España

O TERMCAT publica un dicionario de termos en catalán relacionados co eido da ciberseguridade

O TERMCAT publicou a "Terminoloxía da ciberseguridade", que elaborou en colaboración co Centro de Seguridade da Información de Cataluña (CESICAT) e con expertos na materia. Este dicionario contén máis de 250 palabras en catalán, con definicións equivalentes en castelán, inglés e francés.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Goberno das Illas Baleares presenta unha campaña para fomentar a compra de xoguetes en lingua catalá

O Goberno das Illas Baleares presentou unha campaña para impulsar a venda de xoguetes en lingua catalá e promover o uso desta lingua no ámbito lúdico. Baixo o título de "E ti, xogas en catalán?", a campaña está dirixida a tendas que venden xoguetes en catalán e pretende darlles máis visibilidade para fomentar o seu consumo entre a cidadanía.

Fonte: El Mundo

Illas Baleares

Solicitan que a Academia da Lingua Asturiana teña presenza no Consello Escolar

O grupo parlamentario de Esquerda Unida presentou unha emenda á lei de modificación do Consello Escolar para que a Academia da Lingua Asturiana teña presenza neste organismo. En concreto, solicítase que seis expertos no eido da educación e da pedagoxía entren no Consello para presentar propostas sobre a implantación do asturiano no sistema educativo.

Fonte: El Comercio

Asturias

Máis de 300 empresas do País Vasco contan xa coa certificación de calidade de xestión lingüística

Máis de 300 empresas e entidades públicas do País Vasco dispoñen xa da certificación Bikain do uso do éuscaro no ámbito laboral, despois de que 35 novas institucións a conseguisen recentemente.

Fonte: eitb.eus

País Vasco

O Goberno de Navarra incrementa as partidas para o ensino de éuscaro destinado a persoas adultas

A Comisión de Facenda e Política Financeira aprobou unha serie de emendas aos orzamentos para o departamento de Relacións Cidadás e Institucionais. Entre elas, salienta a emenda aprobada en relación co incremento de gastos por importe de 100 000 euros na partida "Axudas para o ensino de éuscaro a persoas adultas".

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

A Deputación de Guipúscoa abrirá un laboratorio para darlle apoio ao sector audiovisual en éuscaro

A Deputación de Guipúscoa abrirá un laboratorio no centro Tabakalera de San Sebastián para dar apoio ao sector audiovisual en éuscaro, que servirá para identificar novas oportunidades industriais e testar os seus proxectos.

Fonte: El Diario Vasco

País Vasco

Pamplona acolle unha manifestación multitudinaria en defensa da lingua vasca

Centos de persoas participaron nunha manifestación en defensa da lingua vasca e da lista única en educación. A mobilización, celebrada baixo o lema "Dean paso ao éuscaro. Pola igualdade", percorreu as rúas de Pamplona para demandar respecto para esta lingua e igualdade na vindeira Oferta Pública de Emprego de mestres de 2019 mediante unha lista única.

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

Máis do 70 % dos consumidores dixitais de Cataluña usa o catalán para comunicarse a través do teléfono móbil

A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña publicou os datos dunha enquisa realizada entre os consumidores cataláns sobre o consumo dixital. Deste xeito, o 73,3 % dos consumidores utiliza a lingua catalá nas aplicacións de mensaxería, mentres que o 72,8 % a emprega nas redes sociais.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Goberno de Canarias achega recursos para mellorar as competencias lingüísticas nos centros educativos

A Consellería de Educación e Universidades do Goberno de Canarias abriu o prazo de inscrición para que os centros educativos participen en actividades para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado. Un dos obxectivos deste proxecto é superar os prexuízos lingüísticos respecto ao dialecto das illas.

Fonte: La Vanguardia

Illas Canarias

Xa está en marcha a Oficina de Dereitos Lingüísticos da Comunidade Valenciana

A Oficina de Dereitos Lingüísticos da Comunidade Valenciana xa está en marcha. Deste xeito, segundo o decreto que regula o seu funcionamento, este organismo busca "proporcionar apoio e consello á cidadanía para canalizar as reclamacións, suxestións e consultas motivadas por posibles vulneracións dos dereitos lingüísticos e tratar de erradicalas".

Fonte: ABC

Comunidade Valenciana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder