España
Máis de 6500 persoas adultas estudan éuscaro en centros públicos e euskaltegis de iniciativa social de Navarra
Durante o pasado curso 2016-2017, 6559 persoas adultas matriculáronse en cursos de éuscaro nas escolas oficiais de idiomas, nos euskaltegis públicos Zubiarte e nos de iniciativa social, o que supón un aumento de 275 persoas inscritas respecto ao curso anterior.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno vasco apoia a educación en éuscaro no País Vasco francés
A conselleira vasca de Educación, Cristina Uriarte, e o conselleiro de Cultura e Política Lingüística, Bingen Zupiria, apoiaron a educación en éuscaro no País Vasco francés coa súa asistencia á inauguración do liceo Bernat Etxepare de Baiona.
Fonte: ABC
Demandan un único programa lingüístico para centros educativos que teña o valenciano como lingua vehicular
O Sindicato de Traballadores da Ensinanza do País Valenciano (STEPV) avoga por un programa lingüístico único para todos os centros educativos, públicos e privados, no que o valenciano sexa a lingua vehicular.
Fonte: La Vanguardia
Ábrese o prazo de inscrición para o curso de lingua de signos catalá para docentes
A Universidade Pompeu Fabra comeza o novo curso de lingua de signos catalá para docentes do ano académico 2017-2018, que terá lugar na Facultade de Tradución e Ciencias da Linguaxe. As persoas interesadas aínda poden inscribirse.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Aragón explicará a súa política lingüística nas Cortes
O director xeral de Política Lingüística de Aragón, Xosé Ignacio López Susín, comparecerá nas Cortes a petición do PP e Ciudadanos. Na súa intervención, o director explicará a política lingüística do Goberno aragonés.
Fonte: El Periódico de Aragón
O Goberno do País Vasco detalla a evolución do éuscaro nunha xornada celebrada en Portugal
A directora de Promoción do Éuscaro do Goberno vasco, Estibaliz Alkorta, interveu nunha xornada sobre Política Lingüística organizada pola rede europea Cost, que tivo lugar en Coímbra (Portugal). Alí, a directora explicou a evolución da lingua vasca nas últimas décadas.
Fonte: La Vanguardia
O Concello de Vila-real ofrece novos cursos gratuítos de valenciano
A Concellería de Normalización Lingüística de Vila-real convocou unha nova edición de cursos gratuítos de lingua valenciana para pais e nais de alumnado dos centros escolares e para persoas que chegaron recentemente á cidade.
Fonte: elperiodic.com
Valencia acollerá unha nova edición da feira do libro en catalán
A Praza do Concello de Valencia acollerá a quinta edición da "Praza do Libro", a feira do libro en lingua catalá, que terá lugar entre os días 1 e 5 de novembro de 2017 e na que participarán máis de trinta editoriais que publican libros en catalán.
Fonte: Valencia Plaza
A Corporación Valenciana de Medios de Comunicación e o Goberno Valenciano colaborarán en materia lingüística
A Corporación Valenciana de Medios de Comunicación (CVMC) e a Consellería de Educación, Investigación, Cultura e Deporte asinaron un acordo para colaborar en materia de política lingüística, cultura e deporte.
Fonte: La Vanguardia
Solicitan promover o uso da lingua galega no Consello Comarcal do Bierzo
O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentoulle varias propostas ao Consello Comarcal do Bierzo para impulsar o uso da lingua galega e a súa presenza na administración.
Fonte: La Nueva Crónica
Boletín
Subscríbase ao boletín