País Vasco
Preséntase a folla de ruta 2026-2036 para a promoción do éuscaro en Donostia

O Concello de Donostia presentou o Plan estratéxico para a promoción do éuscaro 2026-2036, unha folla de ruta que pretende converter o coñecemento da lingua nun uso real e cotián. O alcalde, Jon Insausti, salientou que o reto consiste en lograr que a cidadanía viva con naturalidade en éuscaro, ao tempo que reivindicou a lingua como ferramenta de cohesión nunha cidade diversa. O documento aposta por reforzar a transmisión familiar, ampliar a oferta de lecer en éuscaro e favorecer a integración lingüística das persoas acabadas de chegar mediante un proxecto colectivo e compartido.
Fonte: Donostiako Udala
Unha nova rede de colaboración conectará empresas vascas comprometidas co fomento do uso do éuscaro no ámbito laboral
O Goberno vasco activou a Rede de Empresas Lanera nun encontro celebrado no Parque Tecnolóxico de Áraba, ao que se sumaron arredor de 80 compañías. A iniciativa procura crear unha comunidade empresarial comprometida co impulso do éuscaro no ámbito laboral, con espazos de colaboración, recursos compartidos e medidas adaptadas a cada realidade. Tras unha fase de diagnóstico con achegas de máis de 300 axentes e máis de 600 experiencias identificadas, o proxecto abre agora unha nova etapa para reforzar o uso da lingua no tecido socioeconómico.
Fonte: Gobierno Vasco
Apróbase unha liña de axudas para as persoas que estudan éuscaro este curso 2025-2026 no País Vasco
O Goberno vasco aprobou unha nova liña de axudas de 2,25 millóns de euros para que as persoas que estudaron éuscaro no curso 2025-2026 poidan recuperar parte ou a totalidade da matrícula. A medida intégrase nunha estratexia máis ampla para avanzar cara á gratuidade da aprendizaxe e favorecer non só o acceso, senón tamén a continuidade e o uso real da lingua. Nos últimos cinco anos, o Executivo destinou 25,1 millóns a estas políticas, das que se beneficiaron 43.500 persoas, cun aumento notable das matriculacións nos euskaltegis.
Fonte: Gobierno Vasco
O proxecto AktiBatuz! continúa a súa andaina na comarca de Oarsoaldea para promover o éuscaro no deporte xuvenil

Oarsoaldea reforzará o proxecto AktiBatuz! para promover o uso do éuscaro no deporte xuvenil, coa participación dos concellos de Pasaia, Lezo, Oiartzun e Errenteria e de sete clubs da comarca. A iniciativa, agora coordinada polo servizo lingüístico Ebete, iniciará unha nova etapa con dinámicas actualizadas e accións prácticas para o próximo curso. O obxectivo é asociar o éuscaro a experiencias positivas no deporte e consolidar hábitos lingüísticos entre a mocidade, os equipos técnicos e as entidades deportivas.
Fonte: Herri Bizia
O Concello de Portugalete desenvolve un amplo programa de actividades de fomento do éuscaro entre o alumnado
O Servizo de Éuscaro do Concello de Portugalete desenvolveu durante o curso un amplo programa de actividades para achegar a lingua á infancia e á mocidade como ferramenta viva e útil, máis alá da aula. As propostas, nas que participaron preto de 2000 persoas, combinaron conversa, contacontos, rap, bertsolarismo, teatro, pódcast e audiovisual, sempre desde unha perspectiva lúdica e participativa. Centros educativos e administración local valoran positivamente unha iniciativa que reforza as competencias lingüísticas e promove hábitos de uso do éuscaro en contextos próximos á mocidade.
Fonte: En Portugalete
A comarca de Oarsoaldea pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do éuscaro nas actividades deportivas
Os catro concellos da comarca puxeron en marcha unha nova campaña para fomentar as actividades deportivas en éuscaro e favorecer que as crianzas empreguen a lingua con naturalidade tamén no lecer. A iniciativa diríxese especialmente ás familias con fillas e fillos de 8 a 12 anos, ás que se anima a solicitar adestramentos e propostas deportivas nesta lingua. Ademais, os concellos apelan aos clubs para que ofrezan actividades en éuscaro e difunden materiais dixitais e vídeos co fin de reforzar hábitos lingüísticos máis alá da escola.
Fonte: Herri Bizia
Preséntanse dez medidas urxentes para frear o retroceso do éuscaro nos municipios euscaldúns
Otxandio celebrou o Día dos Municipios Euscaldúns, unha xornada organizada por UEMA e o Concello da localidade para reivindicar o papel das zonas con maior presenza do éuscaro na normalización lingüística. A Mancomunidade agrupa actualmente 121 concellos, aínda que a organización lembra que existen arredor de 175 municipios onde máis do 70 % da poboación é euscaldún.
Fonte: Orain
Ponse en marcha en Donostia o programa de lecer infantil en éuscaro Parketarrak
Donostia poñerá en marcha unha nova quenda de Parketarrak, un programa gratuíto de lecer infantil en éuscaro que chegará a dezaoito barrios da cidade entre o 4 e o 22 de maio. A iniciativa propón xogos e actividades para crianzas de 3 a 9 anos e as súas familias, co obxectivo de fomentar o uso da lingua nos parques e espazos de convivencia cotiá. Tras a boa acollida das sesións anteriores, o Concello e as comisións de éuscaro dos barrios reforzan así unha proposta que combina xogo, socialización e transmisión lingüística.
Fonte: Donostiako Udala
O Goberno vasco presenta un novo modelo de gratuidade para aprender éuscaro

O Goberno vasco presentou o Euskara Bonua, un novo sistema que permitirá aprender éuscaro cun único pagamento inicial de 120 euros e durante un período de até catro anos. A medida busca reducir as barreiras económicas e, sobre todo, favorecer que as persoas non só inicien a aprendizaxe, senón que a continúen até acadar unha capacidade real de uso cotián. O modelo implantarase de forma progresiva e pretende substituír a lóxica de cursos illados por itinerarios flexibles e completos.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Vitoria-Gasteiz convoca subvencións para proxectos que fomenten o uso do éuscaro
O Concello de Vitoria-Gasteiz aprobou unha convocatoria de axudas de 199 000 euros para proxectos que promovan o uso do éuscaro, 30 000 máis ca no exercicio anterior. As subvencións diríxense a persoas e entidades privadas que desenvolvan iniciativas nos ámbitos educativo, deportivo, cultural, comunicativo e de lecer. A convocatoria estrutúrase en catro liñas, desde accións de sensibilización en asociacións de familias até proxectos para mudar hábitos lingüísticos, apoio a medios en éuscaro e actividades arredor do Día Internacional do Éuscaro.
Boletín
Subscríbase ao boletín