Comunidade Valenciana

A Academia Valenciana da Lingua e o Concello da Vall d’Uixó asinan un convenio para a promoción do uso do valenciano

A Academia Valenciana da Lingua e o Concello da Vall d’Uixó selaron un convenio para a promoción social e institucional do valenciano. O acordo, con vixencia inicial de catro anos, compromete o concello a actualizar o nomenclátor, ampliar a sinalización e os servizos en valenciano, crear unha oficina de promoción lingüística e aumentar a oferta cultural nesta lingua. Pola súa banda, a AVL ofrecerá asesoramento, materiais e colaboración en programas educativos e culturais.

Fonte: Castellón Plaza

Comunidade Valenciana

O Concello de Muro asina un convenio coa AVL para impulsar o uso do valenciano

Este convenio, que terá unha vixencia de catro anos, busca reforzar o uso do valenciano no municipio, co obxectivo de converter a Muro nun referente na promoción desta lingua. O acordo inclúe medidas como a valencianización do nome oficial do municipio, a programación cultural en valenciano e a consolidación dunha Oficina de Promoción Lingüística. A AVL tamén ofrecerá asesoramento e recursos educativos para mellorar a presenza do valenciano na vida cotiá.

Fonte: El Nostre Ciutat

Comunidade Valenciana

O Concello de Alcoi organiza un curso para o seu persoal co obxectivo de mellorar a comunicación e o respecto lingüístico

O Concello de Alcoi organiza a segunda edición do Curso de Asertividade Lingüística Organizacional 2025, dirixido ao persoal da administración local. A formación, que se desenvolverá entre o 27 de outubro e o 10 de novembro, busca mellorar a comunicación e promover unha actitude respectuosa e igualitaria no uso do valenciano e das demais linguas.

Fonte: Ajuntament d'Alcoi

Comunidade Valenciana

Unha campaña anima a poboación de Alcoi a falar só en valenciano durante 21 días

O Concello de Alcoi lanza a campaña «Els VIP del Valencià» para incentivar o uso do valenciano durante 21 días, promovendo que persoas e colectivos empreguen a súa lingua propia en diferentes ámbitos da vida cotiá. A iniciativa inclúe formación en asertividade lingüística, seguimento personalizado e actividades de visibilización pública, co obxectivo de reforzar a seguridade e a presenza social do valenciano. O programa busca crear unha comunidade orgullosa da súa identidade lingüística, fomentar a convivencia entre linguas e mellorar a autoestima e participación dos falantes.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

A Universidade Politécnica de Valencia organiza titorías de valenciano para a formación lingüística do persoal docente e investigador

A Universidade Politécnica de Valencia, a través do Servizo de Promoción e Normalización Lingüística, ofrece de novembro de 2025 a maio de 2026 titorías individualizadas en liña para o PDI co obxectivo de mellorar o uso oral e escrito do valenciano, a competencia comunicativa e a docencia nesta lingua. As sesións, semanais e adaptadas ao horario das persoas interesadas, desenvolveranse por Teams. Haberá dúas modalidades: unha centrada nos contidos lingüísticos segundo o nivel (A2-C2) e outra orientada á mellora da comunicación, dispoñible a partir do nivel B2.

Fonte: Universitat Politècnica de València

Comunidade Valenciana

A Universidade Politécnica de Valencia convoca axudas para a promoción do valenciano na docencia e na investigación

A Universidade Politécnica de Valencia, a través do seu Servizo de Promoción e Normalización Lingüística, destina 25 000 euros en axudas para fomentar o uso do valenciano na docencia e na investigación. Hai tres tipos de axudas: para impartir materias por primeira vez nesta lingua, para elaborar materiais docentes e para difundir traballos científicos en valenciano.

Fonte: Universitat Politècnica de València

Comunidade Valenciana

A Deputación de Valencia entrega os seus galardóns ao uso do valenciano no comercio local

A Deputación de Valencia entregou os IV Premios de uso do valenciano no comercio local que distinguen unha trintena de establecementos da provincia pola súa contribución á defensa da lingua propia. Os galardoados agradeceron o apoio institucional, que lles serve de estímulo para integrar o valenciano en toda a súa comunicación.

Fonte: Diputació de València

Comunidade Valenciana

A Deputación de Valencia fomenta o uso do valenciano no ámbito sanitario

Decorouse a sala de espera, o corredor e tres consultas de Urxencias Pediátricas do Hospital Xeral co obxectivo de humanizar os espazos e favorecer a integración lingüística e social mediante ilustracións e lemas en valenciano que fomentan hábitos saudables. O proxecto tamén pretende mellorar a experiencia das familias e do persoal sanitario, ofrecendo un contorno máis acolledor e facilitando o contacto coa lingua para quen non a fala.

Fonte: Consorci Hospital General Universitari València

Comunidade Valenciana

A Universidade Politécnica de Valencia organiza unha campaña para impulsar o uso do valenciano na vida académica

O Servizo de Promoción e Normalización Lingüística lanza a campaña «Matriculem-nos en valencià, perquè tota pedra fa paret» para fomentar o uso do valenciano na docencia e na vida académica durante o curso 2025-2026. A iniciativa anima o estudantado a empregar a lingua desde o primeiro día en todas as actividades, solicitar materiais en valenciano e aproveitar actividades como formación, acreditación e voluntariado lingüístico.

Fonte: Universitat Politèctica de València

Comunidade Valenciana

O Goberno da Comunidade Valencia elimina nas comunicacións dos centros educativos a preferencia do valenciano

O novo Plan de Uso das Linguas aprobado polo Goberno valenciano permítelles ás familias elixir a lingua das comunicacións escolares, o que reduce a presenza do valenciano e contradí a lexislación vixente que obriga a promovelo activamente. Por este motivo reclámaselle á Consellería de Educación que cumpra co seu deber de garantir o dominio equilibrado das dúas linguas oficiais.

Fonte: Diari de la Llengua

Comunidade Valenciana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder