Galicia
Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino. Consello da Cultura Galega. 2025
O informe conclúe que os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) son esenciais para a promoción social do galego, pero funcionan cunha notable desigualdade territorial. Tamén constata a escaseza de orzamentos e a dependencia do voluntarismo. Ademais, revela que a maioría dos SNL contan cunha soa persoa técnica, que o 47,2 % carece de orzamento propio, e que os EDLG traballan con recursos moi limitados e escaso apoio institucional.
Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística. Consello da Cultura Galega. 2025
O volume afonda na análise das identidades e ideoloxías lingüísticas desde unha perspectiva plural e crítica, examinando como se constrúen e se reformulan en contextos diversos. A través de estudos que abranguen o humor, a performance, o ámbito educativo, familiar e dixital, explóranse cuestións como o papel das persoas neofalantes, os conflitos arredor do estándar ou as relacións entre variedades lingüísticas. A obra ofrece unha mirada sociolingüística que entende a diversidade lingüística como unha práctica social marcada por tensións e procesos de lexitimación.
Un país coa súa lingua. Foro Participativo. Consello da Cultura Galega. 2025
Este informe está deseñado para fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego e procura ofrecer unha base común de análise para as administracións, o sistema educativo, os servizos públicos, o sector cultural e creativo e o tecido económico e asociativo, co fin de orientar recursos e responsabilidades cara a resultados verificables.
Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade. Consello da Cultura Galega. 2025
Este documento de traballo aborda a percepción das entidades culturais galegas sobre a demanda e a oferta de produtos ou actividades culturais en galego dirixidos á poboación infantil e adolescente. O conxunto ofrece unha visión completa do lugar que ocupa este público na programación e produción cultural en lingua galega.
Enquisa sobre a percepción social do galego. Xunta de Galicia. 2025
A Enquisa sobre a percepción social do galego, realizada polo Instituto Sondaxe, recolle datos sobre o uso e presenza da lingua na sociedade galega a partir de 1200 entrevistas a familias con fillos/as en idade escolar. O estudo revela que a maioría da mocidade emprega galego e castelán indistintamente e que o 67,5% das familias sinala un uso cotián do galego. A maioría delas considera que non hai discriminación lingüística e que a situación do galego no ensino é satisfactoria.
Competencia e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada. Consello da Cultura Galega. 2025
Este informe presenta, a través de dous eixes estruturais de contido, datos sobre as competencias lingüísticas das persoas que residen en España, en comunidades autónomas con lingua propia, así como a frecuencia de uso desa lingua por parte dos seus habitantes. O estudo pon o foco na realidade lingüística do idioma galego e desenvólvese en clave comparativa coas outras cinco comunidades autónomas con lingua cooficial, nomeadamente, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e País Vasco.
Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023. Real Academia Galega. 2024
Este informe analiza a vitalidade do idioma galego a partir dos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2023. Achéganse aquí as cifras máis relevantes e discútense os aspectos máis salientables. Ofrécese como un instrumento necesario para o diagnóstico da situación social do galego e a avaliación das políticas lingüísticas das últimas décadas.
O galego nas TIC. Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 2024
Este informe elaborouse a partir dos resultados da Enquisa da Sociedade da Información nos Fogares Galegos 2023. Os principais obxectivos do estudo son analizar o uso do galego nas TIC en función das características sociodemográficas dos individuos e avaliar a oferta de recursos nesta lingua no ámbito tecnolóxico.
A fala de Vigo. Xosé-Henrique Costas González. 2024
Este libro, da autoría de Xosé-Henrique Costas e co apoio da Universidade de Vigo, reivindica o uso do galego nas parroquias da cidade de Vigo e sinala o seu léxico e particularidades fonéticas. A obra documenta refráns, expresións e vocabulario específicos do galego local con influencias variadas.
A produción en lingua galega no ámbito cultural. Consello da Cultura Galega. 2024
Este informe ofrece a porcentaxe aproximada da actividade e mais o volume de negocio que xera a produción de bens ou servizos realizados en galego no sector da cultura, ao tempo que achega suxestións sobre as medidas que serían necesarias para incrementar a demanda de bens ou servizos en galego, fornecidas polos propios responsables das entidades culturais. Con este novo traballo complétase a radiografía presentada nun informe anterior, O valor económico do galego, tamén elaborado polo CCG.
Boletín
Subscríbase ao boletín