Mundo
A maioría dos embaixadores británicos nos países de lingua arábiga non fala árabe
O Ministerio de Asuntos Exteriores do Reino Unido declarou que tan só seis dos 16 embaixadores británicos nos países de linga arábiga poden falar árabe para desempeñar as súas funcións institucionais.
Fonte: The Telegraph
O ministro principal de Gales abre un debate nacional sobre o futuro da lingua galesa
O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, abriu un "debate nacional" sobre o futuro da lingua galesa que el mesmo describiu como un foro aberto onde persoas de todas as idades poidan opinar sobre os modos de promovela e apoiala no futuro.
Fonte: Wales Online
O candidato favorable a concederlles máis dereitos lingüísticos aos serbios gaña as eleccións en Vukovar
O socialdemócrata Zelko Sabo foi reelixido na segunda volta das eleccións municipais da cidade croata de Vukovar e anuncia o recoñecemento oficial da variante lingüística serbia, tal como establecen as leis croatas. Pola contra, o candidato conservador derrotado argumenta que este será "o primeiro paso cara á incorporación de Vukovar a Serbia".
Fonte: Nationalia
Presentan o novo mapa das linguas indíxenas de México
O Instituto Nacional de Linguas Indíxenas de México (INALI) presentou o novo Mapa das Linguas Indíxenas Nacionais co obxectivo de actualizar os datos que mostran a diversidade lingüística e cultural de México. No novo mapa rexistráronse 68 linguas con 364 variantes e un total de 11 familias lingüísticas.
Fonte: El Semanario
Francia recoñece o ensino bilingüe na nova Lei de educación sen facer mención ao método de inmersión
O Parlamento francés aprobou o recoñecemento do "ensino facultativo" das linguas minorizadas na nova Lei de educación que está a debater o lexislativo. Este ensino facultativo poderá ser de dúas formas: "un ensino da lingua e a cultura rexionais" ou "unha educación bilingüe en lingua francesa e na lingua rexional".
Fonte: Nationalia
A Comisión Europea aprobará un proxecto para mellorar a comunicación das institucións coas persoas con deficiencia auditiva

A Comisión Europea aprobará un novo proxecto piloto que mellorará a comunicación entre as institucións europeas e os cidadáns xordos ou con deficiencia auditiva por medio da instalación de tecnoloxías audio e vídeo nas institucións da UE, para que os funcionarios poidan comunicarse máis facilmente cos usuarios da lingua de signos.
Fonte: Local
O portugués é un idioma en ascenso
Os máis de 250 millóns de habitantes dos países de fala portuguesa celebran o luns 10 de xuño o día da lingua lusa, cuxa importancia internacional gaña impulso pola importancia económica e demográfica do Brasil e Angola.
Fonte: El Universal
O potencial dos negocios internacionais incrementa o interese pola lingua portuguesa en China
Quiñentos anos despois da chegada do primeiro portugués a China, a aprendizaxe da lingua portuguesa está medrando grazas ao impulso dos negocios e á promoción do bilingüismo, declararon responsables políticos e das institucións do ensino na cidade chinesa de Macau.
Fonte: Diário Digital
A primeira estación de radio en escocés do Úlster recibe autorización para emitir en Irlanda do Norte
O ente regulador dos medios de comunicación no Reino Unido acaba de dar luz verde á creación da primeira emisora de radio en escocés do Úlster, fUSe FM, que emitirá na zona de Ballymoney. Ao mesmo tempo, a radio Raidió G recibirá tamén permisos de emisión e será a primeira estación que emitirá en gaélico irlandés fóra de Belfast.
Fonte: BBC
Un sindicato portugués de profesores critica o Goberno polo escaso investimento no ensino da lingua portuguesa no estranxeiro
O Sindicato dos Profesores nas Comunidades Lusíadas (SPCL) criticou o Goberno portugués no tocante ao ensino da lingua portuguesa no estranxeiro. Aproveitando a celebración do Día de Portugal, de Camões e das Comunidades Portuguesas, o SPCL afirma nun comunicado que "o presente ano, 2013, é máis un ano para lamentar do que para festexar".
Fonte: RTP
Boletín
Subscríbase ao boletín