España

Varias institucións de Guipúscoa acordan poñer en práctica diversos hábitos para fomentar o uso do éuscaro

Dezaoito institucións, empresas e axentes de Guipúscoa presentaron as conclusións da iniciativa "Gipuzkoa berdinago". En concreto, acordaron unha declaración na que se recollen hábitos lingüísticos para fomentar o uso da lingua vasca, sempre co obxectivo de acadar un "maior equilibrio" na convivencia lingüística.

Fonte: eitb.eus

País Vasco

O Departamento de Ensino de Cataluña convoca 136 prazas para profesorado de lingua catalá e literatura

O Departamento de Ensino de Cataluña publicou a convocatoria de 2000 prazas para acceder ao corpo de docentes da Comunidade. Como é habitual, un dos requisitos para presentarse será ter coñecementos de catalán. Destas 2000 prazas, 136 están destinadas a profesorado de lingua catalá e literatura.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Case 190 000 persoas prefiren o éuscaro para comunicarse co Servizo Vasco de Saúde

De acordo con datos publicados polo Departamento de Saúde do Goberno do País Vasco, 188 161 persoas escolleron o éuscaro como lingua de preferencia para comunicarse co Servizo Vasco de Saúde. Así mesmo, estes datos indican que a porcentaxe de traballadores deste Servizo que acreditou o perfil lingüístico se multiplicou por tres.

Fonte: La Vanguardia

País Vasco

Preséntase un manual de estilo para mellorar o uso do valenciano no eido do xornalismo

A Facultade de Ciencias Humanas e Sociais da Universidade Jaume I acolleu a presentación do "Libro de estilo da Corporación Valenciana de Medios de Comunicación (CVMC)". Trátase dun manual que funcionará como un modelo para mellorar o uso da lingua valenciana no ámbito do xornalismo.

Fonte: elperiodic.com

Comunidade Valenciana

A Universidade do País Vasco presentará trinta libros en éuscaro durante a Feira do Libro de Durango

A Universidade do País Vasco (UPV/EHU) participará na 52ª edición da Feira do Libro e Disco de Durango, que terá lugar entre os días 6 e 10 de decembro de 2017. En concreto, a UPV/EHU presentará trinta libros en éuscaro relacionados con diversas áreas de coñecemento, destinados tanto ao alumnado universitario como ao público en xeral.

Fonte: La Vanguardia

País Vasco

Os concellos que solicitaron a oficialidade do asturiano representan máis do 60 % da poboación de Asturias

Tendo en conta os datos de padrón do Instituto Nacional de Estatística, os oito concellos que xa solicitaron a oficialidade da lingua asturiana representan o 62,79 % da poboación total da comunidade. Ademais, está previsto que o número de concellos a favor da lingua siga a aumentar.

Fonte: Asturies.com

Asturias

Solicitan recoñecemento constitucional para as linguas de signos española e catalá

A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) insiste na necesidade de recoñecer na Constitución a lingua de signos como unha lingua oficial máis do Estado español.

Fonte: Servimedia

Xeral

A metade das empresas vascas con dez ou máis persoas empregadas dispoñen de páxina web en éuscaro

Segundo datos do Eustat, o 50,4 % das empresas vascas con dez ou máis persoas empregadas conta con páxina web en éuscaro unha porcentaxe que ascende ao 61,7 % no caso das que se encontran nas comarcas de Guipúscoa.

Fonte: La Vanguardia

País Vasco

A partida destinada ao asturiano da RTPA vai dedicarse integramente á dobraxe

Os 70 000 euros da Radiotelevisión do Principado de Asturias que estaban destinados ao uso da lingua asturiana van dedicarse á dobraxe de longametraxes e programas infantís.

Fonte: Asturies.com

Asturias

O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña ofrecerá novos cursos de catalán na comunidade

O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña organizará unha nova quenda de cursos de lingua catalá en 146 localidades da comunidade. Os cursos permitirán obter certificados de todos os niveis, que serán equivalentes aos oficiais emitidos pola Dirección Xeral de Política Lingüística.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder