Comunidade Valenciana
Presentan unha iniciativa popular para que o valenciano sexa obrigatorio para os funcionarios

A Generalitat Valenciana xa ten un borrador para a nova Lei para a ordenación e xestión da función pública, na que non figura a obrigatoriedade de que os aspirantes a funcionarios saiban valenciano. O seu coñecemento só se terá en conta, pero non é obrigatorio. Por este motivo, case un centenar de colectivos e entidades cívicas presentaron un manifesto no que piden que no proceso de selección dos funcionarios se "acredite o coñecemento do valenciano, tanto en expresión oral como escrita".
Fonte: El País
O valenciano sitúase nas tecnoloxías dixitais de comunicación
A conselleira de Xustiza e Administracións Públicas, Paula Sánchez de León, presentou a nova rede corporativa de voz en valenciano dos terminais de telefonía fixa da Generalitat.
Fonte: ABC
O conselleiro de Educación valenciano considera “primordial” o impulso á presenza do valenciano na Administración
O conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, indicou, durante o acto de presentación da tradución ao valenciano da Lei hipotecaria, que a recuperación e impulso da presenza do valenciano na Administración constitúe un “obxectivo primordial” para a Generalitat.
Fonte: El Periòdic
O Tribunal Supremo ditamina contra a exclusión de Filoloxía Catalá para acreditar o coñecemento de valenciano
A sección sétima da sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso interposto pola Generalitat Valenciana contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana (TSJCV) que determina a validez do título de Filoloxía Catalá para acreditar os coñecementos de valenciano en oposicións docentes.
Fonte: Europa Press
Amoestan a alcaldesa de Alacant por non responder en valenciano a un veciño que elixira esta lingua
O Síndic de Greuges (Valedor do Pobo de Valencia) lembroulle este mes nunha carta á alcaldesa de Alacant a obriga legal de "respectar os dereitos lingüísticos dos administrados" e de responderlles na lingua que estes elixisen, que é o valenciano no caso da queixa que motivou este pronunciamento.
Fonte: El País
A Consellería de Educación de Valencia aposta por potenciar o valenciano nas festas populares
A Consellería de Educación puxo en marcha a campaña de divulgación do valenciano "De festa, en valencià, naturalment" (De festa, en valenciano, naturalmente), que ten por obxecto potenciar o uso deste idioma nas festas populares.
Fonte: La Verdad
Aumentan en 257 os grupos que ofrecen ensino en valenciano no curso 2009-2010
O conselleiro valenciano de Educación presentou o curso 2009-2010, que chegará a 766.332 matriculados nos diversos niveis da educación non universitaria. Polo que respecta ás liñas, neste curso haberá 3789 grupos en valenciano, 257 máis có ano pasado.
Fonte: Pàgina 26
Impulsan unha iniciativa lexislativa popular para legalizar TV3 na Comunidade Valenciana e dar espazo comunicativo ao catalán
Sindicatos, partidos e asociacións impulsan unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para conseguir a legalización das emisións da canle autonómica catalá TV3 na Comunidade Valenciana e "cambiar as regras do xogo no Estado Español" para que linguas como o catalán, o galego e o éuscaro dispoñan dun espazo comunicativo definido.
Fonte: Europa Press
O Servizo de Linguas da Universidade Jaume I inicia unha nova campaña de ´Matricúlate en valenciano´
O Servizo de Linguas e Terminoloxía da Universidade Jaume I inicia unha nova campaña para promover que os estudantes elixan o profesorado que imparte clase en valenciano e a mesma opción lingüística no impreso de matrícula, así como para aumentar o uso da lingua propia.
Fonte: El Periódico Mediterráneo
Dous de cada tres secretarios xudiciais valencianos descoñecen o valenciano
Dous de cada tres secretarios xudiciais destinados nos xulgados da Comunidade Valenciana descoñecen o valenciano. E ademais, o problema é que o terzo que o domina tampouco pode utilizalo de forma habitual nos escritos porque o sistema informático implantado pola Generalitat Valenciana só está en castelán.
Fonte: Levante
Boletín
Subscríbase ao boletín