España
A Chunta Aragonesista reclama programas en linguas propias de Aragón na radio e a televisión aragonesas
Tras a aprobación da Lei de linguas, na que se prevé que a televisión e a radio públicas deben promover a emisión de programas nas linguas propias de Aragón de maneira regular, a Chunta Aragonesista considera que "é o momento de fomentar e difundir a riqueza lingüística de Aragón a través dos medios de comunicación públicos".
Fonte: ABC
O Departamento vasco de Educación anima ao intercambio entre alumnos para aprender éuscaro
O Goberno vasco quere aproveitar a diversidade dos distintos territorios, incluídos Navarra e Iparralde, para promover intercambios entre estudantes co fin de mellorar o seu coñecemento de éuscaro. A convocatoria está aberta aos que viven en situacións máis desfavorecidas de cara a alcanzar un correcto nivel nesta lingua.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
O Consello Social do Catalán denuncia a marxinación do idioma na Xustiza
O Consello denunciou que o Goberno español incumpre os "compromisos asumidos" no Estatuto e ao ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, asumida por 47 Estados membro do Consello de Europa.
Fonte: ABC
Máis de seiscentos sanitarios de Baleares realizaron cursos de catalán para adaptarse ás esixencias do novo decreto
Un total de 632 traballadores sanitarios das illas realizou durante o 2009 algún curso de catalán para adecuarse, así, ás esixencias solicitadas polo Goberno balear no novo decreto que obriga os traballadores a acreditar o nivel B, medida que ocasionou unha gran contestación por parte do sector.
Fonte: Diario de Mallorca
O PNV quere que Radio Televisión Española emita en éuscaro no País Vasco para apoiar esta lingua
O parlamentario do PNV na Cámara vasca Luke Uribe-Etxebarria reclamou que Radio Televisión Española (RTVE) ofreza emisións en éuscaro no País Vasco co fin de contribuír á "normalización" desta lingua.
Fonte: Galicia-Hoxe
O Goberno vasco destina este ano 30.500 euros a impulsar o éuscaro no ámbito xurídico
O Consello de Goberno, a proposta do Departamento de Xustiza e Administración Pública, autorizou a sinatura dun convenio coa Academia Vasca do Dereito (AVD) e o Instituto Vasco da Administración Pública (IVAP) para lograr a normalización do uso do éuscaro no ámbito xurídico.
Fonte: ABC
O BNG critica a ausencia do galego en accións do Instituto Nacional de Estatística
A parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados Olaia Fernández Davila denunciou unha "nova discriminación" da Administración central ao respecto da lingua galega, posto que as enquisas que realiza o Instituto Nacional de Estatística (INE) a través de internet "só están en castelán e catalán" e reclamou estendelo ao idioma propio de Galicia.
Fonte: Galicia-Hoxe
O presidente de Cataluña ve "inaceptable" a situación actual do catalán nos cines
O presidente da Generalitat, José Montilla, cualificou de "inaceptable" a situación da lingua catalá nos cines, xa que, a día de hoxe, a súa presenza é só do 3 por cento.
Fonte: Europa Press
A cadea pública Paradores incorpora cartas en braille en máis de 25 restaurantes dos seus establecementos
Paradores presentou as novas cartas en braille para os seus restaurantes, que xa están dispoñibles en "máis de 25 establecementos" da cadea e que proximamente se incorporarán ao resto dos paradores da rede.
Fonte: Nexotur
O Concello de San Sebastián organiza cursos de éuscaro dirixidos a hostaleiros e comerciantes
O Padroado Municipal de Éuscaro organiza, en colaboración con diversas asociacións de comercio e hostalería da capital guipuscoana, cursos de aprendizaxe de lingua vasca.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Boletín
Subscríbase ao boletín