Mocidade
A Universidade de Vigo reactiva a súa campaña «Galego de tranquis»

A Área de Normalización Lingüística reactiva o plan de madriñas e padriños “galego de tranquis” co obxectivo de poñer en contacto persoas que queren comezar a falar ou escribir en galego con outras que xa o dominan e queren axudar no proceso de aprendizaxe (madriñas e padriños).
Fonte: Consello da Cultura Galega
A TVG pon en marcha un proxecto protagonizado por unha influencer que asume o reto de aprender galego en cen días

A TVG impulsa o proxecto «Bótalle azucre», protagonizado pola influencer Anita Mateu, que asumiu o reto de aprender galego en 100 días co obxectivo de manter unha conversa fluída. A iniciativa, dirixida ás persoas neofalantes, combina contidos audiovisuais en YouTube, Instagram e TikTok, cunha grande implicación do público, que colabora nas aprendizaxes de Anita. O proxecto pretende visibilizar e apoiar os novos galegos e galegas que queren incorporarse ao uso da lingua.
Fonte: CRTVG
López Campos destaca a implicación dos centros escolares coa lingua a través do programa ‘Falamos +’

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou no colexio López Ferreiro, en Santiago de Compostela, o programa de dinamización lingüística ‘Falamos +’, no que participan dez centros repartidos polas catro provincias co obxectivo de “impulsar o uso da lingua galega entre a cativada desde a perspectiva do lecer dentro do ámbito escolar”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Narón acolle a gala de entrega da VIII edición dos Premios Youtubeiras+
Os Premios Youtubeiras+ recoñecen a creación de contidos dixitais en galego. Na edición deste ano, resultaron galardoadas as canles Exército Mekemeke, Sara Seco, Orgullo Galego, Galiactiva, Rebelico Revista, Luís do Río e Prado Rúa. A iniciativa, promovida por concellos, universidades e a Deputación da Coruña, busca impulsar a presenza do galego nas redes sociais.
Fonte: Código Cero
O programa da Xunta «21 días co galego e +» arranca a súa sétima edición con obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais

O programa de dinamización lingüística da Xunta «21 días co galego e +» arranca a súa sétima edición que ofrecerá obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais nos centros que participan. Así o avanzaron no acto de apertura desta iniciativa o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús M. Álvarez Bértolo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Deputación da Coruña e Orgullo Galego poñen en marcha unha iniciativa para fomentar o uso do galego nas redes sociais

A Deputación da Coruña e Orgullo Galego lanzan o programa «O galego e as redes sociais» para promover o uso desta lingua entre a mocidade a través de 20 obradoiros en centros de secundaria da Costa da Morte e Soneira. Este proxecto destaca a importancia das redes sociais como ferramenta de difusión e inspira a creación de contidos en galego que demostran como este idioma permite alcanzar audiencias globais.
Fonte: Deputación da Coruña
Valentín García felicita os escolares recoñecidos cos premios ‘Novos Poliedros’ e ‘Astronomía’
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, entregou os premios da cuarta edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en galego pola Institución Galega da Ciencia coa colaboración da Xunta de Galicia co obxectivo de promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta pon en marcha grupos de voluntariado lingüístico para impulsar o galego entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron o programa de voluntariado lingüístico «Queres falar?» destinado a promover o uso do galego entre a mocidade a través de conversas entre galegofalantes habituais e persoas que queiran mellorar a súas habilidades no idioma ou incorporalo de novo á súa fala.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta levará este Nadal propostas culturais en galego a unha trintena de concellos

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou a programación de Nadal en Rede, a campaña de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia e que celebra a súa décimo terceira edición achegando propostas de lecer en galego a unha trintena de concellos durante a época festiva.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O colexio do Foxo presenta unha nova edición da súa campaña de promoción do galego no comercio local da Estrada
O colexio do Foxo, na Estrada, presentou a campaña anual «Bicos a Moreas», que promove o uso do galego a través de adhesivos creados polo alumnado con debuxos e mensaxes nesta lingua. A iniciativa, apoiada economicamente pola Asociación de Comerciantes e a Asociación Comarcal de Empresarios, distribúe estes adhesivos nos comercios locais para a campaña de Nadal, co obxectivo de darlle visibilidade ao galego e premiar a creatividade infantil.
Fonte: Faro de Vigo
Boletín
Subscríbase ao boletín