País Vasco
O Goberno do País Vasco aproba a 'Axenda do Éuscaro' para que aumente o número de persoas euscaldunas
O Goberno do País Vasco aprobou a 'Axenda Estratéxica do Éuscaro 2017-2020', coa que se pretende chegar á cifra de 788 000 persoas vascófonas e que o 75% dos menores de 25 anos sexa quen de dominar a lingua vasca no ano 2020.
Fonte: eitb.eus
O Goberno Vasco impulsa a Wikipedia en éuscaro para que aumente a presenza desta lingua no eido dixital
O Goberno do País Vasco comprometeuse a fomentar a integración de contidos e ferramentas dixitais na rede. En concreto, pretende impulsar a Wikipedia en lingua vasca, promover licenzas libres nos contidos creados en éuscaro, apoiar os videoxogos neste idioma e difundir os dominios '.eus'.
Fonte: El Confidencial
O Goberno do País Vasco concederá bolsas para investigar no ámbito da euscaldunización de adultos
O Goberno do País Vasco aprobou unha partida de 66 800 euros para formar, mediante a convocatoria de bolsas, a dous investigadores no eido da euscaldunización de persoas adultas. O propósito desta iniciativa é ofrecer formación de expertos en metodoloxía para o ensino aplicado da lingua vasca.
Fonte: La Vanguardia
A Real Academia da Lingua Vasca eliminará os termos sexistas do seu dicionario
Os académicos da Real Academia da Lingua Vasca reuniranse en xaneiro de 2018 para pronunciarse sobre a proposta de adaptar 450 termos do seu dicionario a unha concepción da sociedade menos sexista.
Fonte: Cadena SER
Igualdade Lingüística da Deputación de Guipúscoa conta cunha nova directora
A filóloga Garbiñe Mendizabal será a nova directora de Igualdade Lingüística da Deputación de Guipúscoa, substituíndo a Mikel Irizar. A Deputación indicou nun comunicado que a nova directora "acumula unha ampla experiencia no eido da normalización do éuscaro".
Fonte: El Diario Vasco
O Goberno vasco e a Asociación Española de Normalización-UNE acordan traducir ao éuscaro as normas de xestión e calidade
O Goberno do País Vasco asinou un acordo coa Asociación Española de Normalización-UNE para traducir ao éuscaro as normas UNE-ISO, que certifican a xestión da calidade e a xestión ambiental nas empresas. En virtude deste convenio, desenvolverase un programa de tradución á lingua vasca de normas UNE durante os vindeiros catro anos.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Bilbao concédelle un premio a unha aplicación turística con contido en éuscaro
O Concello de Bilbao outorgoulle o premio Cimubisaria a "Bilbao Now", unha aplicación que funciona como axenda cultural e guía turística da cidade. Esta app conta cun servizo de guía sonora e permite gardar favoritos e planificar rutas. Ademais, pode utilizarse completamente en éuscaro, castelán, francés ou inglés.
Fonte: eitb.eus
A Real Academia da Lingua Vasca cambiará algunhas definicións para adaptalas á realidade actual
A Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaindia pretende cambiar algunhas definicións vinculadas ás relacións familiares para adaptalas á realidade actual. Deste xeito, os académicos dispoñen dun mes para realizar suxestións e, se non hai obxeccións relevantes, o Dicionario de Euskaltzaindia recollerá os cambios inmediatamente.
Fonte: eitb.eus
O Concello de Barakaldo planificará medidas para fomentar o uso do éuscaro
O Concello de Barakaldo puxo en marcha un proceso participativo dirixido ás persoas vascófonas para fomentar o uso do éuscaro. En concreto, celebraranse tres encontros nos que se analizará a situación da lingua vasca no municipio, establecendo obxectivos para impulsar a súa utilización.
Fonte: elcorreo.com
Profesorado do País Vasco recibirá formación para fomentar a lectura infantil en éuscaro
O Goberno do País Vasco e a asociación Galtzagorri puxeron en marcha un programa para impulsar a lectura infantil e xuvenil en lingua vasca. Para isto, a asociación formará a profesorado en varios centros educativos do País Vasco.
Fonte: El Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín