Mundo
Aumenta o número de universidades finlandesas que ofrecen os seus estudos en lingua inglesa
Cada vez máis universidades de Finlandia ofrecen contidos en lingua inglesa, grazas á promoción do Ministerio de Educación finlandés. A Escola de Comercio de Helsinqui será a primeira en ofrecer un programa completamente en inglés.
Fonte: France Info
.
A provincia italiana de Bolzano asina un convenio coa RAI para e emisión de programas en alemán e ladino
A Presidencia do Consello de Ministros italiana, a Provincia Autónoma de Bolzano e a televisión italiana (RAI) asinaron un convenio para a realización e emisión de programas de radio e televisión en lingua alemá e ladina na rexión do Alto Adige.
Fonte: IGN
O vindeiro ano a aprendizaxe do zulú será obrigatoria en Suráfrica
O Ministerio de Educación surafricano imporá como obrigatoria a aprendizaxe do zulú en todas as escolas de primaria a partir do vindeiro ano, informou o xornal Mercury. A iniciativa ministerial chega despois de que a Universidade de KwaZulu-Natal anunciara que imporía a obrigatoriedade desta lingua. Porén, expertos advirten de que a falta de profesores podería obstaculizar a implantación da medida.
Fonte: Milenio
O Goberno francés planea permitir a impartición de estudos en linguas estranxeiras nas universidades
Co fin de atraer universitarios estranxeiros ás universidades francesas, o Goberno francés planea permitir a impartición de estudos superiores en lingua estranxeira. Os detractores destas medidas consideran que isto suporía unha nova ameaza para a lingua francesa.
O malabar consegue o status de lingua clásica na India
O Goberno da India concedeu o status de lingua clásica ao malabar, cumprindo así unha das solicitudes pendentes do estado de Kerala. Con esta medida, o malabar entra a formar parte dun exclusivo grupo que inclúe o sánscrito, o támil, o telugú e o canarés.
Fonte: The Indian Express
O Goberno de Gales anuncia novas normas en materia lingüística
Algúns membros ministeriais do País de Gales anunciaron un novo conxunto de normas que imporán obrigas de promoción da lingua galesa ao propio goberno, concellos e parques nacionais. O partido nacionalista Plaid Cymru expresou a súa decepción de que estas medidas non impliquen un maior número de organizacións.
Fonte: BBC
Francia continuará apoiando a expansión da lingua francesa en Angola
En colaboración co Ministerio angolano de Educación, o Goberno francés continuará a dar o seu apoio á expansión e desenvolvemento da lingua francesa en Angola por medio de programas nas escolas, sesións de formación para o profesorado e realización de concursos.
Fonte: Portal Angop
O Goberno da rexión quebequesa de Bai-James designa o francés lingua de traballo
O francés será a lingua de traballo do futuro Goberno rexional de Baie-James (Quebec). Porén, este terá a obriga de traducir os documentos á lingua cree e mais ao inglés, tal como estipula o novo proxecto de lei aprobado recentemente.
Fonte: La Presse
Unha universidade brasileira publica dous libros escritos en linguas indíxenas do estado de Roraima
No ámbito do programa de valorización das linguas macuxí e wapixana, o Instituto Insikiran da Universidade Federal de Roraima (Brasil) publicou recentemente dúas importantes obras: o dicionario bilingüe wapixana-portugués e a gramática da lingua macuxí.
Fonte: Globo
O Perú conta cun total de 47 linguas nativas, a maioría faladas na selva amazónica
O Perú ten na actualidade 47 linguas nativas faladas por catro millóns de habitantes, residentes na súa maioría na selva amazónica. O 83 % deses catro millóns de falantes ten o quechua como lingua materna, o 11 % o aimará e o 6 % fala linguas amazónicas.
Fonte: RPP
Boletín
Subscríbase ao boletín