volume do Atlas lingüístico do dominio catalán
O Instituto de Estudos Cataláns publicou o sétimo volume do Atlas lingüístico do dominio catalán, que inclúe uns douscentos termos, mapas e fotografías e que amosa as diferenzas no vocabulario empregado no territorio.
Fonte: Lo Campus Diari
Reus celebra sesións de contacontos para fomentar a lectura en catalán entre os nenos
A actividade “Contos nas Prazas”, que tivo lugar en Reus, consiste en sesións de contacontos para nenos, co obxectivo de incentivalos a ler en catalán ademais de dar a coñecer os servizos ofrecidos polas bibliotecas. Esta iniciativa foi unha das gañadoras do Premio de Ideas para Promover o Uso do Catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Unha trintena de institutos de Cataluña ofrece a posibilidade de cursar un terzo do Bacharelato en lingua francesa
Como parte do programa Batxibac, unha trintena de institutos autorizados de Cataluña ofrece aos estudantes de bacharelato a posibilidade de realizar un terzo do curso en lingua francesa ademais de estudar as materias de Lingua francesa e Historia de Francia.
Fonte: E-notícies
O uso social do catalán reduciuse nun 0,5 % durante 2014
Un informe sobre a situación do catalán sinala que o uso social desta lingua se reduciu nun 0,5 % durante 2014. Ademais, o informe tamén conclúe que o Goberno central aumentou a súa presión sobre o catalán.
Fonte: La Vanguardia
O Instituto de Estudos Araneses iníciase como organismo normalizador do aranés
O Instituto de Estudos Araneses iniciará a súas funcións como Academia aranesa da lingua occitana, polo que as súas funcións se ampliarán. A partir de agora, ademais de ser o organismo de referencia da lingua occitana en toda Cataluña, participará na normativización desta lingua con organismos equivalentes doutros territorios.
Fonte: Generalitat de Cataluña
A prensa en catalán xera arredor de 2 500 postos de traballo
O sector da prensa en catalán xera arredor de 2 500 postos de traballo en Cataluña, a maioría deles de redactores de contidos, segundo o Libro Branco das Revistas e a Prensa en Catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O número de persoas que escolle o catalán para ler, ir ao cine ou ao teatro aumentou no último ano
Segundo a enquisa Ómnibus 2015, o catalán aumentou como lingua de preferencia dos cataláns para ler, ir ao cine ou ao teatro con respecto aos datos do ano pasado. En concreto, a lectura en catalán aumentou un 3,8 %, ir ao cine un 1,1 % e ir ao teatro un 3 %.
Fonte: La Vanguardia
Un novo acordo busca aumentar o número de películas subtituladas ao catalán que se exhiben nos cines
A Generalitat de Cataluña asinou un acordo cos Cines Texas de Barcelona para aumentar o número de películas que se exhiben en versión orixinal con subtítulos en catalán. Con este acordo, o Goberno catalán busca aumentar o consumo de produtos en catalán.
Fonte: Generalitat de Cataluña
Boletín
Subscríbase ao boletín