España
Benidorm acolle un programa de turismo accesible en lingua de signos
Benidorm vai converterse no epicentro do turismo accesible e inclusivo en España grazas a unha iniciativa que ten como obxectivo incrementar a escasa oferta de turismo adaptada ás necesidades da comunidade xorda.
Fonte: Diari de la DisCapacitat
Nace unha asociación para promover o uso do catalán no ámbito sanitario
A Associació Metges-Salut pel Català nace para promover o uso do catalán no ámbito da saúde. Entre as súas propostas figuran un plan de acollida para residentes ou a creación dunha figura para velar pola aplicación da política lingüística en cada centro.
Fonte: Públic
A Generalitat de Cataluña abre o prazo para solicitar axudas para a incorporación do catalán en películas e series

As plataformas dixitais poderán solicitar axudas para a incorporación do catalán, o occitano e a lingua de signos catalá en longametraxes e series. Estas axudas enmárcanse na acción do Goberno para incrementar a presenza do catalán no ámbito audiovisual.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Goberno vasco financiará a gratuidade da aprendizaxe do éuscaro
Destinarase unha partida de 3,7 millóns de euros para subvencionar o proceso de aprendizaxe do éuscaro do alumnado dos euskaltegis da Comunidade Autónoma Vasca que obteña o A1, A2, B1, B2, C1 e C2.
Fonte: Gobierno Vasco
O Goberno vasco lanza a convocatoria Euskalgintza para a promoción, o desenvolvemento e a normalización do éuscaro
A convocatoria Euskalgintza, á que se destinarán 1 704 000 euros, está destinada a persoas físicas ou xurídicas privadas dedicadas á promoción, ao desenvolvemento ou á normalización do éuscaro na sociedade.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Vitoria-Gasteiz lanza unha convocatoria para que a mocidade poida desenvolver propostas creativas en éuscaro
A bolsa Gazte Sortzaileak, que conta cunha dotación económica de 18 000 euros, está dirixida a persoas de 16 a 35 anos e ten como obxectivo fomentar a creación en éuscaro.
A Universidade do País Vasco e o Goberno vasco organizan un mestrado para a xestión de linguas
Co obxectivo de ofrecer formación en novos coñecementos e metodoloxías xurdidas no proceso de revitalización do éuscaro, a Universidade do País Vasco ofertará o mestrado «La gestión de las lenguas en la era global: claves de la innovación en la revitalización del euskera», que ten unha duración de dous anos.
Fonte: Gobierno Vasco
O Athletic Club de Bilbao presenta o seu plan estratéxico para fomentar o uso do éuscaro

O club bilbaíno afronta o desafío de integrar o éuscaro en todas as súas actividades co obxectivo de preservar esta lingua, así como fortalecer a súa identidade cultural. Para iso lanzou un plan estratéxico para fomentar o uso do éuscaro cun horizonte temporal de catro anos no que se propoñen nove estratexias.
Fonte: Bilbao Hiria
A Academia Aragonesa queda sen financiamento do Goberno español
Mentres que reciben financiamento as academias das diferentes linguas minorizadas do Estado, catalán, éuscaro e galego, e mesmo o asturiano que non ten o status de oficialidade, óbviase destinar unha partida ao aragonés, declarado pola Unesco como lingua en perigo de extinción.
Fonte: Ara Info
A Generalitat de Cataluña convoca unha liña de axudas para a incorporación do catalán aos videoxogos
A liña de axudas para a incorporación do catalán ao ámbito dos videoxogos está dotada de 400 000 euros e busca promover a presenza desta lingua en contidos descargables de videoxogos DLC, en interfaces de consolas e en plataformas de distribución.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín