Comunidade Valenciana
A dirección de Canal 9 recorta as dobraxes ao catalán
A política de austeridade de Radiotelevisión Valenciana anunciada polo seu director xeral, José López Jaraba, ameaza con reducir aínda máis a presenza do catalán. Segundo López Jaraba, "para aforrar", Canal 9 recortará nun 75 % a dobraxe ao valenciano.
Fonte: Avui
Presentan unha iniciativa popular para que o valenciano sexa obrigatorio para os funcionarios

A Generalitat Valenciana xa ten un borrador para a nova Lei para a ordenación e xestión da función pública, na que non figura a obrigatoriedade de que os aspirantes a funcionarios saiban valenciano. O seu coñecemento só se terá en conta, pero non é obrigatorio. Por este motivo, case un centenar de colectivos e entidades cívicas presentaron un manifesto no que piden que no proceso de selección dos funcionarios se "acredite o coñecemento do valenciano, tanto en expresión oral como escrita".
Fonte: El País
O valenciano sitúase nas tecnoloxías dixitais de comunicación
A conselleira de Xustiza e Administracións Públicas, Paula Sánchez de León, presentou a nova rede corporativa de voz en valenciano dos terminais de telefonía fixa da Generalitat.
Fonte: ABC
O conselleiro de Educación valenciano considera “primordial” o impulso á presenza do valenciano na Administración
O conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, indicou, durante o acto de presentación da tradución ao valenciano da Lei hipotecaria, que a recuperación e impulso da presenza do valenciano na Administración constitúe un “obxectivo primordial” para a Generalitat.
Fonte: El Periòdic
O Tribunal Supremo ditamina contra a exclusión de Filoloxía Catalá para acreditar o coñecemento de valenciano
A sección sétima da sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso interposto pola Generalitat Valenciana contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana (TSJCV) que determina a validez do título de Filoloxía Catalá para acreditar os coñecementos de valenciano en oposicións docentes.
Fonte: Europa Press
Un estudo afirma que os deputados usan cada vez menos o valenciano na tribuna do Parlamento autonómico
Froito da observación estritamente empírica, a Plataforma pola Dinamización Lingüística do País Valenciano leva estudando o uso das linguas no Parlamento valenciano co obxectivo de realizar un diagnóstico –en constante movemento– da situación do valenciano como idioma vehicular de expresión entre os parlamentarios.
Fonte: Levante
A Consellería de Educación valenciana empezará a impartir chinés en dez institutos en abril
A Consellería de Educación valenciana introducirá as clases de lingua e cultura chinesa nun máximo de dez institutos e con carácter experimental ao longo dos meses de abril, maio ou xuño deste curso.
Fonte: ABC
O PP rexeita que se esixa saber valenciano para traballar na Administración pública
O voceiro do PP, Rafael Blasco, rexeitou que o seu grupo nas Cortes vaia apoiar a reforma da Lei da función pública que propón o PSPV e que afectaría a como puntúa o requisito lingüístico nas oposicións da Generalitat Valenciana.
Fonte: El Mundo
A Comunidade Valenciana conta xa con intérpretes de 60 linguas nos xulgados

A xustiza valenciana fala xa 60 idiomas, os que manexan os intérpretes xudiciais ao servizo da Generalitat. Cada ano aumenta o seu traballo e en 2009 houbo máis de 17000 traducións en linguas de lugares como Paraguai, Tanzania, Irán, Mali ou Bangladesh.
Fonte: Las Provincias
A Consellería de Educación de Valencia destina en 2010 máis dun millón de euros para a promoción do uso social do valenciano
A Consellería de Educación de Valencia investirá máis dun millón de euros en axudas para promover o uso social do valenciano durante o exercicio de 2010, destinadas a concellos e mancomunidades de municipios, asociacións cívicas sen finalidade lucrativa e empresas, comercios e industrias.
Fonte: Europa Press
Boletín
Subscríbase ao boletín