Cataluña
Increméntase o uso do aranés na rexión catalá do Val de Arán
A Enquisa de Usos Lingüísticos do ano 2018 que acaba de presentar a Generalitat de Cataluña ofrece datos bastante positivos para a lingua aranesa: aumenta o coñecemento do aránes por parte dos habitantes do Val de Arán e o seu uso medra tamén 4 puntos porcentuais.
Fonte: Jornalet
O Consorcio pola Normalización Lingüística consolida a súa oferta de formación en catalán durante o verán
O Consorcio pola Normalización Lingüística de Cataluña (CPNL, polas súas siglas en catalán) consolida a súa oferta de formación de catalán con cursos intensivos de verán. Máis de 200 cursos acollen durante os meses de verán arredor de 4300 participantes.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O uso do catalán medra case tres puntos en Cataluña desde o 2013

A Enquisa de usos lingüísticos elaborada pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña revelou datos moi positivos para a lingua catalá. Segundo os novos datos, un 81,2 % da poboación sabe falar catalán, un 85,5% sábeo ler e un 65,3% sábeo escribir (fronte ao 31,5 % que sabía facelo en 1981). Alén diso, un dato moi positivo referido ao uso mostra que o 70,6 % das conversas se comezan na lingua propia de Cataluña, case 3 puntos máis ca en 2013.
Fonte: El País
Un xogo para o móbil medirá o coñecemento de vocabulario das persoas que falan catalán
Este xogo foi creado polo Grupo de Investigación en Psicolingüística da Universidade Rovilla i Virgili. Trátase dunha aplicación móbil que presenta palabras reais e inventadas entre as que a persoa que xoga debe descifrar se existen ou non.
Fonte: Diari Més
A plataforma de reserva de rutas turísticas en catalán Guies.cat recibe un galardón pola súa calidade lingüística
Unha asociación de empresarios de Cataluña decidiu galardoar co Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial á plataforma Guies.cat, que ofrece rutas turísticas en lingua catalá por diferentes cidades do mundo.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña xestionará unha conta de Twitter exclusivamente en occitano
O encargado da xestión directa de @occitan_aranes será o Departamento de Cultura da Generalitat, co obxectivo de reforzar o uso institucional desta lingua. Concretamente, difundiranse contidos de interese para a comunidade do Vall D’Aran, así como efemérides, recursos lingüísticos e premios. Ademais, durante este ano o perfil atenderá especialmente ás novas sobre o finado lingüista e historiador Robèrt Lafont, polo décimo aniversario da súa morte.
Fonte: La Vanguardia
Preséntase a versión signada da Lei de lingua de signos catalá
Durante a celebración do 40 aniversario da Federación de Persoas Xordas de Cataluña, o Goberno catalán recoñeceu o seu labor no impulso do recoñecemento da lingua de signos catalá. Tamén agradeceu a súa implicación en proxectos de normalización, como o de definición dos diferentes niveis en lingua de signos de Cataluña segundo o marco europeo de referencia.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Universidade Autónoma de Barcelona abre o período de matriculación para o Posgrao en Corrección e Asesoramento Lingüístico
Este novo posgrao, do que tamén existe un curso de especialización, está pensado para persoas licenciadas en disciplinas da rama lingüística con coñecementos superiores en lingua catalá. Habilita as persoas que o cursan no exercicio da corrección editorial e o asesoramento lingüístico a calquera empresa.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O InformeCAT 2019 presenta os principais resultados sobre a situación da lingua catalá en Cataluña, Comunidade Valenciana e Baleares
O informe anual de Plataforma per la Llengua conclúe que os ámbitos nos que se constata unha peor situación para a lingua catalá son o cine e a xustiza. Nesta última, só 2 de cada 10 falantes se expresan neste idioma con seguridade ante un xuíz. Tamén na escola, onde só o 14,6% das conversas entre o alumnado de secundaria son en catalá.
Fonte: La Vanguardia
O Viccionari incorpora 1000 novos termos do vocabulario básico da lingua de signos catalá

Trátase do primeiro dicionario en liña que recolle o léxico da lingua de signos catalá. É un proxecto divulgativo en continuo desenvolvemento e, neste caso, combina a pescuda léxica e o material audiovisual. Os novos termos, tomados da Dirección Xeral de Política Lingüística catalá, están sendo traballados dende 2015.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín