España
A rede Mintzalaguna reúne en Vitoria persoas para falar en éuscaro

A rede Mintzalaguna está formada por máis de 700 persoas, que, a través dos programas de Mintzapraktika, se reúnen unha hora á semana para practicar éuscaro. O obxectivo desta iniciativa é incrementar a porcentaxe de coñecemento desta lingua entre a poboación arabesa, que actualmente se sitúa nun 28,5 %.
Fonte: Gasteiz Hoy
O III Premio “Pedro Lafuente” en aragonés abre o seu prazo de participación
O Concello de Huesca convoca a terceira edición do Premio “Pedro Lafuente”, na que haberá tres categorías: un premio de narración curta; o premio“Zagals”, para obras en aragonés realizadas por nenas e nenos de 3 a 12 anos; e o “Bota d’Oro”, para a mellor campaña de fomento do aragonés na cidade desenvolvida por persoal de establecementos comerciais e hostaleiros.
Fonte: Ara Info
Increméntase o uso do éuscaro no municipio vasco de Azkoitia

Segundo unha enquisa elaborada polo Clúster de Sociolingüística, o emprego do éuscaro nas rúas de Azkoitia aumentou un 7,6 % entre 2014 e 2018, de maneira que case o 70 % da poboación se expresa nesta lingua.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
A presenza do catalán increméntase nas aplicacións de mensaxería instantánea

Segundo unha enquisa, cada vez máis aplicacións de mensaxería instantánea inclúen o catalán na súa oferta lingüística, entre elas WhatsApp, Skype, Google Hangouts, Facebook Messenger, Snapchat, Telegram e Yahoo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Deputación de Guipúscoa apoiará o cine en éuscaro con incentivos fiscais

Estes incentivos fiscais para o sector audiovisual, que se aplicarán en 2019, chegarán ao 30% para o caso das producións vascas ou estatais e ao 40% para as que se roden en éuscaro.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Nace El Tecnològic, un novo medio en catalán sobre o sector dixital

El Tecnològic é unha evolución do portal PCatalà e ofrece contidos sobre o mundo dixital en catalán, como noticias, trucos e titoriais.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O persoal técnico de éuscaro propón que todos os concellos navarros sexan bilingües
A Rede de Técnicos Municipais de Éuscaro, integrada por 34 profesionais, propuxo no Parlamento foral que todos os concellos navarros no prazo de 50 anos presten os seus servizos tanto en castelán como en éuscaro.
Fonte: Diario de Navarra
Publícase o primeiro vídeo en liña do proxecto Easy Catalan

O proxecto Easy Catalan, para a aprendizaxe do catalán que se fala na rúa, xa publicou o seu primeiro vídeo nas redes sociais. Nel móstranse entrevistas con falantes reais desta lingua gravadas nas rúas de Andorra a Vella.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña continúa apostando polo catalán e o aranés no seu novo plan de Goberno
O presidente da Generalitat de Cataluña presentou o plan do seu Goberno en materia cultural e lingüística, no que se consolida o apoio ao catalán e ao aranés a través de diferentes medidas que fomentan a aprendizaxe e o uso destas linguas.
Fonte: La Vanguardia
A Federación Estatal de Ensinanza de Comisións Obreiras defende a creación da especialidade docente de asturiano
A Federación Estatal de Ensinanza de Comisións Obreiras quere reunirse coa nova titular do Ministerio de Educación para solicitar a creación da especialidade docente de lingua asturiana.
Fonte: Europa Press
Boletín
Subscríbase ao boletín