Comunidade Valenciana
A plataforma Apunts de Llengua incorpora novos materias para mellorar a aprendizaxe do valenciano

A Consellería de Educación, Cultura, Universidades e Ocupación, en colaboración con À Punt Media, presentou novos materiais para a plataforma "Apunts de Llengua", dirixidos ao profesorado de diversas etapas educativas. Os contidos, dispoñibles en valenciano e inglés, facilitan o ensino e aprendizaxe a través de recursos dixitais, como vídeos, audios e actividades autocorrectivas. A iniciativa, financiada pola Generalitat, busca fomentar competencias lingüísticas e conta cunha dotación de 600 000 euros. A plataforma é de acceso aberto e ofrece ferramentas adaptadas aos diferentes niveis educativos e de competencia lingüística.
Fonte: Valencia Plaza
O Concello de Santa Pola e a Asociación Cultural l’Antina asinan un convenio para a realización de actividades de normalización lingüística
Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración para 2024, cunha achega de 2600 euros destinada a actividades de normalización lingüística. Este acordo busca promover a cultura local e a lingua valenciana e financiará eventos como as Trobades d’Escola en Valencià, o Concurso Literario Sant Jordi, o Outubro Cultural e a campaña de Nadal.
Fonte: Ajuntament de Santa Pola
Unha campaña anima as familias a escoller o valenciano como lingua principal no ensino
FAMPA-València lanzou a campaña "Tria valencià, tria ensenyament d’oportunitats" para incentivar as familias a escoller o valenciano como lingua principal no ensino, e na que destacan as vantaxes laborais e educativas que ofrece. A federación critica a lei de liberdade educativa que consideran que marxina o uso do valenciano nas escolas. Tamén subliñan que o coñecemento do valenciano mellora a adquisición doutras linguas e non prexudica o dominio do castelán.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Ontinyent e a Academia Valenciana da Lingua asinan un convenio para a promoción do valenciano
Ambas as institucións asinaron un convenio de colaboración, cuxa vixencia é de catro anos, para o fomento do coñecemento e o uso do valenciano no municipio e inclúe accións en materia de comunicación, persoal, asesoramento, bibliotecas e promoción lingüística.
Fonte: Loclar
Un informe da Acadèmia Valenciana de la Llengua sinala que o topónimo en valenciano Castelló de la Plana é o único oficial
O informe da Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL) ratifica que a forma en valenciano "Castelló de la Plana" debe ser a única oficial, tal como se decidiu en 2019. Non obstante, se se recupera o topónimo bilingüe, a forma en valenciano debe ir sempre primeiro.
Fonte: Castellón Plaza
Xa se pode obter o certificado automático de valenciano en función dos resultados nos estudos regrados
Preto de 4000 persoas solicitaron o certificado automático de valenciano nas primeiras horas dun proceso que permite acreditar os niveis B2 e C1 segundo as cualificacións obtidas en Bacharelato e a Proba de Acceso á Universidade. A medida busca incentivar o estudo do valenciano, pero foi criticada por entidades que consideran que non respecta os criterios educativos, o que podería xerar inxustizas entre centros educativos.
Fonte: Diari de la Llengua
Un grupo de familias organízase para defender o uso do valenciano no sistema educativo
Máis de 3100 familias valencianas uníronse no colectivo "Famílies pel valencià" para defender o uso da lingua propia no sistema educativo fronte á Lei de liberdade educativa que consideran prexudicial para o valenciano. O colectivo critica que a elección da lingua nas aulas quede en mans das familias e non de profesionais, o que agrava a situación nas zonas castelanfalantes. Ademais, fan un chamamento a escoller o valenciano nas consultas oficiais e a concienciar outras familias sobre a importancia de protexer a lingua.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Dénia fomenta o uso do valenciano a través da conversación
O Concello de Dénia reactivou o programa "Voluntariado polo valenciano", que promove o uso desta lingua de forma accesible e práctica, sen clases teóricas nin exames. O obxectivo é mellorar a fluidez oral a través de "parellas lingüísticas", nas que unha persoa falante axuda a outra a perfeccionar as súas habilidades en encontros semanais informais.
Fonte: Marina Alta
Persoal investigador da Universidade de Alacant desenvolven unha aplicación para facilitar a comunicación en lingua de signos
O grupo RoViT da Universidade de Alacant desenvolveu a primeira plataforma de comunicación en tempo real entre a comunidade xorda e oínte que emprega a lingua de signos española (LSE). A aplicación, bidireccional e de uso sinxelo, permite a conversión de signos a texto e de texto ou voz a signos, o que facilita a interacción en contextos cotiáns sen intérprete. Cunha precisión do 95 %, só require un dispositivo con cámara. Esta tecnoloxía, premiada recentemente e en proceso de patente, será implantada en breve na universidade para mellorar o acceso á información das persoas xordas.
Fonte: Universitat d'Alacant
O Concello de L’Eliana convoca os Premios ao Uso do Valenciano no Comercio Local
O Concello de L'Eliana lanza a terceira edición dun certame que promove o uso do valenciano na vida diaria, dirixido a comercios, empresas e servizos locais. A convocatoria, apoiada pola Deputación de Valencia, premiará o uso desta lingua en elementos impresos e nas novas tecnoloxías e outorgaranse tres galardóns económicos.
Fonte: Ajuntament de l'Eliana
Boletín
Subscríbase ao boletín