Mundo

A homenaxe ao Brasil na Feira do Libro de Frankfurt evidencia a expansión do portugués

O director executivo do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa, Gilvan Muller de Oliveira, declara que o interese que o Brasil suscitou na Feira do Libro de Frankfurt é un resultado, non só da importancia económica deste país no mundo, senón tamén da expansión internacional do idioma portugués.

Fonte: Operamundi

O ministro de Xustiza británico insta o corpo de policía a contratar axentes con coñecementos lingüísticos

O corpo británico de policía deberá contratar axentes con destrezas lingüísticas co fin de mellorar a diversidade profesional e os servizos de intelixencia, anunciou o ministro de Xustiza do Reino Unido, Damian Green.

Fonte: The Guardian

Alertan da perda de transmisión xeracional das linguas indíxenas de México

En México, algunhas linguas indíxenas diminuíron a súa transmisión xeracional debido á idea de privilexiar a aprendizaxe do idioma español, asegurou a antropóloga Ludka de Gortari nunha entrevista con motivo do premio do Concurso Nacional de Lendas Indíxenas 2013. A responsable da Unidade de Planificación da Comisión Nacional para o Desenvolvemento dos Pobos Indíxenas (CDI) afirmou que por incrible que pareza o maia é unha das linguas de menor transmisión xeracional.

Fonte: Starmedia

Un estudo mostra que os estudantes irlandeses non teñen un bo dominio das linguas estranxeiras

Un informe de Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea, mostra que os estudantes irlandeses teñen un baixo dominio das linguas estranxeiras. Mentres que en países como a República Checa, todos os estudantes do ensino secundario estudan dúas ou máis linguas, un quinto dos estudantes irlandeses non estuda idioma estranxeiro ningún.

Fonte: Independent

As escolas de educación secundaria de Malta ofrecerán clases de chinés

O Goberno maltés prevé a introdución do ensino da lingua chinesa nas escolas de educación secundaria sempre que haxa suficientes estudantes interesados, anunciou o ministro de Educación, Evarist Bartolo.

Fonte: Times of Malta

O ministro de Formación Profesional de Tunisia promove o ensino das linguas como ferramenta para a inserción laboral

O ministro de Formación Profesional e Emprego de Tunisia, Naoufel Jammali, defende a importancia de reforzar o ensino das linguas como ferramenta para a inserción laboral.

Fonte: Webmanagercenter

A ONU presenta un concurso para fomentar o multilingüismo

A Organización das Nacións Unidas (ONU) presentou o concurso “Moitas linguas, un mundo”, pensado para xente nova universitaria que fale máis dun idioma. Os participantes deberán escribir un ensaio nunha das seis linguas oficiais da organización.

Fonte: Agência de Notícias Brasil-Árabe

Rusia abrirá escolas ruso-ucraínas para o ensino do ucraíno

Rusia poderá abrir no futuro escolas ruso-ucraínas, afirmou o ministro de Educación e Ciencia, Dmitry Livanov, e engadiu que xa existen algunhas escolas que imparten ucraíno en varias rexións de Rusia.

Fonte: ForUm

Uns mapas elaborados por un profesor universitario mostran a diversidade lingüística de Inglaterra e Gales

Un xeógrafo da Escola Universitaria de Londres (University College London) publicou uns mapas que mostran a diversidade lingüística de Inglaterra e Gales.

Fonte: The Guardian

Especialistas afirman que a radio pode ser clave para a salvación das linguas minoritarias

Especialistas do foro “Radio e linguas minoritarias”, que tivo lugar na oficina do Parlamento Europeo de Bruxelas, afirman que a radio pode ser clave para a salvagarda das linguas minoritarias de Europa e América. Unha recente resolución do Parlamento Europeo apoia estacións de radio que emiten sen ánimo de lucro para a promoción da diversidade cultural. Pola súa parte, no continente americano, os instrumentos da lexislación internacional sobre os dereitos humanos serviron para a defensa de emisións en lingua indíxena.

Fonte: Semana

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder