Mundo
Na provincia canadense de Columbia Británica non é posible presentar documentación unicamente en francés nos tribunais
O Tribunal Supremo de Canadá confirmou que nos tribunais da provincia canadense de Columbia Británica non é posible presentar documentación unicamente en francés, situación que podería menoscabar os dereitos lingüísticos dos francófonos desta provincia.
Fonte: Le Devoir
O novo responsable de Gales da Wikipedia prevé ampliar os contidos en lingua galesa da enciclopedia en liña
Un antigo director de escola, Robin Owain, acaba de ser nomeado responsable de Gales do proxecto da Wikipedia e viaxará por todo o país para ensinar as persoas a faceren contribucións en lingua galesa á enciclopedia en liña.
Fonte: BBC News
Un antigo ministro portugués será o comisario da Casa Olímpica da Lingua Portuguesa no Brasil
Miguel Relvas, o antigo ministro de Asuntos Parlamentarios de Portugal, será o alto comisario da Casa Olímpica da Lingua Portuguesa no Brasil. Este proxecto é recente e foi creado para converter a lingua portuguesa nun dos idiomas oficiais de traballo do Comité Olímpico Internacional con vistas aos Xogos Olímpicos de 2016, que terán lugar no Brasil.
Fonte: Esquerda
Un festival promove o intercambio cultural entre os países de lingua portuguesa
Entre os días 21 e 30 de agosto, Río de Xaneiro celebrará o Festival de Teatro da Lingua Portuguesa, que alén de obras teatrais, ofrecerá espectáculos, exposicións, obradoiros e debates. Este ano o festival presenta sete espectáculos inéditos do Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique e Portugal. Nesta edición o festival conta ademais coa participación especial de Timor Leste e de Guinea-Bissau.
Fonte: Catraca Livre
Libia recoñece o tamazight, o tuareg e o tubu como linguas nacionais
Unha lei aprobada polo Congreso Nacional de Libia recoñece as linguas tamazight, tuareg e tubu como variedades lingüísticas e culturais da sociedade libia e estipula o seu ensino nos programas escolares do país.
Fonte: Maghreb Emergent
O uso de idiomas distintos ao inglés medra nos Estados Unidos
O número de persoas en Estados Unidos que falan un idioma diferente ao inglés na casa practicamente se triplicou nas últimas tres décadas, superando amplamente o aumento da poboación xeral, segundo datos oficiais. Aínda que o español segue a ser o idioma máis falado despois do inglés, outras linguas, particularmente as do sur de Asia e África, incrementaron o seu uso, dixo a Oficina do Censo de Estados Unidos nun relatorio.
Fonte: Terra
Alxeria apoiará o ensino da lingua turca nas universidades, mais seguirá sen recoñecer oficialmente o tamazight
Aínda que Alxeria segue sen recoñecer oficialmente a lingua tamazight (bérber), dúas das principais universidades do país introducirán o ensino da lingua turca.
Fonte: Siwel
As linguas vernáculas impulsan o crecemento da Wikipedia na India
Un artigo publicado recentemente revela que as poboacións da India que falan unha lingua diferente do inglés son as que máis contribúen ao crecemento da enciclopedia en liña.
Fonte: Clubic Pro
Cada vez máis estranxeiros mostran interese polo estudo da lingua portuguesa
De agosto do ano pasado ata agora, aumentou case un 30 % o número de estranxeiros que se interesaron polos cursos de portugués para estranxeiros na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa. O coordinador dos cursos subliña o aumento do interese dos orientais pola lingua portuguesa.
Fonte: Tsf
Un total de 46 das 54 linguas nativas de Bolivia están ameazadas ou extintas
Unha investigación presentada no marco do Congreso de Estudos Bolivianos revelou que das 54 linguas nativas de Bolivia, 15 xa están extintas (28 %), 11 se encontran moribundas (20 %), 20 están seriamente ameazadas (37 %) e só o 14 % delas se fala actualmente.
Fonte: Correo del Sur
Boletín
Subscríbase ao boletín