Comunidade Valenciana
O Concello de l’Eliana fai balance do seu programa de actividades para promover o valenciano no ano 2024
O Concello de l’Eliana reforzou en 2024 a promoción do valenciano a través de formación municipal, concertos infantís, repartición de libros e campañas nas redes sociais. Máis de 4000 persoas participaron nestas actividades que contribuíron á consolidación do valenciano como lingua de uso habitual e cultural no municipio.
Fonte: Ajuntament de l'Eliana
O Concello de Ondara organiza unha campaña para promover o valenciano como lingua base do ensino
O Concello de Ondara, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, lanzou a campaña para promover o uso do valenciano como lingua base de ensino na consulta educativa prevista para finais de xaneiro de 2025. A iniciativa inclúe un vídeo informativo difundido nas redes sociais para destacar os beneficios do ensino en valenciano e animar as familias a escolleren esta opción.
Fonte: Marina Alta
Retómanse na Comunidade Valenciana as concentracións contra as consultas ás familias sobre a lingua base no ensino
Escola Valenciana e a Plataforma per l’Ensenyament Públic retomaron as concentracións semanais fronte aos centros educativos para expresar o rexeitamento á lei de liberdade educativa e á consulta ás familias sobre a lingua base nas aulas. Estas entidades reivindican un maior peso do valenciano no ensino e mobilizan a comunidade escolar para protexer o seu uso.
Fonte: Diari de la Llengua
A Generalitat Valenciana apoia as probas de certificación da competencia lingüística en valenciano
A Consellería de Educación destina 526 202 euros en axudas para apoiar a organización das probas de certificación de competencia lingüística en valenciano. Estas subvencións benefician diversas universidades da Comunidade Valenciana e cobren gastos relacionados coa redacción das probas, o persoal avaliador e outros servizos necesarios para ampliar a oferta de certificacións e promover o coñecemento do valenciano na sociedade.
Fonte: El Periòdic
O 99 % das alegacións á consulta sobre a lingua base do ensino maniféstase contraria á súa tramitación
O proxecto de orde da Consellería de Educación para consultarlles ás familias sobre a lingua base de ensino recibiu 4145 achegas durante o trámite de audiencia pública, das cales o 99 % se opoñen á súa tramitación. A Consellería, amparándose na Lei de liberdade educativa, desestima estas alegacións e continuará co procedemento, malia que 25 das achegas indican dificultades pola situación nalgúns centros afectados pola dina.
Fonte: Valencia Plaza
A Universidade de Alacant desenvolve un observatorio multilingüe de variación lingüística
Investigadores da Universidade de Alacant impulsan o proxecto OMVALING, un observatorio multilingüe centrado na análise da variación lingüística das linguas da Comunidade Valenciana, tanto cooficiais como do resto do contorno. O estudo, financiado con 600 000 euros polo Programa Prometeo, investigará a evolución histórica, social e funcional destas linguas, integrando enfoques como a sociolingüística, a tradución ou a análise de corpus.
Fonte: Universitat d'Alacant
O Concello de Picassent e a Academia Valenciana da Lingua asinan un convenio para impulsar o uso do valenciano
O Concello de Picassent asinou por primeira vez un convenio coa Academia Valenciana da Lingua para promover o uso e coñecemento do valenciano no municipio. O acordo inclúe accións en toponimia, comunicación e promoción lingüística, así como asesoramento ao persoal municipal e ás asociacións locais. Ademais, prevese o apoio á biblioteca municipal e outras iniciativas conxuntas para fomentar a lingua.
Fonte: El Meridiano
Preséntase un informe de vulneracións de dereitos lingüísticos na Comunidade Valenciana
Un informe presentado por quince entidades valencianas denuncia un incremento do 7,3 % nas vulneracións lingüísticas na Comunidade Valenciana. As organizacións solicitan a reapertura dunha Oficina de Dereitos Lingüísticos para afrontar estas situacións e avanzar cara á igualdade lingüística.
Fonte: Valencia Plaza
O Concello de Alcoi traballa no impulso do uso do valenciano
O Gabinete de Normalización Lingüística de Alcoi abriu o prazo de inscrición para os seus cursos de valenciano, que este ano inclúen o nivel A2 pola súa crecente demanda. Os cursos, dirixidos inicialmente ao funcionariado pero abertos tamén á cidadanía, buscan fomentar o uso correcto do valenciano e sensibilizar sobre a emerxencia lingüística que afecta especialmente á transmisión xeracional en Alcoi.
Fonte: Les Muntanyes
A Academia Valenciana da Lingua dá a coñecer os gañadores dos Premios Carme Miquel de fomento do valenciano nos centros escolares
Os Premios Carme Miquel, organizados pola AVL, recoñeceron proxectos escolares en valenciano que destacan pola súa creatividade e impacto na educación, como revistas, rutas literarias e iniciativas integradoras. Entre os gañadores están propostas como "Una comarca de llegenda" e "Ràdio Las Lomas", que fomentan a lingua e a cultura valenciana desde etapas infantís ata secundaria.
Fonte: Gente
Boletín
Subscríbase ao boletín