Mundo

Manifestantes croatas destrúen sinais escritos en cirílico na cidade de Vukovar

O Goberno croata condenou a violencia dun grupo de manifestantes croatas que destruíron varios sinais da cidade de Vukovar que estaban escritos en cirílico, alfabeto que se emprega para escribir en serbio. Os sinais foran instalados segundo estipula a lei dos dereitos das minorías en Croacia, que establece que as linguas dos grupos minorizados deben empregarse nos municipios onde estes representen un terzo da poboación local. En Vukovar, os serbios son o 34,9 %.

Fonte: Nationalia

Chile lanza unha serie documental sobre as linguas indíxenas presentes no país

Esta serie documental é parte dunha campaña audiovisual que busca xerar impacto na sociedade sobre a importancia das linguas indíxenas e os valores e coñecementos que achegan. Así mesmo, con esta iniciativa contribúese ao recoñecemento do multilingüismo e da pluriculturalidade presente no país.

Fonte: El Ciudadano

Cada vez máis alumnos aprenden francés na provincia canadense de Columbia Británica

Un estudo realizado por unha asociación de pais polo ensino en francés revela que os programas de inmersión lingüística en lingua francesa no sistema público da provincia canadense de Columbia Británica reciben cada ano máis estudantes.

Fonte: MetroNews

Inauguran unha nova escola de lingua galesa na cidade de Wrexham

Este curso académico unha nova escola de inmersión en galés abrirá as súas portas na cidade galesa de Wrexham.

Fonte: Daily Post

O Consello Escolar inglés de Montreal atribúelle á lei lingüística do Quebec o forte descenso das inscricións

O consello escolar inglés da cidade quebequesa de Montreal anunciou un descenso récord no número de inscricións: 10 000 estudantes menos desde o ano 2000. Mentres que o consello escolar atribúe unha parte das perdas ao éxodo das familias do centro ás aforas da cidade, un oficial deste declara que "o principal inimigo é a política lingüística do Quebec".

Fonte: National Post

China afirma que o 30 % dos seus habitantes non fala a lingua oficial

O ministro da Educación de China declarou que preto de 400 millóns de habitantes, ou o 30 % da poboación do país, non se expresa en chinés mandarín, o idioma nacional. A dimensión territorial do país e a diversidade étnica constitúen desafíos para a aprendizaxe do idioma.

Fonte: Último segundo

Unha nova licenciatura en lingua portuguesa impartirase en China

A licenciatura máis recente de portugués en China continental arranca no inicio de outubro na Universidade de Estudos Internacionais de Zhejiang (ZISU) con 22 alumnos, o que eleva a 18 o número deste tipo de estudos no país asiático. A maioría das licenciaturas apareceu na última década, coincidindo co desenvolvemento das relacións económicas e comerciais entre China e os países de lingua portuguesa, especialmente Brasil e Angola.

Fonte: iOnline

O ensino da lingua portuguesa diminúe en Francia

A oferta de ensino da lingua portuguesa en Francia tende a diminuír, xa que nestes momentos as autoridades francesas están a privilexiar o inglés fronte a outras linguas, declarou á Axencia Lusa o deputado Carlos Alberto Gonçalves.

Fonte: Notícias ao Minuto

A idade de aprendizaxe dunha segunda lingua é determinante para a estrutura do cerebro humano

Un estudo realizado conxuntamente pola Universidade McGill e a Universidade de Oxford revela que a idade na que os nenos e nenas aprenden unha segunda lingua incide de maneira importante na estrutura do cerebro das persoas adultas.

Fonte: Radio-Canada

Unha editora brasileira lanza unha antoloxía de contos dos oito países de lingua portuguesa

A editora brasileira Melhoramentos lanzou na Bienal do Libro de Río de Xaneiro, unha antoloxía de contos lusófonos infantís, que reúne, nun único volume, lendas e mitos contados nos oito países de lingua portuguesa.

Fonte: Dnoticias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder