País Vasco

Convócanse as axudas Lanhitz coas que o Executivo vasco busca afondar na incorporación do éuscaro ao ámbito laboral

O Goberno vasco aprobou a convocatoria deste ano das axudas Lanhitz, dotada con 2,5 millóns de euros, para reforzar a presenza e o uso do éuscaro nos centros de traballo do sector privado. A liña, que incrementa a súa contía nun 13,6 %, distribúese en catro modalidades: desde accións puntuais en entidades sen plan lingüístico até proxectos estratéxicos en organizacións con ampla traxectoria neste eido. Ademais, as subvencións tamén cubrirán diagnósticos, deseño de plans e medidas de implantación, así como actuacións ligadas a plans de xestión xa consolidados.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Apróbase o Plan estratéxico do éuscaro co que o Goberno vasco busca aumentar o uso desta lingua na vida cotiá

O Goberno vasco aprobou o Plan estratéxico do éuscaro, unha iniciativa coa que pretende avanzar na normalización da lingua e, sobre todo, impulsar o seu uso efectivo na vida diaria. O documento fixa catro grandes metas (mellorar o coñecemento, ampliar os espazos de uso, reforzar o prestixio social e apoiar a toma de decisións en datos) e abrangue ámbitos como a transmisión, o lecer, o traballo, os medios e o contorno dixital. Ademais, o executivo quere protexer as zonas nas que o éuscaro mantén maior presenza e fortalecer a vinculación social e emocional coa lingua. Trátase dun plan transversal para todo o Goberno, con financiamento específico e coa previsión de mecanismos anuais de seguimento e avaliación.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Publícase un dicionario castelán-éuscaro dirixido a persoas que traballan no sector dos coidados

O Concello de Donostia editou un dicionario castelán-éuscaro pensado para persoas que traballan no ámbito dos coidados, coa finalidade de facilitar a comunicación cotiá con quen ten o éuscaro como lingua habitual. A publicación, de pequeno formato e carácter práctico, reúne vocabulario e expresións básicas vinculadas á atención diaria e distribuirase entre profesionais, entidades municipais e asociacións. Con esta iniciativa, o Concello busca reforzar a presenza da lingua no sector dos coidados e favorecer unha atención máis próxima e humana.

Fonte: Donostiako Udala

País Vasco

Os concellos da comarca de Oarsoaldea poñen en marcha unha campaña para animar a facer a declaración da renda en éuscaro

Os concellos de Errenteria, Lezo, Oiartzun e Pasaia animan a veciñanza a facer en éuscaro a declaración da renda de 2025 e, en xeral, a relacionarse coa facenda foral nesta lingua. A iniciativa pon o acento no avance progresivo do uso do éuscaro na administración e lembra que escoller esta opción resulta doado tanto por internet como de maneira presencial. Ademais, a campaña incluirá un sorteo en cada municipio, cun xantar para dúas persoas entre quen presente a declaración en éuscaro.

Fonte: Herri Bizia

País Vasco

EITB impulsa catro novas miniseries en éuscaro

EITB impulsa catro novas miniseries en éuscaro (Amarekin goxo goxo, Aloka(h)iru, Izaki pixka bat gardenak e Estu) no marco da iniciativa «Formatu txikiak, Talentu berriak», orientada a promover a ficción seriada e o relevo creativo no audiovisual vasco. Tres das producións atópanse xa en rodaxe e a cuarta comezará en abril, con estreas previstas para o outono na plataforma Primeran.

Fonte: EITB

País Vasco

O programa «Bizkaian Bagara. Berbak zubi» impulsa quince proxectos de fomento do éuscaro durante o seu primeiro ano

A Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua avanzan no programa «Bizkaian Bagara. Berbak zubi», unha iniciativa de tres anos orientada a reforzar o uso do éuscaro e a estender a súa presenza a novos ámbitos sociais. No primeiro exercicio, o plan permitiu desenvolver 15 proxectos en 20 localidades de oito comarcas de Biscaia, adaptados á realidade sociolingüística de cada zona e a públicos de idades diversas.

Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia

País Vasco

Preséntase un estudo que analiza a relación histórica entre o éuscaro e o romance

A Deputación Foral de Áraba e Euskaltzaindia presentaron o estudo Toponimia histórica e contacto vasco-románico, que analiza arredor de 600 topónimos en zonas de contacto entre éuscaro e castelán. A investigación revela a presenza continuada do éuscaro ata polo menos o século XV e destaca o valor da toponimia para reconstruír a evolución e convivencia das linguas na rexión.

Fonte: Sarriguren Web

País Vasco

Convócanse axudas para promover a presenza do éuscaro na imaxe de establecementos comerciais e asociacións de Berriozar

O Concello de Berriozar abriu o prazo para solicitar subvencións destinadas a incorporar o éuscaro, xunto co castelán, na rotulación, na imaxe corporativa e nas páxinas web dos establecementos do municipio. A convocatoria busca reforzar a presenza da lingua no ámbito comercial e social. As axudas cubrirán o 75 % do custo de novos elementos bilingües e ata o 90 % da renovación dos xa existentes, e poderán solicitarse ao longo de todo o ano.

Fonte: Berriozarko Udala

País Vasco

Elhuyar e Euskaltzaindia asinan un acordo de colaboración para traballar a prol do éuscaro

Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración por cinco anos co obxectivo de reforzar as sinerxías no desenvolvemento e promoción do éuscaro. O acordo prevé intensificar o traballo conxunto na difusión das normas do éuscaro unificado, no enriquecemento do vocabulario e na súa normalización en ámbitos científicos e técnicos. Ademais, cooperarán en proxectos de investigación, na actualización do corpus lingüístico e na promoción do uso do éuscaro culto no ámbito dixital, así como no impulso de publicacións, bolsas e recoñecementos vinculados á investigación sobre a lingua.

Fonte: Elhuyar

País Vasco

A Deputación Foral de Bizkaia pon en marcha un proxecto para converter o éuscaro nunha ferramenta de inclusión para a poboación migrante

A Deputación Foral de Bizkaia impulsa “Zu ere euskaldun” co propósito de situar o éuscaro no centro e escoitar de maneira activa a poboación migrante a través de espazos comunitarios nos que a aprendizaxe lingüística se produza con naturalidade. Un diagnóstico previo revelou que, malia existir un amplo ecosistema de recursos, persisten barreiras simbólicas, pedagóxicas e institucionais que dificultan que as persoas recentemente chegadas se apropien da lingua como ferramenta de integración.

Fonte:  Bizkaiko Foru Aldundia

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder