País Vasco
Sete clubs deportivos de Hernani impulsarán plans de éuscaro para converter este ámbito en clave para o reforzo de hábitos lingüísticos

Sete clubs deportivos de Hernani asinaron un convenio para deseñaren e aplicaren, durante catro anos, plans que convertan as entidades en espazos onde o éuscaro sexa a lingua principal. O Concello comprométese a apoiar o proceso con recursos e asesoramento externo, ao entender que os clubs non dispoñen de medios dabondo para o afrontaren en solitario. A medida insírese no marco do Plan de Éuscaro 2023-2027 do municipio.
Fonte: Hernaniko Udala
A Deputación de Guipúscoa cede corpus de datos e contidos para contribuír á integración no éuscaro na intelixencia artificial
A Deputación Foral de Guipúscoa cederalles a HiTZ Zentroa (EHU) e a Euskorpora corpus e contidos propios para reforzar a presenza do éuscaro nas tecnoloxías de intelixencia artificial. O convenio pretende paliar a falta de datos nesta lingua e mellorar modelos públicos e abertos, con aplicacións útiles tamén para a administración e a industria.
Fonte: Diputación Foral de Gipuzkoa
Preséntase a versión en éuscaro de Diximed, unha ferramenta sobre pediatría dirixida á infancia

O portal Diximed incorporou unha versión en éuscaro para achegar contidos de saúde á infancia, con vocabulario básico, atlas do corpo e infografías pensadas para consultas sinxelas. A iniciativa, nacida para explicar termos médicos con claridade a persoas de 6 a 12 anos, engade 300 entradas con debuxos e gravacións, ademais dun apartado sobre a covid-19. O obxectivo desta ferramenta, impulsada pola Universidade do País Vasco e EWKE, pasa por difundir ao máximo este recurso libre, na liña doutros materiais científicos en éuscaro.
Fonte: Universidad del País Vasco
Publícase en liña unha gramática do éuscaro de Biscaia
A Fundación Labayru impulsou unha gramática dixital centrada no éuscaro biscaíño co propósito de divulgar e prestixiar esta variedade lingüística. A ferramenta ofrece unha descrición ordenada dos seus trazos gramaticais e ortotipográficos, con exemplos contextualizados. O proxecto procura achegar o éuscaro occidental ao estándar e facilitar o seu uso tanto oral como escrito.
Fonte: Orain
A renovación do convenio entre o Goberno vasco e Euskaltzaindia impulsará o éuscaro no ámbito educativo
O Goberno vasco aprobou un novo acordo de colaboración entre o Departamento de Educación e Euskaltzaindia para reforzar o éuscaro e a cultura vasca no ámbito educativo. O convenio permitirá coordinar accións relacionadas coa creación de recursos lingüísticos, a investigación terminolóxica e a normalización da lingua nos distintos niveis formativos. A cooperación dará apoio tanto ao alumnado como ao profesorado mediante materiais e servizos especializados. O acordo terá unha vixencia inicial de catro anos, sen achega económica asociada.
Fonte: Gobierno Vasco
A Escola de Artes e Oficios de Vitoria-Gasteiz contará cun plan específico de éuscaro

A Deputación Foral de Áraba promoverá un plan específico para impulsar e normalizar o uso do éuscaro na Escola de Artes e Oficios de Vitoria-Gasteiz. A iniciativa, que conta cun amplo consenso político, busca garantir os dereitos lingüísticos, para o que articulará medidas concretas no ámbito docente e de xestión. O acordo prevé analizar a situación actual, fixar obxectivos e establecer mecanismos de avaliación antes de 2026.
Fonte: Gente
Unha nova edición de Ikusi eta Ikasi encherá os barrios de Bilbao de lecer familiar en éuscaro

O Concello de Bilbao abriu a inscrición dun programa municipal de lecer familiar en éuscaro dirixido á infancia de ata nove anos e ás súas familias. A iniciativa desenvolverase entre febreiro e maio con actividades adaptadas a diferentes idades, que combinan xogo, creatividade e espectáculos. Esta edición pon o acento no coidado do medio, das persoas e da lingua. O obxectivo é fomentar o uso do éuscaro desde as primeiras etapas vitais en contornas cotiás e próximas.
Fonte: Bilboko Udala
Un total de 87 establecementos irundarras participa nun programa de impulso do éuscaro na cidade
O Concello de Irún puxo en marcha o programa Euskaraz barra-barra para fomentar o uso do éuscaro no comercio, na hostalaría e nos servizos. A iniciativa dálles visibilidade aos establecementos que poden atender en éuscaro durante toda a xornada e ofrécelles axudas e asesoramento lingüístico. A maioría dos negocios que cumpre os requisitos xa se adheriron ao proxecto. O obxectivo é normalizar o uso da lingua nas relacións cotiás coa clientela.
Fonte: Ayuntamiento de Irún
Preséntase Leiho Morea, unha ferramenta dixital en éuscaro para crear e investigar discursos feministas

O sitio web inclúe contidos en éuscaro relacionados co feminismo, así como un dicionario terminolóxico multilingüe. Trátase do primeiro corpus en éuscaro que reúne contido escrito e audiovisual. A iniciativa busca reforzar unha base conceptual sólida e accesible para toda a sociedade e está especialmente orientada a creadoras, investigadoras e profesionais da comunicación e da igualdade.
Fonte: Elhuyar
Un acordo de colaboración entre tres institucións vascas financiará programas de lexicografía e de impulso do corpus do éuscaro biscaíño

O Goberno vasco, a Deputación de Bizkaia e Labayru Fundazioa asinaron un convenio, que terá vixencia ata 2028, para reforzar a lexicografía e o corpus do éuscaro biscaíño. O acordo aposta por valorar os dialectos como parte esencial da lingua común e combina esforzos públicos e sociais. Inclúe a cesión de corpus lingüístico para o desenvolvemento de tecnoloxías da lingua e a formación investigadora.
Fonte: Gobierno Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín