España
O Goberno da Comunidade Valenciana aproba o decreto para o funcionamento da Oficina de Dereitos Lingüísticos
O Goberno da Comunidade Valenciana aprobou o decreto que regula o funcionamento da Oficina de Dereitos Lingüísticos (OLD). O obxectivo desta Oficina será o de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía, que son os que protexen o uso das linguas oficiais da Comunidade.
Fonte: Las Provincias
Case a metade da policía vasca ten acreditado algún perfil lingüístico de éuscaro
Un total de 3437 membros da policía do País Vasco ten acreditado algún perfil lingüístico de éuscaro, o que supón un 43% do total de axentes. Isto significa que, dende a aprobación do primeiro plan de uso desta lingua no ano 2014, a porcentaxe de policías co idioma acreditado medrou un 5%.
Fonte: Noticias de Álava
O Concello de Xixón convoca un premio á Mellor Idea Normalizadora para a lingua asturiana
O Concello de Xixón vén de convocar un novo concurso para conmemorar a figura do xesuíta Fierro Botas. En concreto, trátase do Premio Fierro Botas á Mellor Idea Normalizadora da lingua asturiana, que está destinado a alumnado de ESO e Bacharelato.
Fonte: Asturies.com
O Goberno navarro pensa aprobar un decreto que unifique as denominacións oficiais dos núcleos de poboación
O Goberno navarro tomará en consideración o proxecto de decreto polo que se establecen os criterios de uso e de expresión gráfica dos núcleos de poboación da Comunidade, co propósito de facerllo chegar ao Consello de Navarra para o seu ditame. O obxectivo desta norma é "unificar e regular" o uso dos nomes oficiais das localidades en éuscaro e castelán.
Fonte: Noticias de Navarra
Solicitan a creación dunha oficina de dereitos lingüísticos en Menorca
A coalición MÉS por Menorca solicitou a creación dunha oficina de dereitos lingüísticos mediante unha emenda ao proxecto de Lei de orzamentos do Goberno das Illas Baleares para o ano 2018. Con esta proposta preténdese proporcionarlles amparo administrativo ás persoas discriminadas por mor da lingua.
Fonte: La Vanguardia
A Academia Valenciana da Lingua creará un vocabulario relacionado coa cerámica no ano 2018
A Academia Valenciana da Lingua elaborará no 2018 un vocabulario relacionado co sector da cerámica de Manises. Esta iniciativa pretende recuperar e promover o uso de termos en lingua valenciana vencellados a este ámbito.
Fonte: Levante-EMV
As universidades do País Vasco únense á celebración do Día do Éuscaro
As universidades do País Vasco tamén participarán na celebración do Día Internacional do Éuscaro. Deste xeito, a UPV/EHU e Deusto levarán a cabo diversas actividades co obxectivo de achegar a lingua vasca ao alumnado universitario.
Fonte: El Diario Vasco
Varias institucións de Guipúscoa acordan poñer en práctica diversos hábitos para fomentar o uso do éuscaro
Dezaoito institucións, empresas e axentes de Guipúscoa presentaron as conclusións da iniciativa "Gipuzkoa berdinago". En concreto, acordaron unha declaración na que se recollen hábitos lingüísticos para fomentar o uso da lingua vasca, sempre co obxectivo de acadar un "maior equilibrio" na convivencia lingüística.
Fonte: eitb.eus
O Departamento de Ensino de Cataluña convoca 136 prazas para profesorado de lingua catalá e literatura
O Departamento de Ensino de Cataluña publicou a convocatoria de 2000 prazas para acceder ao corpo de docentes da Comunidade. Como é habitual, un dos requisitos para presentarse será ter coñecementos de catalán. Destas 2000 prazas, 136 están destinadas a profesorado de lingua catalá e literatura.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Case 190 000 persoas prefiren o éuscaro para comunicarse co Servizo Vasco de Saúde
De acordo con datos publicados polo Departamento de Saúde do Goberno do País Vasco, 188 161 persoas escolleron o éuscaro como lingua de preferencia para comunicarse co Servizo Vasco de Saúde. Así mesmo, estes datos indican que a porcentaxe de traballadores deste Servizo que acreditou o perfil lingüístico se multiplicou por tres.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín