Comunidade Valenciana

Centenares de persoas protestan en Alacant pola declaración da cidade como zona castelanfalante

O Concello de Alacant aprobou unha proposta para deixar de formar parte da zona de predominio lingüístico valenciano, decisión que agora debe ratificar o Parlamento autonómico. A medida xerou forte rexeitamento social e mobilizacións cidadás, ao considerar que supón un retroceso na presenza do valenciano na escola e na vida pública.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

Difunden un modelo de recurso para as familias que queiran reclamar a escolarización en valenciano

Escola Valenciana elaborou un modelo de recurso administrativo para que as familias poidan reclamar o dereito a escolarizar as súas fillas e fillos en valenciano e rexeitar a asignación de grupos en castelán amparada pola chamada Lei Rovira. A entidade denuncia que esta normativa vulnera a liberdade lingüística e anuncia que, se a vía administrativa non resolve, recorrerán aos tribunais para garantir o ensino na lingua propia.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

Sueca acolle unha iniciativa con obradoiros e xogos para a promoción do valenciano entre o alumnado

O alumnado de Sueca participou nunha xornada lúdica, organizada pola Academia Valenciana da Lingua, para fomentar o uso do valenciano mediante xogos e talleres na praza do Concello. A iniciativa, que contou coa colaboración da área de Promoción Lingüística local, reuniu estudantes de distintos centros e busca visibilizar a vitalidade da lingua e o seu valor como ferramenta educativa e social.

Fonte: Ajuntament de Sueca

Comunidade Valenciana

A Generalitat Valenciana presenta unha proposta de programa de linguas vehiculares para os centros de ensino

A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana elaborou un modelo orientativo para proporcionarlles axuda aos centros educativos para organizar a proporción de linguas vehiculares segundo a nova Lei de liberdade educativa. O documento propón exemplos de distribución por niveis e zonas lingüísticas, mantendo unha estrutura flexible que cada centro deberá adaptar.

Fonte: Generalitat Valenciana

Comunidade Valenciana

O Atlas Lingüístico Valenciano permitirá a xeración de mapas que mostrarán a riqueza e a diversidade lingüística do territorio

A Universidade de Alacant (UA) e a Academia Valenciana da Lingua (AVL) asinaron un convenio para a creación dunha base de datos que permitirá xerar os mapas do Atlas Lingüístico Valenciano, obra de Jordi Colomina. Este proxecto, que contará con mapas dixitais para mostrar a variación fonética e léxica do valenciano, rematará en 2028 e ofrecerá datos valiosos para estudos dialectolóxicos e lingüísticos.

Fonte: Universitat d'Alacant

Comunidade Valenciana

A Deputación de Valencia e a Academia Valenciana da Lingua reúnense para colaborar no impulso do valenciano

A Deputación de Valencia e a Academia Valenciana da Lingua (AVL) están explorando novas vías de colaboración para impulsar o uso do valenciano. Ambas as entidades coincidiron na importancia de protexelo como elemento de cohesión social e non de separación.

Fonte: El Periòdic

Comunidade Valenciana

Denuncian que o Goberno da Comunidade Valenciana non creará liñas en valenciano en zonas con predominio lingüístico do castelán

O STEPV denuncia que a Consellería de Educación lles enviou instrucións aos centros para que só ofrezan unidades en castelán nas zonas de predominio lingüístico castelán, sen respectar a elección das familias que votaron polo valenciano. O sindicato anuncia posibles accións legais se non se rectifica a situación.

Fonte: Valencia Plaza

Comunidade Valenciana

O valenciano imponse ao castelán na consulta sobre a lingua base no sistema educativo

A consulta sobre a lingua base na Comunidade Valenciana deu como resultado que o 50,53 % das familias escollese o valenciano fronte ao 49,47 % que optou polo castelán. O apoio á lingua propia foi especialmente alto nas comarcas valencianofalantes, onde superou o 70 % en moitas delas. A pesar disto, algunhas entidades critican a consulta por considerar que pretendía reducir o uso do valenciano e denuncian a creación dun conflito innecesario.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

A plataforma Apunts de Llengua inaugura unha canle en YouTube con recursos para a aprendizaxe do valenciano

A plataforma Apunts de Llengua amplía a súa oferta educativa coa creación dun canal de YouTube para facilitar a aprendizaxe do valenciano dun xeito dinámico e adaptado á mocidade. O novo espazo ofrece vídeos, podcasts e minileccións vinculadas ás unidades didácticas da plataforma. Ademais, reforza o plurilingüismo con recursos que combinan valenciano e inglés.

Fonte: À Punt Mèdia

Comunidade Valenciana

Valencia acolle unha protesta contra a consulta lingüística no sistema educativo

Miles de persoas manifestáronse en Valencia para reclamar a anulación da consulta sobre a lingua base no ensino, impulsada polo Goberno da Generalitat Valenciana por considerar que esta medida supón un retroceso para o valenciano e pon en perigo a súa presenza nas aulas. Ademais de mobilizacións, varias organizacións presentaron recursos legais contra a consulta, que denuncian como unha estratexia de división e un ataque aos dereitos lingüísticos.

Fonte: Última Hora

Comunidade Valenciana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder