País Vasco
A Real Academia da Lingua Vasca cambiará algunhas definicións para adaptalas á realidade actual
A Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaindia pretende cambiar algunhas definicións vinculadas ás relacións familiares para adaptalas á realidade actual. Deste xeito, os académicos dispoñen dun mes para realizar suxestións e, se non hai obxeccións relevantes, o Dicionario de Euskaltzaindia recollerá os cambios inmediatamente.
Fonte: eitb.eus
O Concello de Barakaldo planificará medidas para fomentar o uso do éuscaro
O Concello de Barakaldo puxo en marcha un proceso participativo dirixido ás persoas vascófonas para fomentar o uso do éuscaro. En concreto, celebraranse tres encontros nos que se analizará a situación da lingua vasca no municipio, establecendo obxectivos para impulsar a súa utilización.
Fonte: elcorreo.com
Profesorado do País Vasco recibirá formación para fomentar a lectura infantil en éuscaro
O Goberno do País Vasco e a asociación Galtzagorri puxeron en marcha un programa para impulsar a lectura infantil e xuvenil en lingua vasca. Para isto, a asociación formará a profesorado en varios centros educativos do País Vasco.
Fonte: El Diario Vasco
A Real Academia da Lingua Vasca demanda máis flexibilidade para rexistrar nomes en éuscaro
A Real Academia da Lingua Vasca, Euskaltzaindia, solicitaralle maior flexibilidade ao Ministerio de Xustiza de España para rexistrar nomes en éuscaro, pois a actual lexislación do Rexistro Civil obriga a relacionar cada nome cun xénero concreto, mentres que o nomenclátor vasco ten as súas propias características en canto á distinción de xéneros, de xeito que algúns nomes poden designar tanto a nenos como a nenas.
Fonte: Noticias de Álava
A Real Academia da Lingua Vasca demanda unha maior presenza do éuscaro no Tour de Francia e na Vuelta a España
A Real Academia da Lingua Vasca quere aproveitar o gran seguimento do Tour de Francia e da Vuelta a España, dúas competicións ciclistas que contarán con etapas no País Vasco, para fomentar o uso do éuscaro. Deste xeito, a Academia envioulles unha carta ao deputado xeral de Biscaia, ao deputado de Promoción Económica e á deputada foral de Éuscaro e Cultura para solicitar unha maior presenza da lingua vasca nestes encontros deportivos.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A Deputación de Guipúscoa incrementa as axudas para fomentar o uso do éuscaro
O voceiro foral da Deputación de Guipúscoa, Imanol Lasa, anunciou que, no 2018, este organismo aumentará as axudas para fomentar o uso da lingua vasca nun 11,6%, o que supón que a cantidade total destinada a estas axudas será de 2,8 millóns de euros.
Fonte: El Diario Vasco
Segundo un estudo, o 90 % dos establecementos comerciais e hoteleiros de Tolosa pode ofrecer os seus servizos en éuscaro
Galtzaundi Euskara Taldea, en colaboración coa asociación de comerciantes e hostaleiros Tolosa&Co e o Concello de Tolosa, realizou este diagnóstico do éuscaro que revela que o elevado nivel de euscaldunización non se reflicte na paisaxe lingüística.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O BCBL investiga as diferenzas existentes no cerebro das persoas zurdas bilingües
O Basque Center on Cognition, Braind and Language (BCBL), un centro de investigación con sede en San Sebastián, busca persoas de entre 18 e 36 anos, zurdas e bilingües castelán-éuscaro que queiran participar nun estudo internacional que analizará os seus cerebros para saber se funcionan de forma distinta aos das destras monolingües.
Fonte: Diario Vasco
O Goberno do País Vasco concédelles axudas aos medios de comunicación que utilicen unicamente o éuscaro
De acordo coa información do Departamento de Cultura e Política Lingüística do País Vasco, o Goberno vasco concederalles no ano 2018 case cinco millóns de euros aos medios de comunicación que soamente empreguen o éuscaro. Con esta iniciativa preténdese contribuír ao fomento da lingua vasca.
Fonte: 20 minutos
O Goberno do País Vasco resalta un aumento do uso do éuscaro no Servizo Vasco de Saúde
O conselleiro de Saúde do Goberno vasco, Jon Darpón, presentou a avaliación intermedia do II Plan de Éuscaro de Osakidetza 2013-2019, que busca garantir o uso desta lingua no Servizo Vasco de Saúde. En concreto, Darpón salientou o "avance xeneralizado" que se logrou coa incorporación do plan, pero admitiu que aínda quedan ámbitos nos que mellorar, como na oferta de servizos bilingües.
Fonte: 20 minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín