Mundo
Un deputado corso do Parlamento Europeo presentará un informe sobre a situación das linguas ameazadas en Europa
François Alfonsi, o único falante de corso no Parlamento Europeo, presentará un informe sobre o estado das linguas ameazadas de Europa. "Existen centos de linguas na Unión Europea e todas e cada unha delas forman parte da identidade europea", declarou François Alfonsi á Comisión de Cultura do Parlamento Europeo e engadiu: "Sen apoio a nivel europeo, nacional e local, seremos testemuñas, durante as vindeiras décadas, dunha perda da diversidade lingüística. Isto empobreceranos cultural, social e economicamente".
Fonte: The Independent
O novo embaixador portugués en Timor Leste considera a promoción da lingua portuguesa unha prioridade
O novo embaixador de Portugal en Timor Leste, Manuel Gonçalves de Jesus, clasifica a promoción da lingua e a colaboración comercial como prioridades diplomáticas e promete manter unha "relación especial" entre os dous países.
Fonte: SIC Notícias
"O Principiño" cumpre 70 anos con edicións en preto de 210 linguas
O Principiño, unha das obras máis traducidas da historia, celebra o seu septuaxésimo aniversario. As súas múltiples edicións inclúen versións en preto de 210 linguas. Comunidades lingüísticas moi pequenas, como a frisoa ou a saami, tamén contan cunha tradución propia.
Fonte: Nationalia
Aproban un programa en Chile para que a comunidade mapuche da Araucania aprenda a súa lingua materna
A Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena de Chile aprobou un programa para que 120 comunidades mapuche da rexión da Araucania aprendan a súa lingua orixinaria.
Fonte: Biobio Chile
Unha directiva do ministro canadense de Cooperación Internacional contravén a lexislación de linguas oficiais
A oficina de Julian Fantino, ministro canadense de Cooperación Internacional, pediu que todas as súas comunicacións fosen redactadas unicamente en inglés, feito que contravén a lexislación canadense de linguas oficiais.
Fonte: Le Devoir
Milleiros de croatas maniféstanse contra a oficialización do alfabeto cirílico na cidade de Vukovar
Unha manifestación en Zagreb esixe que a latina siga sendo a única escrita aceptada na cidade de Vukovar. Segundo as leis croatas, os serbios desta cidade teñen dereito a usar oficialmente o alfabeto cirílico.
Fonte: Nationalia
Corea do Norte suspende a publicación de noticias en linguas estranxeiras
A Axencia Central de Noticias de Corea do Norte (ACNC) deixou de publicar momentaneamente noticias en linguas estranxeiras.
Fonte: Rádio Voz da Rússia
Unha enquisa revela que o 90 % dos corsos está a favor do bilingüismo
A primeira enquisa sociolingüística que se realiza en Córsega sobre a lingua rexional revela, ademais dun forte sentimento de apego á lingua, un importante consenso a favor do bilingüismo en toda a illa.
Fonte: Corse Net Infos
O Concello de Turín aproba unha proposta para salvar a lingua piemontesa
A última edición do Atlas das linguas do mundo en perigo da Unesco revela que a lingua piemontesa corre o risco de desaparecer. O Concello de Turín convida o Goberno e Parlamento italianos a incluír o piemontés no grupo de linguas minoritarias protexidas.
Fonte: Torino Today
Unha editorial galesa pídelle a Amazon que permita publicar libros electrónicos en galés
A editorial galesa Y Lolfa enviou unha petición á multinacional Amazon para que permita a publicación en Kindle de libros electrónicos en galés. A iniciativa reuniu xa máis de 2000 sinaturas.
Fonte: Wales Online
Boletín
Subscríbase ao boletín