Comunidade Valenciana
A Generalitat Valenciana promove unha aplicación para facilitar o uso da linguaxe inclusiva na redacción de documentación administrativa

A Consellería de Igualdade e Políticas Inclusivas pon á disposición do persoal da administración valenciana unha aplicación informática que detecta a linguaxe sexista que pode conter un texto e que propón algunhas alternativas adecuadas para a súa corrección.
Fonte: Levante-EMV
As listas de música en valenciano creadas desde o Concello de Valencia contan xa con 3610 seguidores

A iniciativa do Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Valencia, que creou o maior repertorio de listas de música en valenciano publicado ata o momento, xorde para fomentar o uso e a normalización do valenciano. Este proxecto elabórase por xéneros de música, por momentos e por temática.
Fonte: El Periòdic
Lánzase a segunda edición da campaña #NormalitzaLaPlatja para concienciar sobre a sinalización en valenciano

A Asociación Cívica Valenciana Tirant Lo Blanc e a Plataforma pola Lingua promoven durante o verán de 2021 a segunda edición da campaña “Normalitza la platja” para concienciar e facer que se respecte o uso do valenciano como lingua oficial na sinalización das poboacións da costa valenciana.
Fonte: Plataforma per la Llengua
Vila-real acollerá a Nit d’Escola Valenciana de 2021 para celebrar a defensa e o fomento da lingua e da cultura valencianas
A cidade de Vila-real é a elixida este ano para celebrar o evento autonómico da Nit d’Escola Valenciana, que cada ano recoñece as persoas e as entidades que destacan por traballar na defensa e na promoción da lingua e da cultura valencianas.
Fonte: El Periòdic
O Concello de Oliva e a Universidade de Valencia celebran o 25 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos
Durante o acto institucional de celebración do 25 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, membros da Cátedra de Dereitos Lingüísticos da Universidade de Valencia e do Concello de Oliva mencionaron o fomento do uso das linguas minoritarias e afirmaron a necesidade de seguir traballando para garantir que todas as persoas da sociedade valenciana teñan o dereito a preservar e transmitir a súa lingua familiar.
Fonte: Las Provincias
Ofrécense cursos de valenciano e castelán a persoas migrantes en Valencia

A Vicepresidencia e Consellería de Igualdade e Políticas Inclusivas e o Centro de Idiomas da Universidade de Valencia colaboran para fomentar a inclusión das persoas migrantes a través da aprendizaxe das linguas oficiais da Comunidade Valenciana, co obxectivo de poderen atopar traballo ou acceder aos servizos básicos da sanidade, da educación e dos servizos sociais.
Fonte: El Periòdic
A campaña “Digues Bon Dia” da Plataforma pola Lingua chega a máis de 700 comercios de Valencia

Un gran número de comercios e postos dos mercados municipais participan na campaña que ten como obxectivo promover o valenciano como a lingua de comunicación nos establecementos comerciais de Valencia. “Digues Bon Dia” anima as persoas que se expresan nesta lingua a comunicarse tamén en valenciano coa xente descoñecida no mundo do comercio.
Fonte: 20 Minutos
O Concello de Valencia lanza “Creixent al Caliu” para fomentar o uso do valenciano na primeira infancia
O Gabinete de Normalización Lingüística impulsa unha campaña para incentivar a transmisión do valenciano entre as familias e fomentar valores como o da diversidade nas nenas e nos nenos.
Fonte: 20minutos
O Goberno valenciano presenta unha aplicación para aprender a lingua de signos
A Consellería de Educación e a Federación de Persoas Xordas da Comunidade Valenciana presentan “De llengua a llengua”, unha aplicación para dispositivos móbiles que incentiva o ensino da lingua de signos tanto para persoas xordas como para persoas oíntes co obxectivo de favorecer a inclusión plena deste colectivo na sociedade e de dar a coñecer a súa cultura e as súas características.
Fonte: El Diario
O valenciano estará presente na promoción turística das comarcas de Castelló
A deputada de Turismo e a Plataforma pola Lingua reuníronse para establecer diferentes vías de acción co obxectivo de potenciar o uso institucional do valenciano. A inclusión desta lingua nas campañas de promoción turística é un compromiso coa cidadanía, xa que ten o dereito a recibir información na lingua que fala.
Fonte: Castellón Información
Boletín
Subscríbase ao boletín