Comunidade Valenciana

Profesorado da Universidade Politécnica de Valencia demanda maior presenza do valenciano na docencia

Preto de 300 docentes da Universidade Politécnica de Valencia reclamáronlle ao reitorado unha maior presenza do valenciano na docencia e o respecto dos dereitos lingüísticos do alumnado. O colectivo PDIxValencià denuncia que só o 6,3 % das clases se imparten oficialmente nesta lingua e que, na práctica, a porcentaxe descende ata arredor do 3 %. Por iso, pide adecuar a oferta ás preferencias do alumnado e garantir que as materias catalogadas en valenciano se impartan efectivamente nesta lingua.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

A Universidade de Valencia publica a Gramática do catalán antigo

A Gramática do catalán antigo é a primeira obra que aborda de maneira completa e sistemática o estudo do catalán medieval. A publicación, composta por cinco volumes e preto de 5000 páxinas, reúne o traballo de máis de sesenta especialistas e analiza aspectos como a sintaxe, a morfoloxía, o léxico e a evolución histórica da lingua. O proxecto, froito dunha ampla colaboración universitaria, aspira a converterse nunha obra de referencia para o estudo do catalán medieval.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

A Generalitat Valenciana destina axudas a dúas entidades para fomentar o uso do valenciano

A Generalitat Valenciana destinou 80.000 euros a promover o uso do valenciano mediante dous convenios con entidades sociais, que recibirán 40.000 euros cada unha. As entidades beneficiarias son a Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) e a Federación de Persoas Xordas da Comunidade Valenciana (FESORD-CV).

Fonte: Castelló Extra

Comunidade Valenciana

A Universidade Politécnica de Valencia convoca axudas para impulsar a docencia e a investigación en valenciano

A Universidade Politécnica de Valencia abriu unha nova convocatoria de axudas para impulsar o uso do valenciano na docencia e na investigación durante o primeiro cuadrimestre do curso 2026-2027. O programa prevé incentivos para impartir materias en valenciano, desenvolver traballos de investigación e divulgación nesta lingua e elaborar materiais docentes escritos ou audiovisuais.

Fonte: Universitat Politècnica de València

Comunidade Valenciana

Unha xornada en Alacant reivindica a importancia do Atlas Lingüístico do Dominio Catalán

A Universidade de Alacant acolleu unha xornada dedicada ao Atlas Lingüístico do Dominio Catalán (ALDC), unha obra que documenta durante décadas a diversidade territorial e cultural da lingua catalá. O encontro puxo en valor o atlas como arquivo da memoria lingüística e como mostra da variación dunha lingua viva e dinámica.

Fonte: Universitat de Alacant

Comunidade Valenciana

Alumnado da Universidade de Valencia demanda unha presenza normalizada do valenciano na institución

O alumnado de Historia da Universidade de Valencia reuniu preto dun cento de sinaturas para reclamar unha presenza normalizada do valenciano na docencia, nos materiais e nas actividades universitarias. Segundo os datos achegados, a lingua representa o 40,65 % da docencia nos graos, mentres que nos mestrados a súa presenza baixa ao 3 %. Para o curso 2026-2027, a universidade estableceu como criterio xeral que polo menos a metade da docencia se ofreza en valenciano.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

O novo número da revista Aula de Lletres Valencianes pon en valor a riqueza lingüística da provincia de Castelló

A Deputación de Castelló presentou o número 11 de Aula de Lletres Valencianes, revista científica dedicada ao estudo e difusión do valenciano. A nova edición reúne investigacións sobre cuestións como a presenza da lingua na intelixencia artificial e as estratexias de aprendizaxe do inglés entre alumnado valencianofalante e bilingüe. A publicación busca contribuír á investigación, ensino e promoción social do valenciano.

Fonte: La Plana al Día

Comunidade Valenciana

O Concello de Burriana pon en marcha unha iniciativa nos centros educativos para fomentar o uso do valenciano

O Concello de Burriana distribuíu entre os centros de infantil e primaria novos materiais didácticos para fomentar o uso do valenciano nas aulas. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa editorial local Dylar, inclúe lecturas adaptadas ás distintas etapas educativas e un cartel de vocabulario para o alumnado máis novo. O obxectivo é facilitar recursos atractivos que favorezan a presenza habitual da lingua desde a infancia.

Fonte: Ajuntament de Burriana

Comunidade Valenciana

Un total de 73 llibres de Fogueres opta ás axudas de promoción do valenciano

A Generalitat Valenciana recibiu 73 llibres de Fogueres na convocatoria de axudas para promover o uso do valenciano no ámbito festivo, dotada con 74.000 euros. O programa prevé conceder 55 subvencións, con contías que van dos 5000 euros do primeiro premio aos 700 euros dos últimos recoñecementos. As obras deberán estar escritas en valenciano, axustarse á normativa da Acadèmia Valenciana de la Llengua e cumprir requisitos de edición, tiraxe e depósito legal.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

A Deputación de Valencia concede axudas aos concellos para organizar cursos de valenciano

A Deputación de Valencia destinará 102.000 euros ao plan «La llengua del nostre poble», co que financiará cursos de valenciano en concellos, mancomunidades e entidades locais menores da provincia, co propósito de mellorar o coñecemento e o uso social da lingua propia. A formación combinará sesións presenciais con recursos en liña e estará aberta ao conxunto da cidadanía. A institución provincial busca así reforzar a presenza cotiá do valenciano e facilitar que a poboación adulta poida aprendelo, perfeccionalo e empregalo con normalidade.

Fonte: Valencia Plaza

Comunidade Valenciana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder