Mundo
Publícase a primeira serie de debuxos animados en gaélico manés
A serie de debuxos animados da BBC Friends and Heroes retransmitiuse por vez primeira en 2007 e foi traducida a un total de once linguas. A última delas é o gaélico da illa de Man onde se distribuirán copias da serie nas escolas.
Fonte: BBC
Un instituto tecnolóxico e o Goberno de Haití asinan un acordo para a promoción do ensino en lingua crioula
O Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e o Goberno de Haití asinaron unha iniciativa conxunta para a promoción do ensino das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas por medio da lingua crioula, como parte dun proxecto para axudar os haitianos a estudaren na lingua que a maioría fala na casa.
Fonte: MIT news
A Sociedade da Lingua Galesa lamenta a baixa provisión de fondos públicos para o ensino de adultos en galés
A Sociedade da Lingua Galesa (Cymdeithas yr Iaith Gymraeg) denunciou que menos de 4000 libras, dun orzamento total de 17 millóns, se destinou á educación de adultos en lingua galesa no País de Gales.
Fonte: Wales Online
A Oficina da Lingua Inuktitut aspira a deter o declive da lingua vernácula no territorio canadense de Nunavut
A lingua inuktitut pode gozar do mesmo status que o inglés e o francés no territorio canadense de Nunavut, mais a comisaria de Linguas, Sandra Inutiq, afirma que o seu uso está diminuíndo moi rapidamente e asegura que a súa promoción no sistema educativo debe ser unha prioridade.
Fonte: Nunatsiaq Online
O servizo de almacenamento de arquivos Dropbox está dispoñible en seis novas linguas
A plataforma de almacenamento de arquivos en liña Dropbox anunciou que está dispoñible en seis novas linguas: ruso, polaco, indonesio, malaio, chinés tradicional e chinés simplificado.
Fonte: The Next Web
Macau quere estimular o ensino da lingua portuguesa
Tres deputados da Asemblea Lexislativa de Macau defenderon a necesidade de que o Goberno desta Rexión Administrativa Especial da China estimule a aprendizaxe do portugués nas escolas e engada unha disciplina de lingua portuguesa no ensino secundario.
Fonte: Ponto Final
Só o 37,4 % dos indíxenas brasileiros fala a súa lingua nativa
Segundo un estudo do Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística, apenas o 37,4 % dos indíxenas brasileiros fala a lingua da súa etnia.
Fonte: Spanish People
Portugal rexistra un dos peores índices no dominio da lingua inglesa en Europa
Segundo o índice EF English Proficiency (EPI), Portugal é un dos países co dominio do inglés máis baixo de Europa e está só por diante de Francia, Italia e Rusia. Os países co índice de coñecemento máis alto son Suecia, Dinamarca, Países Baixos e Finlandia.
Fonte: Diário Digital
Máis de 120 nenos da chilena illa de Pascua recibirán clases en lingua rapanui
Un inédito proxecto financiado por CONADI (Corporación Nacional chilena de Desenvolvemento Indíxena) prevé a contratación e formación de 12 profesores que ensinarán a lingua rapanui na illa de Pascua a crianzas desde preescolar ata primaria.
Fonte: El Martutino
Un estudo revela que máis de dous terzos dos habitantes de Luxemburgo fala o luxemburgués
Un estudo publicado polo Instituto luxemburgués de Estatística e Estudos Económicos (Statec) revela que máis de dous terzos da poboación luxemburguesa fala a lingua vernácula no traballo, na escola e na casa. A esta lingua séguelle o francés, que o emprega máis da metade da poboación, e o alemán, falado por case un terzo dos luxemburgueses. O inglés e o portugués están igualados, é dicir, unha de cada cinco persoas fala unha destas dúas linguas.
Fonte: Le Quotidien
Boletín
Subscríbase ao boletín