Mundo

Unha asociación en defensa da lingua bretoa solicita a obrigatoriedade dunha hora de bretón por semana na escola

A asociación en defensa da lingua bretoa Mervent solicitoulle ao Estado francés a incorporación obrigatoria dunha hora de iniciación á lingua bretoa por semana no horario escolar, ao mesmo nivel que as matemáticas e a historia, así como o financiamento completamente público deste ensino.

Fonte: Ouest France

Un informe do Goberno de Finlandia admite que as linguas diferentes ao finés non están o suficientemente protexidas

Un informe elaborado polo Goberno de Finlandia sobre a aplicación da lexislación lingüística conclúe que os dereitos lingüísticos dos falantes de linguas diferentes ao finés, concretamente, sueco e saami, non están o suficientemente protexidos no país escandinavo.

Fonte: Nationalia

A Eurocámara insta os estados a promover a aprendizaxe das linguas minoritarias en preescolar

Europa volve reclamar axuda para as linguas minorizadas. Desta vez foi a Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, que aprobou por unanimidade un informe que insta á protección dos idiomas en perigo de desaparición e no que se lles pide aos estados membros que promovan a súa aprendizaxe na escola desde idades temperás, ademais de facer especial fincapé no ensino en preescolar.

Fonte: Praza Pública

A expansión do portugués xerará riqueza para os países lusófonos

“A expansión do ensino do portugués xerará riqueza para os países lusófonos. É o momento de que os gobernos destes países entendan a importancia do ensino do portugués, pois agora non é só unha cuestión cultural, senón tamén económica”, dixo á Axencia Lusa, Carlos Wesley, responsable do vídeo documental “O ensino do portugués gaña forza no mundo”.

Fonte: Sol

Francia declara ilegais dúas leis polinesias porque o debate parlamentario se fixo en lingua tahitiana

Dúas leis aprobadas pola Asemblea da Polinesia Francesa foron declaradas ilegais polo Consello de Estado francés porque unha sesión da Asemblea tivo lugar na lingua local, o tahitiano. O tahitiano está recoñecido oficialmente por persoas xurídicas privadas e individuos.

Fonte: Nationalia

Publícase o primeiro dicionario sobre as linguas de Honduras

O primeiro exemplar do dicionario das linguas de Honduras verá a luz como parte dun proxecto cultural que conta co apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Fonte: La Prensa

Vinte linguas orixinarias do Perú contan con alfabetos oficiais

Das 47 linguas orixinarias que se identificaron no Perú, vinte delas contan xa con alfabetos normalizados e cinco levan camiño de ser consensuadas entre os seus propios falantes, informou o Ministerio de Educación do país andino.

Fonte: Rpp

A Unesco apoia a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa na creación dunha rede para reforzar a cooperación en portugués

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, Ciencia e Cultura (Unesco) apoiará a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) na creación dunha rede, denominada "Iniciativa Ciencia en Portugués", para reforzar a cooperación científica no idioma.

Fonte: Portugal Digital

Publícase un novo servizo dixital de noticias e redes sociais en galés

Publicouse un novo espazo dixital de noticias e redes sociais en galés, PoblCaerdydd, desenvolvido co apoio da escola de xornalismo da Universidade de Cardiff, para dar servizo aos aproximadamente 36 000 falantes de galés de Cardiff.

Fonte: The Guardian

Descobren unha nova lingua no norte de Australia

Un grupo de científicos descubriu unha nova lingua que contén trazos gramaticais innovadores e unha combinación única de elementos doutros idiomas. A lingua en cuestión fálase nunha comunidade remota de 300 falantes situada no Territorio do Norte de Australia.

Fonte: The Times of India

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder