Galicia
A Universidade de Santiago organiza un concurso que vincula a promoción do galego e a sensibilización contra o cambio climático

O concurso de vídeos “Cambio climático e nós”, organizado pola Facultade de Ciencias, vincula a promoción do uso do galego co compromiso adquirido pola Universidade de Santiago coa Axenda 2030. O certame inclúe dúas categorías: unha dirixida ao alumnado da ESO, bacharelato e FP e outra para os membros das tres universidades galegas.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A comunicación en lingua galega figura entre as competencias clave requiridas para acceder aos certificados de profesionalidade
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave para poder acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para obter estes certificados está a “comunicación en lingua galega”.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Deputación da Coruña convoca o XI Premio Rosalía de Castro de Lingua

O obxectivo do Premio Rosalía de Castro, convocado pola Deputación da Coruña, é o recoñecemento de iniciativas, traballos ou entidades comprometidas coa promoción e o uso do galego.
Fonte: Deputación da Coruña
Valentín García participa en Santiago e en Padrón nos actos do Día de Rosalía
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Santiago de Compostela nos actos organizados pola Fundación Rosalía de Castro con motivo do Día de Rosalía, que conmemora o 183º aniversario do nacemento da autora galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Instituto da Lingua Galega presenta o proxecto Patrimonio Léxico da Gallaecia

O recurso Patrimonio Léxico da Gallaecia, iniciativa enmarcada dentro do proxecto GEOARPAD, nace co obxectivo de documentar e mostrar a variación no léxico patrimonial actual dentro da área que comprende a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as zonas galegófonas de Asturias e de Castela e León.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A rede de colaboración cidadá da plataforma Galicia Nomeada recompila 4000 microtopónimos

A aplicación Galicia Nomeada, creada para a recolleita colaborativa da microtoponimia galega, recibiu en dous meses máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar microtopónimos. Así mesmo, grazas a estas colaboracións introducíronse na plataforma máis de 4000 nomes de montes, leiras, fontes e mesmo penedos ou rochas da costa pertencentes a 140 concellos.
Fonte: Real Academia Galega
Guadi Galego recibe o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado

A artista galega Guadi Galego recibiu no Círculo de Belas Artes o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, concedido polos gobernos autonómicos de Euskadi, Cataluña, Galicia, Valencia, Navarra e Illas Baleares o pasado mes de novembro en Bilbao polo seu último traballo Immersion, no que recolle cancións e pon en valor sete linguas peninsulares.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Covelo aproba a súa Ordenanza para o impulso social da lingua galega

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 17 de febreiro publicou, logo da aprobación provisional e a fase de información pública, a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Covelo.
Fonte: CTNL
Unha campaña informativa anima os centros de FP a ofertar ciclos formativos en portugués
Na actualidade só dous centros de FP en Galicia escolleron o portugués para os seus ciclos formativos plurilingües: o IES San Clemente de Compostela e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo. Por este motivo, a asociación Docentes de Portugués na Galiza iniciou unha campaña para que máis centros soliciten esta opción para o curso 2020-2021.
Fonte: Praza Pública
A Xunta súmase á lembranza a Rosalía programada no marco da VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza

A VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza homenaxeará a Rosalía de Castro do 23 de febreiro ao 1 de marzo cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán en Santiago, Padrón, Ponteareas e Braga.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín