Mundo
Oito de cada dez persoas que falan portugués no mundo viven no Brasil
Os oito países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) teñen preto de 244 millóns de habitantes e o Brasil é onde viven os falantes máis novos mentres que, Portugal, conta coa maior porcentaxe de falantes vellos, segundo as “Estatísticas da CPLP” de 2003 a 2010. De cada dez residentes no espazo lusófono, oito habitan no Brasil.
Fonte: Lusomonitor
Publícase un novo dicionario de gaélico escocés
O Goberno escocés financiou a publicación dun novo dicionario de lingua gaélica que terá como principal obxectivo a promoción desta lingua en Escocia.
Fonte: Herald Scotland
O embaixador de Portugal nas Nacións Unidas considera que a importancia da lingua portuguesa é imparable
A importancia xeoestratéxica dos países que falan o portugués axudará o idioma a crecer no mundo, declarou o novo embaixador de Portugal na Misión Permanente das Nacións Unidas, Álvaro Mendonça e Moura. Ademais, lembrou nunha entrevista a Radio ONU, que o portugués está presente en todos os continentes, especialmente en África, que concentra cinco nacións de lingua portuguesa.
Fonte: Epoch Times
A empresa Priberam lanza a última versión do FliP 9, corrector ortográfico e sintáctico da lingua portuguesa
Priberam, empresa especialista no desenvolvemento de software e contidos dixitais para a lingua portuguesa, lanzou a última versión do FliP 9, conxunto de ferramentas lingüísticas de revisión e axuda para a escrita en portugués.
Fonte: Dinheiro Vivo
Un responsable gobernamental defende a aprobación do estatuto das linguas nacionais de Angola
O director do Instituto de Linguas Nacionais do Ministerio de Cultura de Angola, José Domingos Pedro, defendeu a aprobación urxente do proxecto de lei sobre o estatuto das linguas nacionais de Angola, para promover a inclusión social e fortalecer a unidade na diversidade lingüística.
Fonte: ANGOP
Google prepara un tradutor multilinguaxe en tempo real
A tradución automática e o recoñecemento da linguaxe natural en xeral é un dos campos nos que a tecnoloxía ten máis potencial de crecemento nos próximos anos. Os tradutores actuais, aínda que útiles, resultan bastante limitados para moitos usos. Google pretende acabar con algunhas desas limitacións en Android incorporando un tradutor en tempo real capaz de permitir conversas entre dúas persoas que falan idiomas diferentes.
Fonte: Tuexperto
Un estudo revela que cantar axuda a aprender linguas estranxeiras
Un estudo realizado pola Escola de Música da Universidade de Edimburgo, en Escocia, concluíu que cantar nunha lingua estranxeira axuda a aprender ese idioma. A investigación empregou o idioma húngaro, considerado un dos máis difíciles e diferentes para os europeos.
Fonte: DW
O candidato a alcalde da cidade quebequesa de Montreal defende a oferta de servizos en inglés
Malia a consideración oficial da cidade quebequesa de Montreal como francófona, a Administración municipal debe continuar ofrecendo servizos en inglés ou noutras linguas "sempre que o número o xustifique", declarou Denis Coderre, candidato á alcaldía nesta cidade.
Fonte: Le Devoir
Un estudante de Bután inicia un proxecto para salvar as linguas do seu país que estean en perigo de desaparición
Un estudante universitario comezou a traballar nun proxecto que pretende documentar e arquivar as linguas do país asiático de Bután que estean en perigo de desaparición. Unha delas é o olekha que só conta cun falante vivo que a fala con fluidez.
Fonte: SBS
O Goberno italiano envíalles un comunicado aos concellos sardos para que retiren os sinais escritos en lingua sarda
O Ministerio de Infraestruturas italiano envioulles un comunicado aos concellos de Sardeña para que se adecúen ás disposicións estatais e retiren os sinais escritos en lingua sarda ao inicio e final das respectivas localidades.
Fonte: Sardegna Oggi
Boletín
Subscríbase ao boletín