España
A Real Academia da Lingua Vasca demanda máis flexibilidade para rexistrar nomes en éuscaro
A Real Academia da Lingua Vasca, Euskaltzaindia, solicitaralle maior flexibilidade ao Ministerio de Xustiza de España para rexistrar nomes en éuscaro, pois a actual lexislación do Rexistro Civil obriga a relacionar cada nome cun xénero concreto, mentres que o nomenclátor vasco ten as súas propias características en canto á distinción de xéneros, de xeito que algúns nomes poden designar tanto a nenos como a nenas.
Fonte: Noticias de Álava
O Premio Nacional á Mellor Tradución aceptará obras traducidas a calquera lingua oficial de España
A edición de 2018 do Premio Nacional á Mellor Tradución aceptará recoñecer obras traducidas do castelán a outras linguas oficiais de España e viceversa. Isto será posible grazas a unha solicitude da Real Academia da Lingua Vasca, pois, en edicións anteriores, as bases do galardón non recollían a posibilidade de premiar traducións a outras linguas de obras escritas en castelán.
Fonte: ABC
Aumentan as inscricións para certificar o nivel de catalán nas illas Baleares
A Consellería de Cultura, Participación e Deportes das illas Baleares anunciou a publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas nas probas de xaneiro de 2018 para obter os certificados oficiais de coñecemento de catalán. En total, 7910 persoas inscribíronse nestas probas, o que supón un aumento do 127% nos dous últimos anos.
Fonte: Diario de Ibiza
A Universidade Aberta de Cataluña celebra un curso sobre a nova normativa da lingua catalá
O grao de Lingua e Literatura Catalás da Universidade Aberta de Cataluña (UOC) organiza o curso "Ponte ao día da nova normativa da lingua catalá". Trátase dun curso en liña sobre as novidades normativas do idioma (a nova gramática e a nova ortografía).
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha campaña promove a escolarización en éuscaro en Navarra
A campaña "Elixe educación en éuscaro, elixe modelo D", impulsada por Euskarabidea e outras 24 entidades navarras, ten como obxectivo fomentar a escolarización en éuscaro para o curso 2018-2019.
Fonte: El Diario
A Academia da Lingua Asturiana denuncia unha campaña en contra da oficialidade do asturiano
O presidente da Academia da Lingua Asturiana denuncia a existencia dunha campaña en contra da oficialidade do asturiano e argumenta que o modelo de oficialidade proposto por esta institución non suporía máis de 20 millóns de euros anuais.
Fonte: La Vanguardia
A Dirección de Política Lingüística de Mallorca fomentará o catalán no Instituto de Estudos Baleáricos
A Dirección de Política Lingüística de Mallorca achega cada ano 9000 euros para impulsar a aprendizaxe da lingua catalá no Instituto de Estudos Baleáricos, un organismo dependente do Goberno das Illas Baleares que organiza cursos de catalán en Mallorca. Para complementar esta achega económica, tamén compartirá material didáctico e bibliográfico e difundirá as actividades organizadas polas dúas institucións.
Fonte: La Vanguardia
Solicítanlle ao presidente do Parlamento Europeo que impulse a presenza do catalán nas institucións da Unión Europea
A Plataforma pola Lingua de Cataluña solicitoulle a Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo, que desenvolva medidas favorables aos dereitos lingüísticos e impulse a presenza da lingua catalá nas institucións da Unión Europea.
Fonte: El Nacional.cat
A Academia da Lingua Asturiana convoca as probas para acreditar o nivel básico de asturiano
A Academia da Lingua Asturiana abriu o prazo para que o profesorado do Principado poida presentarse ás probas de nivel básico de asturiano, que terán lugar o 27 de xaneiro de 2018 en Oviedo.
Fonte: La Nueva España
A Comisión de Toponimia de Cataluña elaborará o "Nomenclátor mundial" en lingua catalá
A Comisión de Toponimia de Cataluña elaborará, durante o ano 2018, o Nomenclátor mundial, co que se pretende desenvolver un corpus en catalán de topónimos situados fóra da área lingüística catalá. Esta iniciativa terá un grande impacto en sectores como os medios de comunicación ou as obras divulgativas que inclúen cartografía mundial.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín