Mundo

O número de escolas de lingua maorí medra con forza en Nova Zelandia

Segundo o Ministerio de Educación de Nova Zelandia, o número de escolas de lingua maorí rexistrou un forte crecemento, pasando de 13 a 72 entre 1992 e 2011. Así mesmo, o número de estudantes medrou en máis de 1000 nos últimos dez anos.

Fonte: Stuff

Envíase unha carta ao rei de Marrocos para que se implique máis na defensa da línga bérber

O líder bérber Rahid Raha enviou unha carta ao monarca marroquí para lembrar que o recoñecemento constitucional do idioma bérber (amazig) non se está aplicando na práctica. O texto asegura que se está producindo un "xenocidio cultural e lingüístico" contra a cultura bérber.

Fonte: Nationalia

A Asemblea da Polinesia Francesa debaterá o uso das linguas polinesias no seo da asemblea

O presidente da Asemblea da Polinesia Francesa, Edouard Fritch, convocou os presidentes dos grupos políticos a unha sesión administrativa onde se estudará unha proposición para modificar un artigo da Constitución, co fin de autorizar o uso das linguas polinesias no seo da asemblea.

Fonte: La Dépéche

Inaugúrase un novo servizo en lingua portuguesa dunha axencia de noticias en Angola

O secretario de Estado da Comunicación Social de Angola, Manuel da Conceição, inaugurou en Luanda a redacción dos servizos de noticias en lingua portuguesa da Axencia Panafricana de Noticias (PANAPRESS).

Fonte: Agência AngolaPress

Inmigrantes afincados na capital do Canadá constatan que o seu status bilingüe non se aplica na práctica

Numerosos inmigrantes francófonos que escolleron a capital do Canadá (Otava) como lugar de residencia están decepcionados ao constataren o bilingüismo "de fachada" que caracteriza a cidade. Aínda que existen servizos gobernamentais en francés, a nivel privado, o uso da lingua francesa é moi escaso.

Fonte: La Presse

A Sociedade da Lingua Galesa demanda que a totalidade do alumnado de Gales reciba unha parte das súas materias en galés

A totalidade do alumnado do País de Gales debería aprender ata un terzo das súas clases co galés como lingua de instrución, demandou a Sociedade da Lingua Galesa. Esta asociación tamén se mostrou partidaria de que o ensino da lingua galesa como lingua estranxeira, como o francés ou o español, se erradique do ensino.

Fonte: Daily Post

O Observatorio Vasco de Dereitos Humanos lamenta a imposibilidade de vivir en éuscaro no País Vasco francés

Behatokia, o Observatorio Vasco de Dereitos Humanos, fixo público na cidade francesa de Baiona o seu informe anual no que constata a imposibilidade de vivir completamente en éuscaro no País Vasco francés.

Fonte: Le Journal do Pays Basque

O papiamento cumpre dez anos como idioma oficial da illa caribeña de Aruba

Este ano, a illa caribeña de Aruba conmemora un aniversario moi especial: hai exactamente dez anos, o papiamento, lingua máis falada na illa, converteuse un dos idiomas oficiais do país. Malia existir desde o século XVI, só en 2003 esa curiosa mestura de portugués, español, francés, neerlandés, italiano e inglés gañou o mesmo status que o neerlandés, a outra lingua oficial de Aruba.

Fonte: Terra

Inauguran en Bolivia o primeiro instituto de lingua aimará

O ministro de educación de Bolivia inaugurará na capital boliviana o primeiro de 37 institutos dos dialectos bolivianos. O Instituto Plurinacional de Estudos e Linguas de Cultura Aimará funcionará como academia da lingua, fixará normas e regularará o uso de neoloxismos.

Fonte: Telesur

A lingua portuguesa atópase nunha situación de perfeccionamento en China

"O ensino da lingua portuguesa en China atópase nunha fase entre a xeneralización e o perfeccionamento", afirmou a profesora Zhao Hong Ling con motivo da apertura do II Foro Internacional de Ensino da Lingua Portuguesa en China, que tivo lugar en Macau, antiga colonia de Portugal.

Fonte: Praza Pública

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder