Novas

16 de decembro de 2008

"As nosas palabras, os nosos mundos" reivindica na Coruña a potencialidade do galego como lingua de creación

Marisol López inaugurou hoxeo luns día 15 de decembro a exposición sobre o galego e a diversidade lingüística no Kiosco Alfonso da Coruña, onde estará ata o 4 de xaneiro

Unha das novidades da mostra na súa estadía na Coruña é unha actividade de dinamización lingüística consistente na instalación dunha cabina de dobraxe

A exposición dá conta da vitalidade do galego no panorama literario, na música, no audiovisual, na publicidade e nas artes plásticas

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, inaugurou o pasado luns día 15 de decembro no Kiosco Alfonso da Coruña a mostra itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 4 de xaneiro. Tras acadar unha moi boa acollida ao seu paso por Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Bilbao, Bruxelas, Vigo e Madrid, a exposición chega á Coruña para reivindicar a creatividade galega e achegar a todos os visitantes a vitalidade da lingua galega na música, no cine, na televisión, na publicidade, nas artes plásticas e na literatura.

Marisol López explicou que a exposición “quere contribuír a dar a coñecer a creatividade que existe en galego hoxe; contribuír ao que para moitos, mesmo dentro de Galicia, segue a ser unha descuberta: que en galego hai boa literatura, boa música, desenvolvemento de aplicacións informáticas e de ferramentas para os idiomas, os blogues, o teatro e a industria audiovisual”.

Na inauguración da mostra, a secretaria xeral avogou por que o galego siga recuperando os espazos dos que fora relegado historicamente, “e necesita facelo desde a valoración e o respecto á diversidade lingüística que hoxe se dá en todos os territorios, necesita facelo desde o convencemento de que é a nosa esencial ferramenta colectiva para a construción do diálogo social”. Do mesmo xeito, apelou á consideración da lingua como “unha riqueza propia e un valor global nun mundo que só se sostén se entendemos que, igual que é necesaria a variedade na flora e na fauna e o respecto polo ambiente, tamén é necesaria a diversidade na cultura e nas linguas”.

Manifestacións da creatividade galega
A produción artística en Galicia acadou, nos últimos anos, un crecemento espectacular, que veu acompañado do recoñecemento do público. Os visitantes á exposición poderán atopar secuencias sobre cine, publicidade e animación en galego, videoclips musicais ou puntos de escoita de música galega. A televisión e a radio tamén teñen cabida na mostra, coas producións audiovisuais máis significativas feitas en Galicia. Ademais, o percorrido expositivo dá conta da efervescencia do galego no ciberespazo, a través de pantallas onde consultar os principais recursos lingüísticos na rede, como tradutores automáticos, catálogos bibliográficos ou conversores de textos en voz. Preténdese, en definitiva, ofrecer unha perspectiva ampla e amena sobre as manifestacións culturais, artísticas, musicais, literarias e publicitarias da creatividade galega.

Unha boa mostra desa creatividade púxose de manifesto na inauguración da exposición, que contou coa actuación da artista galega Mercedes Peón. A música do seu último traballo discográfico, Sihá, serviu de peche ao acto celebrado na Coruña.

Cabina de dobraxe e visitas de estudantes
Como novidade na súa estadía na Coruña, e ao fío da posta en valor da creatividade galega, a exposición contará cun atractivo máis, concibido como unha actividade de dinamización lingüística. Trátase dunha cabina de dobraxe na que se poderá coñecer de preto o proceso de dobraxe das producións audiovisuais. Durante toda esta semana, os asistentes recibirán unha explicación sobre esta técnica por parte de profesionais da dobraxe e poderán incluso realizar unha pequena práctica para poñerlle voz galega a algúns dos personaxes máis populares do panorama audiovisual en Galicia. Na actualidade, xa están concertadas visitas de 17 institutos e centros de secundaria da Coruña.

Desde as orixes do galego ata hoxe
A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos: “As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”. O módulo “As orixes” constitúe un achegamento ao nacemento da linguaxe, así como á evolución das canles de comunicación ao longo da historia da humanidade; nel tamén se ofrece información sobre as 20 familias lingüísticas existentes no mundo.

O módulo “Isto é galego” permite viaxar a través da historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos culturais, sociais e políticos relevantes.

No espazo “As nosas palabras, os nosos mundos”, o visitante pode mergullarse na diversidade lingüística do planeta e coñecer o son de múltiples linguas a través dun xogo de escoita.

Por último, o módulo “A nosa lingua na nosa vida” amosa exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder