Cataluña
O programa Emmarca’t promove en Cataluña o emprego do catalán entre as grandes marcas

Segundo a Enquisa de usos lingüísticos da poboación 2018 de Cataluña, o 75 % dos profesionais emprega o catalán na atención ao público. Este e outros argumentos recóllense na publicación editada por Política Lingüística coas cincuenta razóns para motivar o empresariado a empregar esta lingua para publicitar a súa marca.
Fonte: La Vanguardia
Reúnese o xurado para decidir os galardoados da terceira edición do Premio de Fomento da Lingua de Signos Catalá
O Premio de Fomento da Lingua de Signos Catalá, convocado pola Generalitat de Cataluña, chega á súa terceira edición. Este galardón, que se entregará no mes de outubro, conta con tres categorías nas que se premian persoas, entidades e iniciativas de fomento desta lingua.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Segundo os datos dunha enquisa, o 60 % da poboación de Arán sabe falar o aranés
Segundo os resultados da Enquisa de usos lingüísticos da poboación de 2018, elaborada pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña, un 83 % da poboación entende aranés, un 73% saber ler nesta lingua e un 45% sábea escribir.
Fonte: Ara.cat
O Consorcio para a Normalización Lingüística abre o prazo de inscrición para os cursos de catalán
A nova oferta de cursos do Consorcio para a Normalización Lingüística daralles prioridade á formación das persoas chegadas recentemente a Cataluña e ás prácticas lingüísticas fóra da aula.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Persoas estranxeiras que viven en Cataluña comezan unha campaña para que lles falen en catalán
Baixo o lema “Non me cambies a lingua” procuran que quen que fala catalán habitualmente evite cambiar ao castelán cando conversa con persoas de fóra, xa que así os axudarán a aprendela.
Fonte: Nació digital
Barcelona acollerá o 9 de setembro a presentación dunha gramática básica e de uso do catalán
A Gramàtica bàsica i d’ús de la llengua catalana presentarase o 9 de setembro no marco da Semana do Libro en Catalán. Trátase dunha obra normativa e descritiva dirixida a un público non especializado e, especificamente, ao ámbito da Administración, dos medios de comunicación e do ensino.
Fonte: Ajuntament de Barcelona
O uso do catalán nas sentenzas xudiciais situouse nun 7,7 % en 2018

Segundo datos da Generalitat, en 2018 o uso do catalán nas sentenzas xudiciais caeu ata o 7,7 %, fronte ao 8,2 % do ano anterior. Por provincias, Xirona é onde máis se utiliza, cunha porcentaxe do 14,4 %, seguida de Lleida (11 %).
Fonte: La Vanguardia
A Plataforma pola Lingua impulsa en Cataluña un selo de Produto Lingüisticamente Responsable

Outorgaráselles aos produtos que inclúan o catalán na súa etiquetaxe, co obxectivo de darlles visibilidade e protección, xa que desenvolven tarefas de responsabilidade social empresarial (RSE).
Fonte: Plataforma per la Llengua
Publícase un novo libro de fotografía en lingua de signos catalá
O libro contén vocabulario e conceptos básicos sobre fotografía, todos eles acompañados de imaxes e debuxos. Ademais, moitos dos termos incorporan tamén a posibilidade de visualizalos a través de vídeos en liña.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Generalitat de Cataluña impulsa un ano máis o Plan Ofercat de promoción do catalán na empresa e no comercio

O Plan Ofercat de estudo e acción de promoción dos usos lingüísticos chegará este outono a 4525 comercios de 10 cidades de Cataluña. O obxectivo desta iniciativa é coñecer a oferta lingüística destes establecementos comerciais e poñer en marcha neles accións de fomento do catalán.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín