Mundo

O primeiro ministro de Turquía anuncia medidas que permitirán o ensino do kurdo nas escolas

O primeiro ministro de Turquía, Tayyip Erdogan, anunciou un conxunto de medidas que concederán certos dereitos á minoría kurda, entre os que se atopa o ensino da lingua kurda nas escolas privadas.

Fonte: BBC

Timor Leste reitera o seu compromiso coa promoción da lingua portuguesa

O novo presidente de Timor Leste, Taur Matan Ruak, resaltou a importancia do idioma para o vínculo histórico e cultural do país cos membros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e declarou que o seu Goberno pretende manter o papel de mediador entre Asia e os países que falan portugués.

Fonte: África 21

Unha antiga lingua árabe podería desaparecer

Unha antiga lingua árabe falada por unhas 60 mil persoas nunhas remotas e dificilmente accesibles montañas do suroeste de Arabia Saudita está en perigo de desaparecer pola emigración dos seus habitantes cara ás grandes cidades.

Fonte: Milenio

Especialistas defenden o portugués como segunda lingua dos turistas no Brasil

O portugués podería ser a segunda lingua para os turistas estranxeiros polo potencial do Brasil nese mercado, segundo aseguraron en São Paulo varios expertos que participaron na cuarta edición do Congreso de Turismo Idiomático, celebrado por primeira vez no país suramericano.

Fonte: O Mirante

Miles de persoas descargan unha aplicación para aprender gaélico manés

Máis de 4000 persoas descargaron unha nova aplicación para teléfonos intelixentes e outros dispositivos electrónicos deseñada para promover o gaélico manés e que inclúe 10 capítulos de actividades para aprender a lingua.

Fonte: BBC

O Centro de Linguas da Universidade do Miño ofrece 13 cursos de linguas estranxeiras

O BabeliUM, Centro de Linguas da Universidade do Miño (Portugal), ofrece este semestre unha diversificada oferta de formación lingüística que inclúe as seguintes linguas: inglés, alemán, francés, italiano, árabe, galego, checo, húngaro, xaponés, ruso, español, lingua de signos portuguesa e portugués como lingua estranxeira.

Fonte: Correio do Minho

A xustiza británica decidirá se un banco estatal de aforros ten que ofrecer de novo o seu servizo de atención en galés

Un xuíz do Tribunal Supremo do Reino Unido decidirá se o banco de aforros estatal National Savings and Investment (Aforros e investimentos nacionais) retoma o servizo de atención en lingua galesa. O banco anunciara hai uns meses a interrupción da súa política en galés por mor da baixa demanda.

Fonte: BBC

Crean institutos de investigación en Bolivia para salvar linguas e culturas indíxenas

Creáronse os institutos de investigación de quechua, aimará, afroboliviano e guaraní co fin de recuperar, revitalizar e desenvolver os idiomas nativos que se falan en Bolivia, especialmente daqueles pobos que se atopan en risco de desaparecer.

Fonte: El Día

O incremento do uso do inglés nos fogares de Singapur repercute negativamente no dominio das linguas nacionais

O incremento do número de persoas que falan inglés nos fogares de Singapur está repercutindo negativamente na aprendizaxe e no ensino das linguas nacionais por parte dos escolares do país asiático. A ministra de Educación, Sim Ann, declarou que isto tivo como resultado un maior número de alumnos de niveis diferentes nas aulas.

Fonte: Channel New Asia

A Sociedade da Lingua Galesa anuncia unha campaña de acción directa para solicitar medidas de protección do galés

Os integrantes da Sociedade da Lingua Galesa (en galés, Cymdeithas Yr Iaith Gymraeg) anuncian que comezarán unha campaña de acción non violenta se o Goberno galés non adopta medidas para a protección da lingua, despois de que o censo de 2011 revelase unha perda de falantes.

Fonte: BBC

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder