España
Créase un programa de voluntariado para aprender a lingua valenciana en Benidorm
O Concello de Benidorm pon en marcha a iniciativa «Voluntariat pel Valencià», a través da cal as persoas interesadas poderán conversar en valenciano entre elas. A idea é pór en contacto persoas que queiran aprender a falalo con outras que queiran ensinalo, sen necesidade de xustificar unha titulación específica de profesor.
Fonte: Información
A mostra "Navarrorum. Dous mil anos de documentos navarros sobre o éuscaro" chega a Estella
A mostra "Navarrorum. Dous mil anos de documentos navarros sobre o éuscaro" comeza a súa xira, chegando en primeiro lugar á Casa da Cultura Fray Diego de Estrella. Agárdase que acade o éxito recollido durante os meses que estivo exposto en Pamplona, onde atraeu a atención de miles de visitantes.
Fonte: Diario de Navarra
O 21 de febreiro de 2018 Aragón celebra o Día da Lingua Materna
Aragón celebra o 21 de febreiro a xornada Día da Lingua Materna, a través da que darlle visibilidade á lingua aragonesa e promover a diversidade cultural. Realizaranse unhas 120 actividades en 63 localidades aragonesas, con accións como teatro infantil, conferencias, concertos, xornadas de poesía e moitas máis.
Fonte: AraInfo
O Concello de Corvera organiza un taller centrado na aprendizaxe do asturiano oral e escrito
O 28 de febreiro de 2018 dá comezo no concello asturiano de Corvera unha nova edición do taller 'Escrifala', que terá como obxectivo a práctica da lingua asturiana oral e escrita. Deste xeito, os asistentes, aos que se lles recomenda dispor dun coñecemento previo da lingua, poderán explorar novas expresións e formas de comunicación.
Fonte: Asturies
Convócase unha nova edición do Premio UPF-FESOCA da lingua de signos catalá
A Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, en colaboración coa Federación de Persoas Xordas de Cataluña (FESOCA,) organizan a sexta edición do Premio UPF-FESOCA, que ten como finalidade fomentar o uso normalizado da lingua de signos catalá.
Fonte: Llengua Catalana
Os euskaltegis achegan o éuscaro aos seus alumnos a través do cine
Do 21 de febreiro ao 1 de marzo de 2018, organizaranse diversos talleres a través dos que achegar á xente temas innovadores e de actualidade en lingua vasca. Trátase dunha iniciativa dos centros de formación de ensinanza do éuscaro, os euskaltegis, que buscan que os alumnos sintan seguridade á hora de utilizar a súa lingua.
Fonte: El Diario Vasco
O aragonés estúdase como materia nuns 30 centros do Alto Aragón
Nuns 30 colexios do Alto Aragón imparten a lingua aragonesa, nas súas diferentes variantes locais, como materia. Dependendo do centro, o aragonés é utilizado como lingua vehicular nas materias curriculares, se ben noutros ofértase como optativa.
Fonte: Radio Huesca
As emisoras de radio máis escoitadas en Cataluña emiten en lingua catalá
A radio está considerada como o medio de comunicación no que a normalización da lingua catalá está más consolidada. Así o demostran os máis de 4 millóns de radiooíntes que suma Cataluña, onde as emisoras de contido exclusivo en catalán son as máis populares.
Fonte: El Periódico
A nova plataforma lingüística Enclave RAE será presentada oficialmente en Albacete
A Real Academia Española (RAE) levará a cabo a presentación da nova plataforma lingüística Enclave RAE na cidade de Albacete na primavera de 2018. Esta nova plataforma tecnolóxica pretende servir para mellorar o uso da lingua castelá nos ámbitos educativo e profesional, así como nas institucións públicas.
Fonte: La Cerca
O Goberno español estuda a posibilidade de que os pais poidan escoller o castelán como lingua vehicular na escola catalá
O sindicato de profesores AMES e Sociedade Civil Catalá (SCC) solicitaron que o próximo curso escolar os pais e nais teñan a opción de elixir o castelán como lingua vehicular da educación dos seus fillos/as. Esta posibilidade está a ser estudada polo Goberno.
Fonte: 20 minutos
Boletín
Subscríbase ao boletín