Galicia
O 72 % do alumnado galego superou as probas de inglés de niveis B1, B2 e C1 organizadas pola Xunta de Galicia

O 72 % do alumnado que se presentou ás probas gratuítas organizadas pola Xunta para acreditar o nivel de inglés nos niveis B1, B2 e C1 do marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) conseguiu a certificación.
Fonte: Galicia Confidencial
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a app Radar COVID creada polo Ministerio de Sanidade non está dispoñible en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que a aplicación móbil Radar COVID, creada polo Ministerio de Sanidade para rastrexar contactos e axudar así a mitigar a pandemia do coronavirus, está dispoñible en español e en inglés, pero non en ningunha das outras linguas cooficiais.
Fonte: Códico Cero
O Goberno galego convoca dez bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura e Turismo publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de dez bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). A convocatoria ten como obxectivo reforzar a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
Fonte: Xunta de Galicia
Valentín García visita o mural ilustrado por María Herreros no marco de Compostela Ilustrada
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou o mural ilustrado por María Herreros sobre as famosas Marías compostelás, no marco do programa de verán Compostela Ilustrada, nos soportais do Museo das Peregrinacións de Santiago.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra imparte dous cursos de lingua de signos
Ferrol acolle a celebración de dous cursos de lingua de signos para adultos organizados pola Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e impartidos pola profesora Teresa Gallo.
Fonte: La Voz de Galicia
Entréganse os Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2020 da Universidade de Vigo
O acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria, que estaba previsto para o Día das Letras Galegas e que foi adiado por mor da pandemia, celebrouse na Casa de Rosalía en Padrón.
Fonte: Universidade de Vigo
A Universidade de Vigo convoca por vez primeira un certame de banda deseñada e ensaio en galego

Os orixinais dos Premios de ensaio e banda deseñada en galego poden presentarse ata o 30 de setembro e deberán ser inéditos e non premiados noutro certame. Establécese un primeiro premio de 700 € e dous accésits de 250 € para cada unha das modalidades.
Fonte: Universidade de Vigo
O Concello da Pobra convoca o premio de literatura infantil en galego Carlos Mosteiro
O premio de literatura infantil Carlos Mosteiro, que convoca o Concello da Pobra do Caramiñal, chega á súa terceira edición. A este galardón, que conta cunha dotación económica de 1500 euros, deberán presentarse orixinais escritos en galego de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade.
Fonte: El Correo Gallego
A Xunta de Galicia convoca axudas para que as bibliotecas adquiran novidades editoriais en lingua galega

A Consellería de Cultura e Turismo publicou no DOG a orde que establece as bases reguladoras da subvención a entidades locais para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Fonte: CulturaGalega
Xa está aberta a convocatoria da segunda edición do Premio AGAG de guión en galego para longametraxes

A Asociación Sindical Galega de Guionistas abriu a convocatoria do segundo Premio AGAG de guión en galego para longametraxe 2020, un galardón que ten entre os seus obxectivos fomentar o uso desta lingua no audiovisual e dar a coñecer as autoras e autores que escriben neste idioma.
Fonte: Audiovisual451
Boletín
Subscríbase ao boletín