País Vasco
Preséntase un estudo que analiza a relación histórica entre o éuscaro e o romance
A Deputación Foral de Áraba e Euskaltzaindia presentaron o estudo Toponimia histórica e contacto vasco-románico, que analiza arredor de 600 topónimos en zonas de contacto entre éuscaro e castelán. A investigación revela a presenza continuada do éuscaro ata polo menos o século XV e destaca o valor da toponimia para reconstruír a evolución e convivencia das linguas na rexión.
Fonte: Sarriguren Web
Convócanse axudas para promover a presenza do éuscaro na imaxe de establecementos comerciais e asociacións de Berriozar
O Concello de Berriozar abriu o prazo para solicitar subvencións destinadas a incorporar o éuscaro, xunto co castelán, na rotulación, na imaxe corporativa e nas páxinas web dos establecementos do municipio. A convocatoria busca reforzar a presenza da lingua no ámbito comercial e social. As axudas cubrirán o 75 % do custo de novos elementos bilingües e ata o 90 % da renovación dos xa existentes, e poderán solicitarse ao longo de todo o ano.
Fonte: Berriozarko Udala
Elhuyar e Euskaltzaindia asinan un acordo de colaboración para traballar a prol do éuscaro
Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración por cinco anos co obxectivo de reforzar as sinerxías no desenvolvemento e promoción do éuscaro. O acordo prevé intensificar o traballo conxunto na difusión das normas do éuscaro unificado, no enriquecemento do vocabulario e na súa normalización en ámbitos científicos e técnicos. Ademais, cooperarán en proxectos de investigación, na actualización do corpus lingüístico e na promoción do uso do éuscaro culto no ámbito dixital, así como no impulso de publicacións, bolsas e recoñecementos vinculados á investigación sobre a lingua.
Fonte: Elhuyar
A Deputación Foral de Bizkaia pon en marcha un proxecto para converter o éuscaro nunha ferramenta de inclusión para a poboación migrante
A Deputación Foral de Bizkaia impulsa “Zu ere euskaldun” co propósito de situar o éuscaro no centro e escoitar de maneira activa a poboación migrante a través de espazos comunitarios nos que a aprendizaxe lingüística se produza con naturalidade. Un diagnóstico previo revelou que, malia existir un amplo ecosistema de recursos, persisten barreiras simbólicas, pedagóxicas e institucionais que dificultan que as persoas recentemente chegadas se apropien da lingua como ferramenta de integración.
Fonte: Bizkaiko Foru Aldundia
O Concello de Irún organiza un mes de actividades de promoción do éuscaro
O Concello de Irún impulsa unha nova edición do Mes do Éuscaro, iniciativa coa que procura reforzar o uso e a motivación pola lingua entre a mocidade. Baixo o lema «Klik euskarari!», o programa inclúe representacións teatrais, a publicación de creacións do alumnado na revista Irunero e a celebración dun Mintzodromo Gaztea no Espazo Palmera Montero.
Fonte: Ayuntamiento de Irun
O Concello de Etxebarri organiza unha reunión cidadá para definir as liñas estratéxicas do plan AROA de impulso do éuscaro
O Concello de Etxebarri convoca a veciñanza e ao tecido asociativo a participar o 26 de febreiro na primeira sesión presencial do plan AROA 2026-2030, orientado a reforzar o uso do éuscaro no municipio. Tras un diagnóstico inicial elaborado a partir dun cuestionario cidadán, o proceso entra agora nunha fase participativa destinada a definir as liñas estratéxicas e o Plan de Xestión para 2026. O consistorio salienta que, ao implicárense persoas e colectivos, será posible deseñar un proxecto axeitado á realidade local.
Fonte: Ibaizabal Digital
Convócase un ano máis a Bolsa Xabier Lete á Creación Literaria en Éuscaro
O Goberno vasco e a Fundación BBVA convocan a edición 2026 da Bolsa Xabier Lete de creación literaria en éuscaro, dotada con 70.000 euros e que permitirá que a persoa seleccionada se dedique en exclusiva durante un ano á escrita dunha novela orixinal na lingua vasca. A iniciativa, posta en marcha en 2024, procura fortalecer o sistema literario en éuscaro e reforzar a súa proxección nun contexto globalizado.
Fonte: Gobierno Vasco
A Wikipedia en éuscaro foi a primeira en alcanzar os 1000 artigos básicos e esenciais
A Universidade do País Vasco e Euskal Wikilarien Kultura Elkartea celebran que a Wikipedia en éuscaro se converta na primeira en completar os 1000 artigos esenciais que toda edición debe incluír, froito dunha colaboración sostida ao longo dos anos. O alumnado universitario participou activamente na redacción e ampliación de contidos, sempre con base en fontes solventes, o que reforza o uso académico da lingua e a súa proxección social. Ademais de cumprir cos estándares de calidade e extensión establecidos pola comunidade internacional, a edición en éuscaro afronta agora o reto de mellorar a listaxe ampliada de 10.000 entradas.
Fonte: Universidad del País Vasco
O proxecto Eskuara suma sete novas empresas arabesas que se comprometen a incrementar o uso do éuscaro
Sete novas empresas e centros formativos de Áraba incorporáronse ao proxecto Eskuara, que promove o uso do éuscaro no ámbito empresarial. A iniciativa xa ofrece asesoramento a máis de trinta entidades, combinando normalización lingüística, desenvolvemento económico e cohesión territorial. O acompañamento personalizado permitiu avanzar na definición de políticas lingüísticas propias e na presenza desta lingua na actividade diaria.
O Parlamento vasco aproba unha iniciativa para impulsar o uso do éuscaro na Administración de Xustiza
O Parlamento vasco aprobou unha emenda que insta o Goberno vasco a promover o uso do éuscaro nos servizos da Administración de Xustiza, exixindo o coñecemento da lingua vasca nas prazas singularizadas.
Fonte: Orain
Boletín
Subscríbase ao boletín