Galicia
A produción en lingua galega no ámbito cultural. Consello da Cultura Galega. 2024
Este informe ofrece a porcentaxe aproximada da actividade e mais o volume de negocio que xera a produción de bens ou servizos realizados en galego no sector da cultura, ao tempo que achega suxestións sobre as medidas que serían necesarias para incrementar a demanda de bens ou servizos en galego, fornecidas polos propios responsables das entidades culturais. Con este novo traballo complétase a radiografía presentada nun informe anterior, O valor económico do galego, tamén elaborado polo CCG.
Informe do proxecto Neofalantes.gal. Secretaría Xeral da Lingua. 2024
Neofalantes.gal é un sitio web social centrado nos neofalantes. En concreto, céntrase nas súas traxectorias vitais, nas súas expectativas e nas súas demandas individuais e sociais. En definitiva, nas formas de experimentación que atinxen o cambio que decidiron incorporar na súa vida e que os converte en verdadeiros protagonistas da recuperación do galego. Neste informe recóllese toda a actividade deste sitio web, estatísticas, visitas etc.
A estandarización das linguas na Península Ibérica: procesos, problemas e novos horizontes. Consello da Cultura Galega.2024
Este volume recolle traballos que teñen a súa orixe nos relatorios presentados no Simposio «Estándar, norma e variación: procesos, problemas e perspectivas», organizado polo Instituto da Lingua Galega en 2021.
Conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística: economía, lingua e sustentabilidade. Consello da Cultura Galega. 2024
Este é un volume coas conclusións dos XXV Encontros para a Normalización Lingüística: economía, lingua e sustentabilidade, organizados polo Consello da Cultura Galega. Entre as súas conclusións sinálase, entre outros aspectos, que o uso do galego na actividade comercial é moi rendible, pois representa un motor económico para as persoas propietarias e traballadoras, así como para quen fornece produtos ou presta servizos complementarios no contorno.
Potencial de Galicia no sector das tecnoloxías lingüísticas. Foro Económico de Galicia. 2023
Este volume presenta unha análise exhaustiva sobre o estado actual e as perspectivas futuras do sector das tecnoloxías lingüísticas (TL) en Galicia e, por extensión, en España. Segundo este estudo, as tecnoloxías lingüísticas, que combinan a intelixencia artificial coa linguaxe, están experimentando un crecemento significativo grazas aos avances tecnolóxicos, a gran dispoñibilidade de datos e a ampla gama de aplicacións e utilidades. A inclusión do galego e outras linguas minorizadas nas tecnoloxías da lingua é crucial para evitar a súa discriminación dixital.
Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión. Real Academia Galega. 2023
Neste volume explóranse as relacións entre lingua e xénero, ata o de agora escasamente investigadas na tradición sociolingüística galega. O obxectivo desta obra é debullar as diferenzas e as desigualdades nos usos e nas valoracións da lingua que se artellan sobre esta variable sociocultural. Para isto, recórrese á revisión de investigacións precedentes e á análise de datos dos principais bancos, censos e enquisas.
O valor económico do galego. Consello da Cultura Galega. 2023
Neste traballo do Observatorio da Cultura Galega delimitáronse e cuantificáronse, en termos de valor económico e emprego, as actividades asociadas á lingua galega. A tese principal é que a lingua ten un mercado e unha industria propios e que estes son cuantificables. Para estimar o valor económico da lingua delimitáronse, en primeiro lugar, os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que os producen.
Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. Consello da Cultura Galega. 2023
O volume estrutúrase en dúas seccións: unha primeira que compila estudos nos que se explotan os datos contidos nos recursos documentais “Patrimonio léxico da Gallaecia” (PLG) e “Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués” (TLPGP), e unha segunda que xunta unha serie de experiencias didácticas relacionadas coa recolleita de léxico patrimonial.
Informe Xabarín 2023. Mesa pola Normalización Lingüística. 2023
Neste informe analízase a presenza do galego nos contidos infantís e xuvenís dos principais servizos audiovisuais de televisión.
En termos xerais, sinálase que “só a programación infantil e xuvenil da TVG garante unha mínima presenza do galego na grella das principais operadoras de servizos de televisión”. De feito, no conxunto das operadoras analizadas (Movistar, Vodafone, R e Orange), o galego só ten presenza 2 horas e 25 minutos ao día (sempre nas emisións da TVG2).
A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra. 2023
O traballo define algunhas ferramentas e propostas dirixidas a mellorar o ensino da situación sociolingüística do galego nas aulas de secundaria e busca contribuír a que o alumnado comprenda a situación de minoración na que se atopa o idioma. De feito, a guía destaca que dentro da amálgama de coñecementos lingüísticos presentes no sistema educativo, a perspectiva sociolingüística crítica é fundamental se se quere contribuír dende o ensino a que “o alumnado acade unha plena autonomía, xustiza e liberdade lingüísticas como suxeito social”.
Boletín
Subscríbase ao boletín