España
Apróbanse as normas que servirán para redactar a nova lei do éuscaro en Navarra
O Goberno de Navarra aprobou as normas da comisión especial que permitirán redactar as modificacións da antiga lei da lingua vasca na comunidade. A nova lei versará sobre o cumprimento dos dereitos lingüísticos da cidadanía, a eliminación da zonificación e a formalización do éuscaro como lingua oficial de Navarra.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno de Aragón solicita a actualización dos aragonesismos no dicionario da Real Academia Española
O Goberno de Aragón confirmou que a comunidade volverá formar parte da Fundación Pro Real Academia Española da Lingua, a través da que apoiar as accións lingüísticas da institución. Así mesmo, o Goberno aragonés solicitará a actualización dos aragonesismos presentes no dicionario da Real Academia Española.
Fonte: El Periódico de Aragón
A cooperativa Consum valorará a posibilidade de manter a lingua valenciana na etiquetaxe dos seus produtos
As entidades Plataforma pola Lingua e Acción Cultural do País Valenciano (ACPV) reuníronse cos responsables da cooperativa Consum para valorar a súa recente decisión de eliminar o valenciano da etiquetaxe dos seus produtos de marca propia.
Fonte: València Extra
Organízase un seminario para informar dos beneficios de converter o asturiano en lingua oficial
Os días 2 e 3 de marzo de 2018 convocarase na Universidade de Oviedo un seminario organizado pola asociación Iniciativa polo Asturiano para informar a cidadanía das implicacións positivas que tería a inclusión da lingua asturiana na sociedade.
Fonte: El Cofidencial Autonómico
O catalán é a lingua maioritaria nos centros educativos das Illas Baleares
Catro de cada cinco centros educativos públicos de Baleares imparten a maioría das materias soamente en lingua catalá. Esta proporción é menor no que respecta aos centros privados e concertados, xa que aproximadamente un de cada tres imparte as clases só en catalán.
Fonte: ABC
A Generalitat de Cataluña subvenciona a tradución á lingua catalá de máis de 150 obras
Unhas 159 obras publicadas por 42 editoriais no 2017 foron traducidas ao catalán grazas ao apoio da Generalitat de Cataluña, a través dunha nova liña de axudas dirixidas exclusivamente á súa tradución. As obras poden ser consultadas e solicitarse en préstamo no Portal da Lingua Catalá.
Fonte: GenCat
Proponse a impartición da lingua asturiana nos colexios a partir dos 3 anos
Os días 2 e 3 de marzo de 2018 celebrouse un seminario no que a Academia da Lingua Asturiana expuxo diversas propostas a través das que apoiar a oficialidade do asturiano. Entre outras medidas, destacan a inclusión da lingua asturiana nos colexios dende os 3 anos ou a emisión dunha canle de televisión e radio.
Fonte: La Nueva España
Un estudo medirá a contribución da lingua valenciana ao crecemento económico da comunidade
A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana financiará un estudo a través do que cuantificar, en termos de renda, emprego e produto interior bruto a contribución das actividades relacionadas co uso da lingua valenciana.
Fonte: Levante
Convócanse novas axudas dirixidas á promoción do uso do éuscaro en Navarra
O Goberno de Navarra abriu unha nova convocatoria de axudas para levar a cabo actividades de promoción da lingua vasca na comunidade. As asociacións sen ánimo de lucro serán as principais beneficiarias, se ben os centros de traballo e as entidades privadas tamén teñen posibilidade de solicitalas.
Fonte: Noticias de Navarra
Menos da metade dos produtos alimentarios dos supermercados de Cataluña presenta a etiquetaxe en lingua catalá
Un estudo recente da Plataforma pola Lingua de Cataluña confirma que soamente 4 de cada 10 produtos de marca propia dos supermercados ofrecen a súa etiquetaxe en catalán. De feito, o 40 % dos produtos alimentarios presenta a etiquetaxe nesta lingua, porcentaxe que baixa a case o 30 % no caso de produtos non alimentarios.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín