Mundo

O estudo da lingua chinesa medra con forza nos EUA

Un total de 51 582 persoas estudan chinés en universidades e centros de ensino superior dos Estados Unidos de América e a cifra vai en aumento ano tras ano. O chinés é a sétima lingua máis popular. As linguas máis estudadas son, por esta orde, o español, o francés, o alemán, a lingua de signos dos EUA, o italiano e o xaponés.

Fonte: University of Southern California

Os silesianos maniféstanse a prol da autonomía e do recoñecemento da súa lingua en Polonia

Unha marcha celebrada na provincia polonesa de Silesia demanda o recoñecemento da lingua silesiana e o uso da bandeira silesiana nos edificios oficiais. O número de cidadáns que se consideran silesianos dispárase no último censo celebrado en Polonia.

Fonte: Nationalia

A migración interna das cidades ás zonas rurais ameaza a lingua galesa

A migración das cidades cara ás zonas rurais está poñendo a lingua galesa nunha situación de risco. Para evitalo, cómpre aprobar políticas máis duras que garantan a protección da lingua nas zonas sociolingüisticamente máis fortes.

Fonte: Wales Online

O primeiro ministro de Portugal e a presidenta do Brasil reafirman a aplicación do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa

A presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, e o primeiro ministro portugués, Passos Coelho, reiteraron a importancia da plena aplicación do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa (AOLP) en todos os países membros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) como forma de contribuír ao reforzo da internacionalización do idioma. En Portugal e no Brasil o acordo entrará en vigor en maio e en decembro de 2015, respectivamente.

Fonte: Porto Canal

Os alumnos con idioma materno diferente ao xaponés poderán aprender esta lingua no sistema educativo regrado de Xapón

Os alumnos de escolas públicas de Xapón, cuxa lingua materna non sexa o xaponés, poderán aprender o idioma durante as clases regulares a partir do próximo ano lectivo, grazas a unha provisión aprobada polo Ministerio de Educación nipón. As clases estarán a cargo de persoas con dominio da lingua materna dos alumnos mencionados.

Fonte: International Press

Máis de 5000 alumnos aprenden portugués nas escolas de Macau

Segundo datos dos Servizos de Educación e Xuventude de Macau, máis de 5000 alumnos macaenses aprenden actualmente portugués como disciplina regular ou extracurricular nas escolas locais.

Fonte: O Mirante

O chinés mandarín atrae cada vez máis portugueses

O Instituto Confucio de Lisboa prevé 500 novos estudantes de chinés mandarín no próximo ano académico, sinal do crecente interese dos portugueses pola lingua chinesa, sobre todo por motivos profesionais.

Fonte: Sapo

O finés é unha das linguas máis difíciles de aprender para os anglófonos

Para aprender unha lingua difícil cómpre investir moito tempo, mais isto non debe desanimar os estudantes candidatos, declara o Instituto de Servizos Estranxeiros dos EUA. Segundo unha lista recentemente publicada por este organismo, o finés atópase entre as linguas máis difíciles de aprender para os anglófonos.

Fonte: Uutiset

O portugués pode converterse en lingua olímpica

O presidente do Comité Olímpico de Portugal, José Manuel Constantino, confirmou a súa vontade de converter a lingua portuguesa en idioma de traballo do Comité Olímpico Internacional (COI), desexo que conta co apoio do Brasil.

Fonte: Sapo

A Asemblea Nacional Francesa abre as portas ao ensino do catalán nas escolas

O catalán, así como as outras linguas "rexionais" francesas, poderá ensinarse nas escolas xunto coa lingua francesa. Este é o resultado da aprobación do proxecto da lei de reforma do ensino que supón o recoñecemento no sistema educativo das linguas que a constitución francesa considera "patrimonio de Francia".

Fonte: Generalitat de Catalunya

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder