País Vasco

A Deputación Foral de Bizkaia remítelle á Ikastola de Boise libros en éuscaro para potenciar a cultura a lingua vascas nos EUA

A Deputación Foral de Bizkaia envioulle 450 libros en éuscaro á Ikastola de Boise, nos Estados Unidos, para reforzar a aprendizaxe da lingua e o vínculo coa cultura vasca entre o alumnado máis novo. O material, recompilado coa colaboración de diversas entidades, inclúe contos, cancións, recursos sobre historia e propostas para traballar as emocións. A iniciativa busca fortalecer a relación coa diáspora vasca e ampliar as oportunidades de uso do éuscaro fóra de Euskal Herria.

Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia

País Vasco

O Concello de Getxo pon en marcha unha campaña para impulsar a aprendizaxe do éuscaro nos euskaltegis do municipio

O Concello de Getxo abriu durante setembro a matrícula nos euskaltegis municipais para o curso 2026/2027, cunha oferta adaptada a diferentes idades, niveis e necesidades. A programación abrangue desde cursos presenciais e de autoaprendizaxe ata formación específica para familias, persoas migrantes e profesionais do comercio e da hostalaría. A campaña complétase con axudas económicas e actividades para favorecer a práctica do éuscaro fóra das aulas e ampliar a súa presenza na vida cotiá.

Fonte: Radio Nervión

País Vasco

O Concello de Eibar convoca axudas para poñer rótulos en éuscaro

O Concello de Eibar mantén aberto ata o 16 de novembro o prazo para solicitar axudas destinadas a incrementar a presenza do éuscaro na imaxe dos establecementos comerciais e industriais e das sedes asociativas. As subvencións financiarán a instalación de rótulos, inscricións e elementos de identidade corporativa en éuscaro ou en formato bilingüe. Poderán acollerse os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2025 e o 14 de novembro de 2026.

Fonte: Eibarko Udala

País Vasco

O Concello de Vitoria-Gasteiz presenta a súa oferta formativa para aprender éuscaro

O Concello de Vitoria-Gasteiz ofrecerá 732 prazas para aprender éuscaro, dirixidas a familias, persoas maiores de 55 anos, poboación de orixe estranxeira e profesionais do comercio e da hostalería. A oferta compleméntase con axudas municipais por 150.000 euros e cunha achega de 100.000 euros da Deputación Foral de Áraba para abaratar as matrículas das persoas adultas. O obxectivo é facilitar o acceso á lingua e ampliar o seu uso en distintos ámbitos da vida cotiá.

Fonte: Diputación Foral de Álava

País Vasco

Os catro concellos da comarca de Oarsoaldea achegan o éuscaro ás persoas procedentes doutros países

Os concellos de Oarsoaldea impulsan durante setembro unha campaña para animar as persoas chegadas recentemente doutros países a achegárense ao éuscaro. A iniciativa presenta a lingua como unha ferramenta de integración, convivencia e participación social, adaptada ás posibilidades e circunstancias de cada persoa. A mensaxe difundirase a través de distintos soportes, co obxectivo de favorecer a incorporación da nova veciñanza á vida da comarca.

Fonte: Herri Bizia

País Vasco

O Goberno vasco convoca axudas para o desenvolvemento de proxectos lingüísticos nos centros concertados

O Goberno vasco aprobou unha convocatoria de 1,63 millóns de euros para apoiar durante o curso 2026-2027 os proxectos de xestión lingüística dos centros privados concertados. As iniciativas deberán partir da realidade sociolingüística de cada centro e orientar as súas actuacións cara á mellora do uso e da competencia en éuscaro, sen deixar de lado o resto das linguas do currículo. As axudas financiarán horas de dedicación do profesorado para deseñar, aplicar e avaliar estes plans, que contarán ademais con asesoramento técnico especializado.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

As persoas desempregadas de Amorebieta beneficiaranse de tarifas reducidas para acceder á aprendizaxe do éuscaro

O Euskaltegi Municipal Zornotza facilitará durante o curso 2026/2027 o acceso á aprendizaxe do éuscaro con tarifas reducidas para distintos colectivos, entre eles persoas desempregadas, mocidade e alumnado dos niveis iniciais. A oferta abranguerá formación presencial de A1 a C1, en quendas de mañá e tarde, ademais dunha modalidade de autoaprendizaxe. As clases desenvolveranse entre outubro e xuño, con diferentes cargas lectivas segundo o nivel. O programa completarase con cursos específicos para persoas maiores, familias e poboación migrante, mentres que a prematrícula abrirá o 1 de setembro.

Fonte: Durangon

País Vasco

As persoas desempregadas de Amorebieta poderán estudar éuscaro por só 10 euros

O Euskaltegi Municipal Zornotza de Amorebieta, en Biscaia, ofrecerá durante o curso 2026-2027 cursos de éuscaro para persoas desempregadas por 10 euros. A oferta abrangue todos os niveis, de A1 a C1, con clases presenciais de mañá e tarde.

Fonte: Zornotzan

País Vasco

Bilbao reúne centos de persoas para reivindicar a literatura en éuscaro coa lectura de Txillardegi

O Teatro Arriaga de Bilbao acolleu a XIX edición da Lectura Continuada de Clásicos, organizada por Bilbo Zaharra Euskaltegia, dedicada este ano a Leturiaren egunkari ezkutua, de Txillardegi. Publicada en 1957 e considerada a primeira novela moderna en éuscaro, a obra marcou un punto de inflexión na literatura vasca.

Fonte: Bilbau.eus

País Vasco

Euskadi quere elevar até o 90 % o persoal da xustiza con acreditación de éuscaro

A conselleira vasca de Xustiza e Dereitos Humanos, María Jesús San José, anunciou unha estratexia para reforzar o uso do euskera na Administración de Xustiza. O obxectivo é aumentar do 66 % actual ao 90 % en 2033 a proporción de persoal con acreditación do perfil lingüístico. San José defende que a promoción do éuscaro debe facerse desde a inclusión e garantir que a cidadanía poida ser atendida nas dúas linguas oficiais.

Fonte: Última Hora

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder